BDNS (Identif.): 812959.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) y 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pódese consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poden obter a condición de beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Tamén poden ser beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Finalidade
Determinar as condicións que regularán a concesión de subvencións para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas vinculadas ás artes escénicas e ou musicais e proceder á súa convocatoria para o ano 2025.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución de 10 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais de artes escénicas e música, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento CT402C).
Cuarto. Importe
O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 600.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.470.0, dos orzamentos xerais da Axencia Galega das Industrias Culturais para o exercicio 2025 (código de proxecto 2015-00003).
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase aos 10 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará aos 6 meses. A sede electrónica para a presentación de solicitudes abrirase ás 9.00 horas e o remate do prazo será ás 14.00 horas do día do vencemento.
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2025
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
