De conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda de xestión:
Resolución do 5 de febreiro de 2025, da Axencia Galega de Infraestruturas, pola que se lle encomenda á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a roza, a corta e o acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas, retirada, esteladura ou amoreamento e venda da madeira das árbores situadas no dominio público das marxes das estradas de titularidade autonómica de Galicia.
– Actividade: os traballos que se van realizar baixo a cobertura da presente encomenda consistirán na roza de vexetación e arbustos e corta de árbores situadas na zona de dominio público das estradas da Rede de estradas de Galicia, incluíndo o abetemento, retirada e/ou amoreamento de residuos e tamén a venda da madeira aproveitable. Ademais, realizaranse traballos de axardinamento de sendas e zonas verdes e de acondicionamento de glorietas. Tamén se prevé a reposición dos elementos de valado perimetral das estradas en que se desenvolven os traballos e que poidan ser danados durante a súa execución.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: encomenda de xestión a medio propio, ao ter a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a consideración de medio propio e de servizo técnico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao abeiro do establecido nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
– Prazo de vixencia: dezaoito (18) meses.
– Modalidade de financiamento: esta encomenda tramítase con cargo aos orzamentos da Axencia Galega de Infraestruturas para o ano 2025, aplicación orzamentaria 11.A1.512B.610.1.
– Orzamento: 3.984.946,02 €
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2025
Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas
