Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.
Corresponde, pois, á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, para o exercicio orzamentario 2025, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo plan anual de fomento do emprego digno (PAFED).
As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os Estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local co fin de acadar unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo no ámbito local desde a perspectiva de que existen novos viveiros de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, e no ámbito local é onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.
Entre as competencias que en materia laboral corresponden a esta comunidade autónoma, conforme o establecido no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, está a de promoción do emprego. Para lograr a converxencia con España e a Unión Europea, Galicia debe aumentar a súa taxa de emprego, mellorando as condicións de empregabilidade e propoñendo oportunidades de integración social e laboral, especialmente entre aqueles grupos que teñen unha menor participación no mercado de traballo e que presentan un maior risco de exclusión e, consecuentemente, maiores dificultades para a súa inserción social e laboral.
Pola súa banda, a disposición adicional segunda do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, que regula os programas comúns das políticas activas de emprego, establece que as comunidades autónomas poderán desenvolver programas propios adaptados á realidade do seu ámbito territorial.
En Galicia, a superficie forestal constitúe máis do 65 % do territorio, repartida en 313 concellos con 31.550 núcleos de poboación, dos cales máis do 90 % teñen unha poboación inferior aos 500 habitantes. O monte desempeña una tripla funcionalidade: social, ambiental e económica. Os recursos que proporciona benefician toda a sociedade, polo que obriga as administracións públicas a velar pola súa conservación e protección. Este importante valor que o monte desempeña en Galicia vese ameazado pola xeración de incendios forestais que afectan a riqueza ambiental e paisaxística e as actividades agroforestais, e implican un gran reto para calquera política de desenvolvemento rural, ademais de comprometer a sustentabilidade económica e social de Galicia. A política de defensa do medio rural contra os incendios, pola súa vital importancia para o país, non pode ser implementada de forma illada, senón integrándose nun contexto máis amplo de planificación do territorio e de desenvolvemento, comprometendo todas as administracións.
Así, este programa trata de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de, por unha banda, servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e, por outra, de apoiar as entidades locais na prevención dos incendios forestais, así como na dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural que axuden á súa preservación.
Con esta finalidade impleméntase esta convocatoria de subvencións, como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitirlle a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
O obxectivo fundamental desta medida é facilitar a mellora da empregabilidade da poboación desempregada a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas rurais e con menos oportunidades laborais que perden veciñanza ano tras ano. Por esa razón, e ao abeiro dos principios de cooperación e colaboración administrativa en prevención e defensa contra incendios, incentívase a contratación por parte dos concellos que contan con menos de 50.000 habitantes (padrón municipal de habitantes 2024. IGE).
Así mesmo, cómpre ter en conta a iniciativa galega dos concellos emprendedores promovida pola Administración autonómica, e recollida no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a cal supón unha continuación da liña marcada polo Protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa concellos doing business Galicia-concellos emprendedores, asinado o 10 de outubro de 2017 (disposición adicional décimo primera da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia).
Para os efectos desta convocatoria, enténdese que teñen relación coas finalidades da iniciativa galega de concellos emprendedores os gastos destinados á recuperación e á mellora dos niveis de emprego en Galicia, tal e como se establece no artigo 84.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
No marco das finalidades do artigo 1 da orde, procúrase cumprir o obxectivo social e de interese público de mellorar a empregabilidade de todas as persoas traballadoras, especialmente nos concellos do rural, contribuíndo con iso ao obxectivo de fixar poboación, fomentando a implantación e fixación de empresas en Galicia, nomeadamente, as actuacións recollidas no artigo 84.2.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á activación económica de Galicia.
Mantense o uso e a aplicación, de maneira exclusiva, de medios telemáticos para tramitar e presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, que establece o marco de desenvolvemento da administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación da cidadanía coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos.
Realizarase unha adxudicación en réxime de concorrencia competitiva, e primaranse aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para priorizar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal. Así mesmo, primaranse os concellos que na convocatoria do procedemento TR351F 2024 obtiveron e formalizaron máis de 5 contratacións, que se refunde co actual; os concellos que contan con parroquias de alta actividade incendiaria segundo o último Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), e os concellos con zonas de alto risco incendiario segundo a Orde do 18 de abril de 2007.
Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.
As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos na aplicación orzamentaria 14.02.322C.460.5 (código do proxecto 2016 00377) por un importe de 6.540.000,00 euros, nunha porcentaxe do 45,93 % sobre o importe total desta convocatoria, e na aplicación orzamentaria 14.02.322C.460.3 (código do proxecto 2015 00532), por un importe de 7.698.398,00 euros, nunha porcentaxe do 54,07 % sobre o importe total da convocatoria, resultando un importe global de 14.238.398,00 euros, contido na Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Non obstante, estes créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En consecuencia, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias, logo dos informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais de Galicia de menos de 50.000 habitantes, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral (código de procedemento TR351G).
As ditas persoas realizarán tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, en coordinación coa consellería do Medio Rural, poderá desenvolver accións formativas para as persoas traballadoras contratadas, en colaboración coas entidades que resulten beneficiarias destas axudas, para tarefas de limpeza e mantemento de vías e parcelas, e/ou tarefas de prevención de incendios.
O contido dos devanditos cursos, xunto coas datas e centros de impartición, será delimitado no correspondente acordo de colaboración que subscriban ambas as dúas consellerías, e contará, polo menos, con formación teórica en prevención de riscos laborais, así como formación, teórica e/ou práctica, en manexo de maquinaria e demais ferramentas necesarias para os labores que se vaian desenvolver.
Artigo 2. Financiamento
1. O financiamento destes programas efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados nas aplicacións 14.02.322C.460.5 (código do proxecto 2016 00377), por un importe de 6.540.000,00 euros, e 14.02.322C.460.3 (código de proxecto 2015 00532), por un importe de 7.698.398,00 euros, da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, do que resulta un importe global de 14.238.398,00 euros.
2. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A concesión das subvencións reguladas por esta orde estará supeditada á existencia de crédito nas aplicacións orzamentarias 14.02.322C.460.5 (código do proxecto 2016 00377) e 14.02.322C.460.3 (código de proxecto 2015 00532), adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.
Artigo 3. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución os concellos que conten cunha poboación inferior a 50.000 habitantes, segundo as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes do ano 2024 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupacións ou asociacións de concellos; as mancomunidades de concellos de Galicia; os consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos, e tamén poden ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.
2. As entidades recollidas non número 1 deste artigo deben dispor de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución dos correspondentes proxectos.
3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 4. Requisitos das obras ou servizos
As obras ou servizos que se desenvolvan mediante a actividade das persoas traballadoras desempregadas deberán ser tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes, a xestión da biomasa, e cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.
b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das persoas desempregadas.
c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servizos.
d) Que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa igual ou superior a nove meses.
e) Que as contratacións sexan para xornada a tempo completo.
f) As contratacións que se realicen non poderán ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na relación de postos de traballo da entidade beneficiaria.
Artigo 5. Subvención: contía
1. A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes importes salariais máximos subvencionables:
Para os grupos de cotización 1 e 2: 25.702,73 €.
Para os grupos de cotización 3 a 7: 20.563,30 €.
Para os grupos de cotización 8 a 10: 16.602,00 €.
2. Para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables os importes da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, nin os incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
Así mesmo, non son subvencionables as situacións con dereito a retribución en que non se presta servizo efectivo, como as ausencias ou as incapacidades temporais.
Para calcular os custos do persoal terase en conta o tempo de traballo efectivo, incluídas as vacacións, os días de libre disposición, ou o tempo de asistencia a cursos de formación relacionados co posto de traballo.
3. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, con que é compatible, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.
Artigo 6. Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado do anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude. No caso de presentación de varias solicitudes, só se terá en conta a última presentada, que deixará sen efecto e anulará todas as anteriores.
3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada destas bases reguladoras.
5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
6. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
c) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso de solicitudes achegadas por agrupacións ou asociacións de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia ou consorcios locais de Galicia, cada concello deberá cumprir coa citada remisión.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada
Artigo 8. Documentación complementaria
1. Xunto co formulario de solicitude, anexo I, no cal figurará a relación de persoas traballadoras por orde de preferencia, que se terá en conta para os efectos da adxudicación sucesiva dos contratos, deberá anexarse a seguinte documentación:
a) Unha memoria da obra ou servizo que se vai realizar, co detalle do perfil das persoas desempregadas que se pretenden contratar, no modelo que se publica no anexo II.
b) Certificación da persoa secretaria da entidade local en que consten os seguintes aspectos:
– A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude para o caso de que non se trate de quen teña a representación legal.
– A aprobación da solicitude de subvención.
– A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.
– As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, xuntando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.
c) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia dos estatutos, convenio de colaboración, se é o caso, e memoria explicativa da prestación conxunta da obra ou servizo con indicación das achegas de organización (medios persoais, materiais e recursos financeiros dos concellos agrupados), de acordo co número 1 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de febreiro de 2013.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.
e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.
g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 12. Procedemento de concesión
1. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia competitiva.
2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social do respectivo departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada á totalidade dos expedientes, tendo en conta que as propostas de resolucións se poderán tramitar en diversas fases, en función das dispoñibilidades orzamentarias.
Para estes efectos, a Comisión de Valoración terá unha composición paritaria, e estará integrada pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá, e como vogais, as persoas responsables dos respectivos departamentos territoriais, e unha persoa adscrita á Subdirección Xeral de Emprego, que realizará as funcións de persoa secretaria.
Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.
4. De entre as obras e servizos que cumpran os citados requisitos farase unha selección co obxecto de outorgarlles as correspondentes subvencións, seguindo as seguintes regras:
a) Terase en conta para os efectos da asignación de contratos a relación que figure, por orde de preferencia, no anexo I da solicitude.
b) Poderán recibir subvención para ata seis contratacións os concellos fusionados que se sumen á iniciativa galega dos concellos emprendedores (anteriormente denominados concellos doing business Galicia-concellos emprendedores).
c) Poderán recibir subvención para ata cinco contratacións os concellos fusionados e os concellos que na convocatoria do procedemento TR351F 2024 obtivesen e formalizasen máis de 5 contratacións.
d) Poderán recibir subvención para ata tres contratacións os concellos que posúan parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), segundo o derradeiro Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia publicado (Pladiga), e que non se encadren en ningunha das alíneas anteriores; os concellos que posúan zonas de alto risco de incendios (ZAR), segundo a Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal (DOG núm. 79, do 24 de abril), e que non se encadren en ningunha das alíneas anteriores, e os concellos que se sumen á iniciativa galega dos concellos emprendedores (anteriormente denominados concellos doing business Galicia-concellos emprendedores), e que non se encadren en ningunha das alíneas anteriores.
e) Poderán recibir subvención para ata dúas contratacións as mancomunidades de concellos, as agrupacións ou asociacións de concellos e os consorcios locais de Galicia, para a contratación de persoas en tarefas de limpeza e mantemento de vías e parcelas (rozas...) e para tarefas de prevención de incendios (limpeza de montes, xestión de biomasa, etc.), en ambos os casos con medios mecánicos.
f) Poderán recibir subvención ata unha contratación os concellos cunha poboación inferior a 50.000 habitantes (padrón municipal de 2024), e que non se encadren en ningunha das alíneas anteriores.
5. Terminada a asignación dos contratos prevista no número 4, e de existir crédito sobrante, o resto dos contratos adxudicarase sucesivamente de un en un ata o esgotamento do devandito crédito entre as entidades previstas nas alíneas b), c), d) e f) do número 4 deste artigo, por orde decrecente.
6. Nestas adxudicacións terase en conta con carácter preferente, e dentro da prelación de grupos de entidades locais indicadas no anterior número 4 (nas súas alíneas b), c), d), e) e f), a superficie total en hectáreas das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa existentes en cada concello, en orde de maior a menor, segundo os respectivos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Para aquelas entidades locais que teñan sen delimitar as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa nos seus plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, terase en conta a súa superficie forestal total en orde de maior a menor, segundo os datos do último exercicio publicado pola Consellería do Medio Rural na páxina web do Instituto Galego de Estatística: https://www.ige.eu/igebdt/selector.jsp?COD=1620&paxina=001&c=0301003
Artigo 13. Resolución
1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa responsable do respectivo departamento territorial, quen resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
2. O prazo de resolución e notificación será de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, a data límite de inicio, o tempo de realización do servizo, a contía da subvención que se vai outorgar e incorporará, de ser o caso, as condicións, as obrigas e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.
Entenderase como data límite de inicio do servizo a data tope, é dicir, o último día hábil para contratar as persoas traballadoras concedidas.
4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
5. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, destinarase á concesión de subvencións, se é o caso, daquelas obras e servizos que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.
6. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
7. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
8. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras
1. As persoas traballadoras que se contraten para a realización das obras e servizos, e polas que se outorgue a subvención, deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupadas e estar dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego.
Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que, no momento do inicio da relación laboral, a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante non ocupada e dispoñible para o emprego.
2. As persoas traballadoras con contrato por tempo indefinido fixo descontinuo, inscritas como demandantes de emprego en calquera oficina de emprego de Galicia tamén poderán ser contratadas con cargo ás axudas previstas nesta orde, sempre que a súa contratación resulte posible en función da duración do contrato subvencionado e do contrato fixo descontinuo que teñan subscrito, así como da duración do período de non actividade.
3. As persoas traballadoras que foran contratadas no programa Aprol rural (TR351G), por un período igual ou superior a nove meses con cargo ás axudas concedidas no ano 2024 pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no ámbito de colaboración coas entidades locais, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas previstas nesta orde, agás que o fosen en concellos rurais de menos de 10.000 habitantes (padrón municipal de habitantes 2024. IGE).
4. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán as persoas traballadoras que necesiten mediante a presentación de oferta de emprego na oficina pública de emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia aos requisitos e características que deben reunir as persoas traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes aos postos de traballo ofertados; deberá presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación, que deberá responder á codificación prevista no Catálogo nacional de ocupacións (CNO), de conformidade cos seguintes principios xerais:
a) A oferta, na súa formulación, non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda aos criterios preferenciais establecidos no número 5 ou se traten de favorecer os colectivos enumerados neste. Deberá utilizar unha linguaxe inclusiva, con especial atención na eliminación dos estereotipos de xénero, tanto na súa redacción como nas imaxes que acompañen a publicación.
b) En ningún caso poderá incluírse nin admitirse como criterio de emparellamento a posesión de experiencia laboral.
c) Poderán admitirse como criterios de emparellamento os relativos á titulación, formación e outro tipo de coñecementos, sempre que estean xustificados no expediente de solicitude e sexan coherentes coa resolución de concesión.
d) As entidades locais deberán presentar as ofertas, preferentemente, cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data prevista para realizar as correspondentes contratacións, na oficina pública de emprego que corresponda ao enderezo do centro de traballo do posto ou postos ofertados. Cando unha entidade dispoña de centros de traballo que se correspondan co ámbito territorial de máis dunha oficina de emprego, poderá concentrar a tramitación de todas as ofertas na oficina a que lle correspondan máis postos de traballo ofertados.
5. Recibida a oferta, realizarase unha sondaxe de demandantes en función das súas características, atendendo á maior adecuación ao posto de traballo ofertado, proporcionando, de ser posible, o número de persoas candidatas por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dúas nin superior a dez. A remisión de novas persoas candidatas só procederá cando a entidade xustifique documentalmente a súa necesidade por incumprimento dos requisitos da oferta ou por rexeitamento voluntario ou incomparecencia das remitidas.
6. Terán preferencia as persoas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral e, en todo caso, os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, tales como:
a) Persoas desempregadas que participasen en obradoiros de emprego, programas integrados de emprego, programas mixtos de formación e emprego ou accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (AFD), relacionadas co eido forestal, conservación e mellora de montes, silvicultura, agricultura, gandaría e xardinaría.
b) Persoas integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente as persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia
c) Mulleres, en especial aquelas que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero, de trata de seres humanos ou de explotación sexual.
d) Menores de 30 anos, en especial as persoas demandantes do primeiro emprego ou aquelas sen cualificación profesional.
e) Persoas paradas de longa duración.
f) Persoas con discapacidade.
g) Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións e subsidios por desemprego a que tivesen dereito.
h) Persoas desempregadas maiores de 45 anos.
i) Persoas trans.
j) Persoas emigrantes retornadas ou persoas estranxeiras con autorización ou permiso de residencia e traballo en España.
Así mesmo, terase en conta o menor nivel de protección por desemprego das posibles persoas beneficiarias, así como a existencia de responsabilidades familiares, entendendo por estas ter a cargo da persoa traballadora desempregada que se contrate o/a cónxuxe, parella de feito, fillos e fillas menores de vinte e seis anos ou maiores con discapacidade, persoas maiores incapacitadas ou menores en acollemento.
7. Excepcionalmente, logo de solicitude debidamente xustificada por parte da entidade, e da preceptiva autorización expresa da persoa responsable do respectivo departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal. As persoas seleccionadas polo procedemento descrito neste número deberán, en todo caso, cumprir os requisitos establecidos polos números 1 ou 2, e 3 deste artigo.
8. As persoas candidatas serán remitidas á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada, para o seu coñecemento, á correspondente oficina de emprego.
9. As incidencias e reclamacións que se poidan suscitar, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas pola entidade promotora.
10. Ao tratarse dun programa encadrado no marco das políticas activas de emprego que busca incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, no proceso de selección seguiranse os criterios establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será aplicable a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas; as persoas traballadoras seleccionadas non se considerarán incluídas nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo e, consecuentemente, non será precisa oferta de emprego público previa.
11. As contratacións que se realicen non poderán ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na relación de postos de traballo da entidade beneficiaria.
Artigo 15. Contratación das persoas traballadoras
1. Efectuada a selección das persoas traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando necesariamente a modalidade de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse no prazo e nos termos establecidos na resolución concedente da subvención e, en todo caso, dentro do exercicio 2025. Cada contrato terá unha duración mínima de nove meses e unha xornada laboral do 100 %, e ese será período laboral o máximo subvencionable para cada contrato.
2. Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a persoa responsable do respectivo departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá autorizar o inicio da obra ou servizo con posterioridade ao prazo establecido na resolución de concesión e, en todo caso, dentro do exercicio 2025, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.
3. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.
4. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse necesariamente a través da aplicación Contrat@, marcando a opción específica «interese social corporacións locais» que figura no punto «Datos específicos do contrato».
5. Para a comunicación dos contratos de traballo á correspondente oficina de emprego a través da aplicación informática Contrat@ deberán terse en conta os seguintes requisitos:
a) Que as persoas contratadas cumpran, no momento da contratación, os requisitos para seren beneficiarias destes programas.
b) Que se utilizase o modelo de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego.
6. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, poderán dar lugar á perda do dereito ao cobramento e reintegro de conformidade co artigo 21.
Artigo 16. Contratación anticipada
1. Unha vez presentada a correspondente solicitude, cada entidade local, para poder iniciar aqueles proxectos de urxente posta en marcha, poderá contratar anticipadamente aquelas persoas traballadoras desempregadas que lle sexan autorizadas polo respectivo departamento territorial.
2. Para poder acollerse a esta modalidade de contratación anticipada, as entidades, logo de indicalo expresamente no expediente de solicitude, deberán esperar a recibir a autorización expresa para a contratación por parte do respectivo departamento territorial indicando, cando proceda, a obra ou servizo en que desenvolverán o seu traballo as persoas contratadas baixo esta modalidade.
3. O proceso de selección e contratación das persoas desempregadas baixo esta modalidade deberá respectar, en todo caso, o establecido nos artigos 14 e 15, e as oficinas de emprego deberán tramitar as correspondentes ofertas á vista da autorización sinalada no parágrafo anterior.
4. A xustificación das contratacións realizadas con anterioridade a que se diten as correspondentes resolucións admitirase sempre e cando se cumpran as normas contidas neste artigo.
Artigo 17. Substitución das persoas traballadoras
1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.
2. No suposto de baixas temporais que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución só será posible logo da autorización expresa do departamento territorial correspondente á solicitude fundamentada da entidade contratante.
3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada ao departamento territorial, indicando a causa da baixa, nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:
a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.
b) Parte de alta na Seguridade Social e copia do contrato de traballo na modalidade de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego da persoa substituta.
c) Certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web institucional da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, agás que se trate dunha candidata que quedase en lista de espera na primeira selección e continúe en desemprego no momento de formalizar a contratación.
d) Documento de información da subvención, en que conste o xustificante de recepción da persoa traballadora, segundo o modelo publicado na web institucional da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo logo da solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e cumpran a condición de persoa demandante de emprego, inscrita e desempregada no momento da súa contratación.
5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo máximo subvencionable, procederase á redución ou reintegro da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida, e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.
Artigo 18. Xustificación e pagamento
1. O pagamento da subvención para a contratación de persoas traballadoras desempregadas farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida, que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión e, en todo caso, antes do 31 de outubro de 2025:
a) Contratos de traballo, na modalidade de contrato de traballo vinculado a programas de políticas activas de emprego, formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.
b) Partes de alta na Seguridade Social xunto co informe de datos de cotización (IDC).
c) Un certificado da persoa secretaria ou órgano competente da entidade local beneficiaria, no cal conste:
– A formulación da correspondente oferta de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, especificando o número identificador desta e a relación nominal das persoas traballadoras desempregadas facilitadas por aquel, así como as persoas candidatas finalmente seleccionadas e contratadas.
– As retribucións salariais brutas das persoas traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.
d) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, no modelo que se publica como anexo III.
e) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 20.1.
f) Documentos de información ás persoas traballadoras da subvención debidamente asinados.
Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na ligazón:
https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0048.html
2. No suposto de non achegarse a devandita documentación, ou resultar incompleta, efectuaráselle un requirimento á entidade beneficiaria, para que a achegue no prazo de 10 días hábiles seguintes á súa notificación, segundo o establecido no artigo 45.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.
Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:
a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
b) Asignar a unha ou varias persoas pertencentes á entidade local a función de coordinación e/ou de titorización das persoas contratadas ao abeiro desta convocatoria. Esas persoas designadas pola entidade local serán ademais as de contacto coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en todos os aspectos relacionados co programa Aprol rural 2025.
c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa cualificación profesional e titulación.
d) Deberán, tamén, proporcionarlles a estas a roupa de traballo e os equipamentos de protección individual e asegurar que se realizará o seu mantemento.
e) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.
f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
g) Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.
h) Comunicarlle á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, nun prazo de 5 días desde que se produzan, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
i) Comunicarlle á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
j) Realizar, cando proceda, e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global no cal se describan tanto os puntos fortes como as carencias das persoas demandantes de emprego sen titulación que se incorporen ao mercado de traballo a través do programa regulado nesta orde.
Artigo 20. Seguimento
1. No lugar onde se realicen os servizos e ata a súa finalización, deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, no modelo normalizado establecido e publicado pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais na web institucional da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na ligazón: https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0048.html, no cal constará o cofinanciamento polos servizos públicos de emprego.
2. Utilizaranse os documentos de información ás persoas traballadoras da subvención no modelo normalizado na web institucional da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na ligazón: https://conselleriaemprego.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego?content=iniciativa_0048.html
3. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nesta norma, as entidades beneficiarias das axudas deberán:
a) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.
b) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
c) Presentar ante o respectivo departamento territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo de dous meses, unha vez que finalizase a execución do servizo, a seguinte documentación:
– Unha memoria final sobre as actividades realizadas e a práctica profesional adquirida polas persoas traballadoras contratadas.
– Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
– Copias das nóminas aboadas ás persoas traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras, ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes ao seu pagamento (transferencias bancarias, imprescindible no caso das nóminas) e mais o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111), unha vez que se dispoña destes.
– Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada a que se refire o número 3.a) deste artigo.
d) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base nunha mostraxe estatística e/ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico do respectivo departamento territorial.
Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento e reintegro
1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe que haberá que reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:
a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
c) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento, sinalada no artigo 18.1: procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.
d) Incumprimento da obriga de proporcionar a roupa de traballo e os equipamentos de protección individual exixida no artigo 19.d): procederá o reintegro do 100 % da subvención.
e) Incumprimento da obriga de manter unha planificación permanentemente actualizada de conformidade co artigo 19.g): procederá o reintegro do 10 % da subvención.
f) Incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 20.3.c): no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e, no suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe que haberá que reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.
g) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobramento da subvención e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial mensualmente: cando o importe salarial aboado fóra de prazo sexa inferior ao 50 % do gasto subvencionado, o importe que haberá que reintegrar será equivalente ao importe aboado fóra do prazo establecido, e no suposto de que o importe salarial aboado fóra de prazo sexa igual ou superior ao 50 %, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
h) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 20.1: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.
i) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou dunha codificación contable adecuada establecida no artigo 20.3.a): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.
j) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 20.3.b): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.
3. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
Artigo 22. Canle de denuncias
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco desta convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da Canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
Disposición adicional primeira
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos, e nas persoas responsables dos correspondentes departamentos territoriais desta consellería para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer as obrigas e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión ditadas por delegación da persoa titular da consellería.
Disposición adicional segunda
Mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego e demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.
Disposición derradeira primeira
Autorízase a persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
