DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2025 Páx. 13927

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 11 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301D).

BDNS (Identif.): 816101.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS): (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos e as entidades locais menores responsables de sistemas de saneamento que teñan unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes.

Non poderán ser beneficiarios os concellos e as entidades locais menores que xa o fosen ao abeiro das convocatorias dos anos anteriores, salvo que, unha vez notificada a resolución de concesión, renunciasen á subvención no prazo establecido nas bases da convocatoria para a aceptación ou renuncia á subvención.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores, en réxime de concorrencia non competitiva, para a realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e convocar estas subvencións para o ano 2025 (código de procedemento AU301D).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 11 de febreiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento AU301D).

Cuarto. Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de cincocentos mil euros (500.000 €).

O importe das subvencións será do 80 % do investimento subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude, ata esgotar o crédito previsto nesta resolución.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 3 de marzo de 2025 e rematará ás 14.00 horas do día 3 de abril de 2025.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia