A aprobación do Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de grao e máster na Universidade de Santiago de Compostela (Acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 24 de xullo de 2024) supón unha modificación no procedemento de solicitude, tramitación e resolución das solicitudes de recoñecemento nos termos establecidos no título IV do dito regulamento, instrumento que entrará en vigor o 1 de febreiro de 2025.
Neste sentido, as solicitudes de recoñecemento presentadas polas persoas interesadas serán examinadas pola Unidade de Xestión Académica ou polo centro responsable da titulación, en función de se existe ou non táboa de recoñecementos previa. É por isto que se precisa modificar a delegación de competencias en materia de xestión académica para incluír os/as decanos/as e directores/as de centros naqueles supostos nos que asumen a competencia directa no ditado de resolucións de recoñecemento.
Polo indicado anteriormente, esta reitoría, no uso das atribucións conferidas polos artigos 50 da Lei orgánica do sistema universitario e 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, e en aplicación do artigo 9 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público,
RESOLVE:
Modificar a Resolución reitoral do 21 de abril de 2022, pola que se delegan competencias en determinados órganos universitarios, engadindo unha nova epígrafe III.bis, redactada nos seguintes termos:
«III.bis. Delegación en favor dos/das decanos/as e directores/as de centro.
Décimo cuarto bis. Delegación en materia de xestión académica
Deléganse nos/nas decanos/as e directores/as de centro as competencias relativas á resolución das solicitudes de recoñecemento de créditos naqueles casos nos que as titulacións implicadas non dispoñan de táboas de recoñecemento».
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución terá vixencia desde o día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2025
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela
