Expediente: IN407A 2024/098-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMT e CS San Martiño.
Concello: Meis.
Feitos:
1. O 1.3.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMT e CS San Martiño.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira eléctrica Carlota Martínez Rua, colexiada 4776 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e en que figura un orzamento total de 55.438,22 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas no lugar de San Martiño, no concello de Meis (Pontevedra):
– Instalación dun centro de seccionamento de tipo manobra exterior con envolvente de formigón 3L telecontrolado con trafo de tensión e situado na parcela con referencia catastral 36028A204090010000XX.
– Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 172 metros de lonxitude para anelar o centro de seccionamento á liña de media tensión aérea (LMTA) CBD807.
– Instalación dun apoio C 1000/16 para realizar o dobre paso aéreo subterráneo de alimentación para o centro de seccionamento.
– Retensado dos vans adxacentes ao apoio proxectado.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Meis e a Axencia Galega de Infraestruturas, que non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. O 12.9.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou o inicio da avaliación de impacto ambiental simplificada, con base no Real decreto 445/2023, do 13 de xuño, que modificou os anexos I, II e III da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concretamente, a alínea b) do grupo 4 do anexo II.
4. O 8.10.2024, este departamento territorial remitiu o estudo de impacto ambiental simplificado para o proxecto LMT, novo CS e apoio Bouza-S. Martiño, no concello de Meis (Pontevedra), para que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitise o oportuno informe de avaliación de impacto ambiental simplificada, conforme o artigo 45 da Lei 21/2013, do 9 de decembro.
O 26.11.2024, a Subdirección de Avaliación Ambiental comunicou que, á vista das características do proxecto presentado, consiste na modificación dunha liña eléctrica xa existente mediante a instalación dun apoio para o paso aéreo subterráneo e a instalación dun tramo de liña de media tensión subterránea que discorre integramente por vieiros en solo urbanizado para enlazar co centro de seccionamento. Logo, non procede a tramitación de avaliación de impacto ambiental segundo o indicado no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro.
Consideracións legais e técnicas.
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 172 metros de lonxitude, coa orixe e final no dobre paso aéreo subterráneo no apoio proxectado na LMTA CBD807 (entre os apoios 9V8C2GC0//34 e 9VA5EQLX//35), facendo entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.
– Centro seccionamento con tres celas de liña, dúas telecontroladas, situado en San Martiño.
– Retensado dos vans aéreos contiguos ao novo apoio (95 metros de condutor LA110).
– A instalación está situada en San Martiño, no concello de Meis (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT e CS San Martiño, expediente IN407A 2024/098-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 2 de xaneiro de 2025
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
