Expediente: IN407A 2022/444-1.
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: Ampliación de potencia CT Santa Irene (15A193) (expte. D.I.: IN407A 2016/638-1 (RALI).
Termo municipal: O Pino.
Feitos:
O día 23.12.2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e de construción, en concreto, dunha instalación de distribución de enerxía eléctrica no termo municipal do Pino, que queda rexistrada co número de expediente IN407A 2022/444-1.
O día 23.5.2023, esta xefatura territorial resolveu conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica cun prazo de execución dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
O día 2.1.2025, segundo o artigo 94 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo, a empresa promotora presenta unha solicitude de desistencia de todos os trámites deste expediente.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
2. Lexislación de aplicación:
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro).
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE número 236, do 2 de outubro).
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE número 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE número 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE número 246, do 14 de outubro).
– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 22, do 1 de febreiro).
3. O artigo 21.1 da dita Lei 39/2015 establece que «a Administración está obrigada a ditar resolución expresa e a notificala en todos os procedementos calquera que sexa a súa forma de iniciación. Nos casos de prescrición, renuncia do dereito, caducidade do procedemento ou desistencia da solicitude, así como de desaparición sobrevida do obxecto do procedemento, a resolución consistirá na declaración da circunstancia que concurra en cada caso, con indicación dos feitos producidos e as normas aplicables».
Así mesmo, o seu artigo 94.1 establece que «toda persoa interesada poderá desistir da súa solicitude ou, cando iso non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos». Pola súa banda, o artigo 94.4 da mesma lei sinala que «A Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia, e declarará concluído o procedemento salvo que, se compareceron nel terceiros interesados, estes instasen a súa continuación no prazo de dez días desde que foron notificados da desistencia ou renuncia».
4. Á vista dos preceptos citados, logo de analizar o expediente e xa que non existen terceiras persoas interesadas ou afectadas, este departamento territorial entende que non existe inconveniente ningún en aceptar de plano a renuncia solicitada.
De acordo con todo o sinalado,
RESOLVO:
Aceptar a solicitude de renuncia formulada pola empresa promotora, deixando sen efecto a Resolución deste Departamento Territorial do 23.5.2023, de autorización administrativa previa e a de autorización administrativa de construción.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado. Mediante este documento notifícase a resolución correspondente ao expediente que se indica, segundo o exixido no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015.
A Coruña, 7 de xaneiro de 2025
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
