DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2025 Páx. 13624

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 12 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2025 (código de procedemento PE155A).

BDNS (Identif.): 815537.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as seguintes:

1. Pequenas e medianas empresas e persoas físicas con capacidade para desenvolver unha actividade económica con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades terán personalidade xurídica.

As beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Desenvolver o proxecto no ámbito de aplicación da estratexia do GALP.

b) Cando a beneficiaria sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos estatutos que teña rexistrados na data de remate de solicitude.

c) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarias:

1º. As sociedades de capital con domicilio social e fiscal no municipio en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

No caso de que a sociedade desenvolva actividades noutros sectores, deberán acreditar, no momento da solicitude, que a maior parte da súa facturación no ano anterior á convocatoria provén do sector pesqueiro.

2º. As persoas integrantes do sector pesqueiro e os seus familiares. Enténdense por familiares do sector pesqueiro aquelas persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida, no ano inmediato anterior á data da solicitude, que sexa ou fose unha persoa pescadora, mariscadora, acuicultora ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.

2. Persoas xurídicas sen ánimo de lucro, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.

As beneficiarias son as seguintes:

a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.

b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.

c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.

d) Entidades públicas locais.

e) Asociacións declaradas de utilidade pública.

f) Entidades sen ánimo de lucro cos seguintes obxectivos nos seus estatutos:

1º. Fomentar as actividades náuticas.

2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.

3º. Fomentar o ambiente mariño e costeiro.

4º. Promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro.

g) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), soamente poderán ser beneficiarias:

1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

2º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos especificamente á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

3. No caso de proxectos que supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse á categoría de Peme, agás as entidades de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

4. No caso de proxectos que non supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse ás indicadas no punto 2 deste artigo.

5. Para seren elixibles, as persoas beneficiarias disporán de capacidade administrativa, financeira e operativa. Ademais, no caso de operacións que impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, a persoa disporá dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, para garantir a súa sustentabilidade financeira.

6. Persoas beneficiarias conxuntas:

1º. Poderán concorrer de maneira individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades, as sinaladas no artigo 5.1 entre si, e as sinaladas no punto 2 entre si.

No caso de concorreren de forma conxunta, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, co cal se efectuarán as actuacións, que será unha das entidades solicitantes, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2º. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente, cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

3º. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorran os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

1. O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

2. Así mesmo, convócanse subvencións no exercicio orzamentario do ano 2025. O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE155A.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 12 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 (código de procedemento PE155A).

Cuarto. Importe

O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2025 e a plurianualidade asociada ás axudas que poidan concederse neste acada o importe de catorce millóns seiscentos cinco mil euros (14.605.000 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

2025

2026

2027

Totais

2025.16.03.723C.780.0

1.100.000 €

770.000 €

660.000 €

2.530.000 €

2025.16.03.723C.770.0

4.766.000 €

3.336.200 €

2.859.600 €

10.961.800 €

2025.16.03.723C.760.0

484.000 €

338.800 €

290.400 €

1.113.200 €

Total

6.350.000 €

4.445.000 €

3.810.000 €

14.605.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar