DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 2025 Páx. 12677

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás asociacións galegas de usuarios de software libre para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o período 2025-2026 (código de procedemento AP400E).

BDNS (Identif.): 814271.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index ).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas unicamente as asociacións sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e correctamente rexistradas no Rexistro de Asociacións de Galicia, formadas por persoas físicas e que teñan recollido no seu obxecto social algún dos seguintes puntos:

• Difusión, fomento e/ou promoción do software e/ou hardware libre.

• Localización ao galego de aplicacións de software libre.

• Organización de xornadas e/ou eventos de software e/ou hardware libre.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segundo. Finalidade

Concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás asociacións galegas de usuarios de software libre para impulsar a realización de actuacións para o fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o período 2025-2026 (código de procedemento AP400E).

Cuarto. Importe

A convocatoria está financiada con cargo á aplicación orzamentaria 07.A1. 571A.781.0, proxecto 2014.00007, dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, cun importe máximo de 90.000,00 € distribuídos do seguinte modo: 45.000,00 € para o ano 2025 e 45.000,00 € para o ano 2026.

A intensidade máxima desta subvención será do cento por cento (100 %) do custo elixible do proxecto subvencionable.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2024

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia