Mediante a Resolución da Dirección Xeral da Función Pública do 30 de novembro de 2023 (DOG núm. 231, do 5 de decembro), modificada pola Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 233, do 11 de decembro) e corrección de erros (DOG núm. 237, do 15 de decembro), convocouse concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escalas de prevención e defensa contra incendios forestais.
A base VI da convocatoria establece que «rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no Diario Oficial de Galicia a apertura dun prazo de quince (15) días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo».
Así mesmo, a base VII da convocatoria do concurso determina que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, que foi o 22 de decembro de 2023.
Do mesmo modo, establece que se poderá xustificar a posesión de méritos e requisitos ata o último día do prazo de solicitudes de elección de postos de traballo.
Por outra banda, mediante a Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, dítanse as instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro). Esta resolución ten por obxecto regular o contido, uso, acceso e efectos dos datos almacenados de forma electrónica no expediente persoal electrónico a que se accede a través da plataforma da Canle de emprego público de Galicia (Fides).
Na instrución cuarta da Resolución do 5 de decembro de 2023 establécese que os datos do expediente electrónico se empregarán na tramitación dos procesos de provisión de postos de traballo, polo que as persoas que participan no concurso de traslados convocado deberán achegar a documentación acreditativa dos seus méritos do xeito previsto na citada resolución a través da Canle de emprego público de Galicia (Fides).
En cumprimento do disposto anteriormente e co obxecto de que as persoas concursantes poidan solicitar os postos e acreditar os méritos e requisitos, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Obxecto e prazos
Publicar o prazo para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e publicar o procedemento que se deberá seguir para xustificar a posesión dos méritos e requisitos específicos para o acceso aos postos.
O prazo habilitado para presentar a solicitude de elección de postos de traballo e xustificar a posesión de méritos e requisitos será de quince (15) días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, concretamente desde o 3 ao 21 de febreiro de 2025.
Segundo. Solicitudes de elección de postos
Durante o prazo indicado no punto primeiro as persoas concursantes poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I da resolución de convocatoria, modificada pola Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 233, do 11 de decembro) e corrección de erros (DOG núm. 237, do 15 de decembro), aos cales se engadirán as potenciais resultas consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/
A solicitude de postos de traballo deberá presentarse electronicamente, segundo o establecido na base IV de Tramitación electrónica.
Entenderase que renuncian a participar no concurso todas aquelas persoas que formulasen unha solicitude de participación pero non presenten unha solicitude de elección de postos de traballo.
Terceiro. Procedemento de acreditación de méritos e requisitos
1. A base VII da convocatoria do concurso establece que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, isto é, o 22 de decembro de 2023, de acordo coa Resolución do 30 de novembro de 2023, modificada pola Resolución do 5 de decembro de 2023.
2. Os méritos e requisitos deberán acreditarse de conformidade co procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.
Non se terán en conta os méritos que non se presenten conforme o establecido no dito procedemento.
Non obstante, a acreditación da posesión do requisito indispensable Proba física pack test indicado nalgún dos postos ofertados xustificarase mediante a superación da proba física correspondente. Serán convocadas á realización desta proba as persoas solicitantes deses postos, mediante convocatoria que será publicada no Diario Oficial de Galicia.
3. As persoas concursantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos valorables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da Canle do emprego público de Galicia (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal
Ao acceder á Canle do emprego público de Galicia (Fides) comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:
a) No suposto de que a persoa concursante estea conforme cos datos consultados, non precisará realizar ningunha actuación.
b) No suposto de que a persoa concursante non estea conforme cos datos consultados, por non constaren ou estaren incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa, ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023.
c) A persoa concursante que non teña recollido no seu expediente electrónico persoal algún período da súa experiencia profesional interna na Xunta de Galicia ou que atope erros nos seus méritos nos estados «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado», poderá presentar alegacións a través do formulario de reclamacións que está á súa disposición no portal web corporativo da Dirección Xeral da Función Pública na páxina https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados, que se deberá cubrir e presentar electronicamente.
d) Os méritos que na data de publicación desta resolución estean incorporados no expediente electrónico no estado «acreditación documental incompleta» deberán ser acreditados para poder ser tidos en conta.
4. Para acreditar os méritos, as persoas concursantes presentarán a documentación que xustifique a totalidade do mérito rexistrado, do xeito establecido nos puntos 3 e 4 da instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023. Isto é, se posúen documentos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas, incorporaranas directamente no seu expediente electrónico persoal a través do enderezo https://fides.xunta.gal ou, cando os documentos orixinais figuren en formato papel, presentarán a documentación e o informe xerado en Fides, na pestana de actualización de méritos, de maneira presencial en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
5. O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado «acreditación documental incompleta», rematará segundo o indicado no punto primeiro desta resolución.
6. Os méritos e requisitos reflectidos no expediente electrónico persoal no estado de validados serán os que teña en conta a comisión de valoración do concurso e sempre referidos á data que se establece no punto terceiro desta resolución.
7. Non se terán en conta neste proceso outros méritos presentados polas persoas concursantes distintos dos que figuren no seu expediente persoal electrónico ou que se soliciten no expediente ou acrediten documentalmente con posterioridade ao remate do prazo establecido no punto primeiro desta resolución.
Por se tratar dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, despois de rematado o prazo de acreditación de méritos e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos, aínda que consten rexistrados na solicitude de actualización ou modificación do expediente persoal. Exceptúase aquela documentación que, xustificada documentalmente neste mesmo prazo, fose solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non se recibise no indicado prazo. Neste suposto admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións ás puntuacións provisionais.
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2025
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
