BDNS (Identif.): 809022.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3b) e 20.8. a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Obxecto das axudas
Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 30.000 habitantes para que poidan rehabilitar edificacións e vivendas da súa titularidade e para que as adxudiquen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).
Segundo. Concellos beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:
a) Contar con menos de 30.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación da correspondente convocatoria.
b) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano desta convocatoria, en que o seu prazo de presentación estivese vencido.
2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que estean nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Terceiro. Crédito orzamentario
1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 450.000 euros para a anualidade 2025 e por importe de 1.400.000 euros para a anualidade 2026.
2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.
3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o 27 de xaneiro de 2025 e rematará o 3 de xuño do 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. As solicitudes presentadas fóra do prazo anterior serán inadmitidas.
2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
Santiago de Compostela, 30 de decembro do 2024
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
