BDNS (Identif.): 810742.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Beneficiarios
Os concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:
a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.
b) Que remitisen a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2023 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
Segundo. Obxecto
Establecer as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 14 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinados a concellos de Galicia para o ano 2025, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida (código de procedemento PR486A).
Cuarto. Importe
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de tres millóns cincocentos mil euros (3.500.000,00 €).
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
