O 31 de xaneiro de 2024, a Comunidade de Montes en Man Común de Vincios presentou unha solicitude para a declaración, como espazo privado de interese local, do lugar denominado «Macizo Rochoso do Galiñeiro», situado no concello de Gondomar. Xunto coa solicitude, a comunidade de montes achegou a memoria e documentación previstas nos artigos 40.1 e 40.2.a) da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.
O artigo 40.3 da antedita lei establece que a memoria someterase ao trámite de participación pública nos termos previstos no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente. Este artigo busca que se informe o público sobre calquera proposta de plan, programa ou disposición de carácter xeral en tramitación e que este teña dereito a expresar as súas observacións e opinións cando estean abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións.
Ademais, o artigo 65 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, indica que a tramitación e aprobación das normas de xestión realizarase simultaneamente coa declaración do espazo natural protexido correspondente, con arranxo ao disposto nos artigos 40 e 41.
Con este trámite garántese a participación pública nos procedementos de declaración de espazos naturais protexidos e de aprobación dos seus instrumentos de planificación previstos nas alíneas a) e b) do artigo 9.1 da Lei 5/2019, do 2 de agosto.
Esta iniciativa pretende preservar e poñer en valor o Macizo Rochoso do Galiñeiro con base nos seus valores patrimoniais e culturais, sendo unha figura singular e recoñecible visible desde moitos puntos do sur de Galicia e norte de Portugal. Entre os seus valores máis salientables están os afloramentos de gneis de riebeckita do complexo Malpica-Tui (IGME), a paisaxe e a súa flora e fauna, así como o patrimonio cultural que comprende o BIC Fortaleza do Galiñeiro e covas, xunto co patrimonio inmaterial.
Visto o anterior e conforme o establecido no artigo 40 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, e no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo,
ACORDO:
Primeiro. Abrir un período de participación ao público da memoria para a declaración como espazo privado de interese local do enclave denominado «Macizo Rochoso do Galiñeiro» durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar a memoria preliminar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:
https://medioambiente.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html
Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:
1. Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «Memoria EPIN Macizo Rochoso do Galiñeiro».
2. Mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2025
María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural
