DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2025 Páx. 8939

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 23 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino e os premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR802O e TR802Q).

BDNS (Identif.): 811092.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderanse acoller aos premios recollidos nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos no correspondente programa de axudas:

a) Os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial para os traballos elaborados polo seu alumnado, segundo as modalidades e nos termos previstos no programa I.

b) As cooperativas galegas que estean ao día nas obrigas rexistrais co Rexistro de Cooperativas de Galicia, segundo as modalidades e nos termos previstos no programa II.

Segundo. Obxecto e finalidade

Fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, entre o alumnado dos centros educativos de Galicia, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas realizan para o desenvolvemento cooperativo na Comunidade Autónoma Galega, e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.

Establécense os seguintes programas de axudas:

Programa I. Certame Cooperativismo no ensino dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia (código de procedemento TR802O).

Programa II. Premios á cooperación (código de procedemento TR802Q).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 23 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino e os premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (códigos de procedemento TR802O e TR802Q).

Cuarto. Contía

O orzamento total ascende a vinte e oito mil euros (43.000 €).

A distribución inicial de créditos por programas é a seguinte:

Programa I. Certame Cooperativismo no ensino: vinte e oito mil euros (28.000 €).

Na modalidade de actividades artísticas concederanse un total de catro premios ao mellor traballo e catro accésits, por un importe de dous mil cincocentos euros (2.500 €) e mil cincocentos euros (1.500 €), respectivamente.

Na modalidade de actividades cooperativizadas concederase un total dun premio ao mellor traballo e dun accésit, por un importe de dous mil cincocentos euros (2.500 €) e mil cincocentos euros (1.500 €), respectivamente.

Na modalidade de proxectos empresariais cooperativos concederase un premio ao mellor proxecto e un premio ao proxecto finalista, por un importe de catro mil cincocentos euros (4.500 €) e tres mil cincocentos euros (3.500 €), respectivamente.

Programa II. Premios á cooperación: quince mil euros (15.000 €).

Outorgarase un premio de cinco mil euros (5.000 €) en cada unha das categorías.

• Premio aos valores cooperativos.

• Premio ao mellor proxecto cooperativo novo.

• Premio á traxectoria cooperativa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de abril de 2025.

Sexto. Outros datos

Os importes dos premios correspondentes ás modalidades de actividades artísticas e de actividades cooperativizadas serán aboados aos centros de ensino, que os deberán destinar á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou á realización dunha actividade formativa, deportiva ou cultural dirixida ao alumnado do centro. Na modalidade de actividades cooperativizadas o centro poderá optar por destinar a totalidade ou parte do premio acadado á posta en marcha de proxectos emprendedores cooperativos no propio centro educativo co obxecto de que poidan entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Os importes dos premios correspondentes á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán aboados ás persoas autoras do proxecto.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración