Mediante a Orde do 14 de marzo de 2023, da Consellería do Medio Rural, nomeouse a José Antonio Feijóo Mateo e a Viña Blanca del Salnés, S.A., representada por Sonia Otero Padín, presidente e vicepresidenta, respectivamente, do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
O pasado día 18 de decembro, José Antonio Feijóo Mateo presentou ante o Pleno do dito Consello Regulador a renuncia ao seu cargo. Así, desencadeouse o procedemento para a súa substitución que se recolle no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.
Posteriormente, na reunión do Pleno do Consello Regulador do día 15 de xaneiro, acordouse elixir a Sonia Otero Padín presidenta deste organismo. Nese mesmo pleno, Sonia Otero Padín, como representante de Viña Blanca del Salnés, S.A., presentou a renuncia desta sociedade á vogalía que desempeñaba, polo que deixou vacante a vicepresidencia deste organismo.
Para cubrir esa vacante, o Pleno do Consello Regulador volveuse reunir o día 16 de xaneiro e acordou elixir a Destilerías Candamio, S.L., representada por Jesús Candamio Folgar, para ocupar a vicepresidencia desta corporación de dereito público.
Por todo isto, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro,
DISPOÑO:
Artigo único. Nomeamento da presidencia e da vicepresidencia do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia
1. Noméase a Sonia Otero Padín presidenta do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
2. Noméase a Destilerías Candamio, S.L., representada por Jesús Candamio Folgar, vicepresidente do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
