O vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia, publicado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 11 de decembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 240, do 18 de decembro), regula na súa base 2.1 a elaboración de listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais, e indica que se actualizarán con carácter periódico.
Na base 4 do referido pacto indícase que na selección temporal do persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria se aplicarán con carácter xeral as normas establecidas no vixente pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño de 2016).
En cumprimento do acordado, logo de finalizado o prazo indicado na base 4.a) do Pacto de selección temporal de persoal estatutario licenciado sanitario de atención hospitalaria, e de conformidade co previsto na norma I.5.1 do Pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia e a base novena da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 12 de setembro de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 181, do 23 de setembro), pola que se regulan as bases do procedemento de actualización periódica das listas de selección temporal, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Publicar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de actualización periódica das listas de selección temporal elaboradas ao abeiro do Pacto do 11 de decembro de 2018 nas diversas categorías/especialidades de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia.
Segundo. As listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as coa asignación aos primeiros da puntuación e da orde de prelación provisionais acadadas están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos
Terceiro. Contra a resolución provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.
As persoas que, presentando debidamente a solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.
A aceptación ou a desestimación das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución desta dirección, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as, e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas acadadas polas persoas aspirantes.
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2025
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
