BDNS (Identif.): 809973.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
As persoas físicas que poidan acreditar a súa vinculación previa coa realización dunha obra audiovisual ou formación académica no ámbito da creación ou produción audiovisual, ou ben a súa participación en cursos ou obradoiros relacionados coa creación audiovisual, e desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia.
As persoas físicas autónomas ou as persoas xurídicas que estean constituídas como produtora independente no momento de presentar a solicitude, teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e desenvolvan a súa actividade habitual maioritariamente en Galicia.
Segundo. Finalidade
Regular as subvencións establecidas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para o apoio á creación de obras audiovisuais con decidida vocación artística e cultural e, en concreto, a realización de curtametraxes a cargo de creadores/as individuais, e a posprodución de curtametraxes e a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento CT207E).
Cuarto. Importe
Estas axudas financiaranse cun crédito total de 176.000 euros, para as anualidades 2025 e 2026, código de proxecto 2015-0003, da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias e anos:
|
Aplicación orzamentaria |
Ano 2025 |
Ano 2026 |
|
13.A1.432B.480.0 |
48.000 €. |
|
|
13.A1.432B.770.0 |
34.000 € |
94.000 € |
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
