BDNS (Identif.): 816081.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS): (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos e as entidades locais menores responsables de sistemas de abastecemento á poboación que teñan unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes.
Non poderán ser beneficiarios os concellos e as entidades locais menores que xa o fosen ao abeiro das convocatorias dos anos anteriores, salvo que, unha vez notificada a resolución de concesión, renunciasen á subvención no prazo establecido nas bases da convocatoria para a aceptación ou renuncia á subvención.
Segundo. Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores, en réxime de concorrencia non competitiva, para a realización de auditorías de abastecemento para minimizar as perdas de auga, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU301C).
Terceiro. Bases reguladoras
Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 10 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301C).
Cuarto. Importe
As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de douscentos mil euros (200.000,00 €).
O importe das subvencións será do 80 % do gasto subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000,00 €) por solicitude, ata esgotar o crédito referido nesta resolución.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 28 de febreiro de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 28 de marzo de 2025.
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2025
Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia
