O Decreto 42/2024, do 14 de abril, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Pola súa parte, o Decreto 48/2024, do 22 de abril, estableceu os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e fixou aqueles órganos que, pola súa importancia e natureza, quedan adscritos á Presidencia.
Posteriormente, mediante o Decreto 135/2024, do 20 de maio (DOG número 101, do 27 de maio), estableceuse a estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, coa finalidade de desenvolver esta estrutura orgánica superior ata o nivel de xefatura de servizo nun texto único que regula conxuntamente e de forma unitaria a estrutura orgánica e as correspondentes funcións dos órganos superiores e de dirección.
No dito decreto creábase, entre os órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, con rango de secretaría xeral, e con funcións de apoio e asesoramento en materia económica á Presidencia, que se levarían a cabo a través da elaboración de estudos sobre o impacto das políticas económicas aplicadas na Comunidade Autónoma, do seguimento e avaliación sobre o desenvolvemento de proxectos de investimento estratéxicos e transformadores, así como da análise e a proposta de fontes de financiamento para estes proxectos.
Nestes momentos evidénciase a necesidade de reforzar a estrutura da dita Oficina de Coordinación Económica, que tiña ata o de agora un carácter unipersoal, a través da creación dunha subdirección xeral que preste apoio á persoa titular. Isto permitirá desenvolver as tarefas dun xeito máis eficaz e eficiente, mellorar a súa calidade, implantar novas ideas e proxectos e preparar a Oficina para futuros desafíos.
Por outra banda, cómpre completar e reaxustar as competencias da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, ampliando as funcións de asesoramento á Presidencia máis alá do ámbito estritamente económico para poder abordar calquera outro aspecto relacionado co desenvolvemento socioeconómico sostible da Comunidade Autónoma, achegando valor engadido ao debate e planificación dos principais asuntos de interese para a nosa Comunidade, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento de Galicia.
A través desta modificación, queda adscrito á Oficina de Coordinación Económica da Presidencia o Instituto Galego de Estatística.
Esta adscrición permitirá actuar de forma coordinada e complementaria para poder relacionar os estudos e informes cuantitativos sobre as políticas públicas e a realidade da sociedade galega que faga o Instituto Galego de Estatística, coa avaliación que desas mesmas políticas e realidade leve a cabo desde o punto de vista cualitativo a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, o que enriquecerá a capacidade de análise, facilitará a avaliación continua e mellorará tanto a toma de decisións como a formulación de propostas de mellora integrais.
Polo tanto, tendo como premisas os criterios de máxima eficacia e eficiencia na organización administrativa, considérase necesario modificar o Decreto 135/2024, do 20 de maio, para precisar as funcións e reforzar a estrutura da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia.
Ademais, modifícase o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, por motivos meramente organizativos. Así, recóllese, con carácter xeral, que a adscrición dos postos de letrado/a aos correspondentes órganos nas relacións de postos de traballo se entenderá sen prexuízo dos desprazamentos e presenza física que sexan necesarios para asegurar a adecuada realización das funcións contenciosas ou consultivas noutras localidades diferentes da sede do órgano. Pola súa banda, inclúese a posibilidade de que as relacións de postos de traballo determinen os postos que se consideren susceptibles de deslocalización, atendendo á natureza das funcións contenciosas e consultivas de asistencia xurídica, así como ás características da súa prestación e aos medios dispoñibles. A referida deslocalización acordarase por solicitude da persoa que ocupe o posto indicado, mediante resolución do órgano competente en materia de persoal da Asesoría Xurídica Xeral, logo de informe, se é o caso, do órgano en que estea integrado organicamente e atendendo, en todo caso, á garantía das necesidades do servizo e aos espazos efectivamente dispoñibles.
Tamén se modifican, para os meros efectos de adaptar o seu contido á nova estrutura, o Decreto 48/2024, do 22 de abril, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia; o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.
O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia, é un instrumento necesario e axeitado para servir ao interese xeral e ten como premisas os criterios de racionalización administrativa. Cumpre co principio de proporcionalidade e é o instrumento normativo necesario para o desenvolvemento da estrutura orgánica, coa regulación imprescindible para atender esta necesidade. Finalmente, cumpre cos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas, así como cos principios de simplicidade e eficacia.
Na súa virtude, por proposta do Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dez de marzo de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 135/2024, do 20 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia
O Decreto 135/2024, do 20 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, queda modificado do seguinte xeito:
Un. Modifícase a letra c) do número 1 do artigo 1, que queda redactada como segue:
«c) Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, con rango de secretaría xeral. Ao dito órgano adscríbese o Instituto Galego de Estatística».
Dous. Engádese unha letra f) ao número 3 do artigo 2, coa seguinte redacción:
«f) O Consello Galego de Estatística, regulado na Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia».
Tres. Modifícase o número 2 do artigo 27, que queda redactado como segue:
«2. Correspóndelle, en particular:
a) O asesoramento e o apoio á Presidencia da Xunta de Galicia para o fomento de estudos e investigacións científicas que contribúan a identificar os factores que fortalezan o desenvolvemento sostible da sociedade galega, propoñendo mecanismos para a súa superación, así como na produción e difusión de calquera información relacionada coa realidade demográfica, social, cultural, económica, financeira e ambiental de Galicia e, en xeral, con calquera cuestión relativa ás competencias da Comunidade Autónoma.
b) A elaboración de estudos sobre o impacto das políticas económicas aplicadas na Comunidade Autónoma.
c) A elaboración de estudos de seguimento e avaliación sobre o desenvolvemento de proxectos de investimentos estratéxicos e transformadores.
d) A análise e a proposta de fontes de financiamento, no ámbito dos fondos europeos, para os proxectos e investimentos transformadores.
e) A elaboración de estudos e informes sobre a situación económica e outras análises sectoriais.
f) O asesoramento e o apoio á Oficina Económica de Galicia na coordinación dos distintos departamentos e órganos sectoriais do sector público autonómico, garantindo a coherencia das actuacións que cada un desenvolva no marco das súas competencias para acadar un resultado común.
g) Aqueloutras que lle asigne o órgano competente ou lle atribúa o ordenamento xurídico».
Catro. Engádese un artigo 27 bis, que queda redactado como segue:
«Artigo 27 bis. Estrutura
1. Para o exercicio das súas competencias, a Oficina de Coordinación Económica da Presidencia contará coa Subdirección Xeral de Coordinación, Estudos e Seguimento.
2. Queda adscrito á Oficina de Coordinación Económica da Presidencia o Instituto Galego de Estatística, organismo autónomo que se axustará, en canto aos seus fins, estrutura e funcionamento, ao previsto na Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia, e ás normas que a desenvolvan».
Cinco. Engádese un artigo 27.ter, que queda redactado como segue:
«Artigo 27.ter. Subdirección Xeral de Coordinación, Estudos e Seguimento
1. Á Subdirección Xeral de Coordinación, Estudos e Seguimento corresponderanlle as seguintes funcións:
a) O apoio técnico e administrativo á persoa titular da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia.
b) A realización dos informes que lle sexan encomendados pola persoa titular da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia.
c) A coordinación e o seguimento das actuacións levadas a cabo pola Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, así como a relación con outras unidades.
d) A coordinación e a xestión das peticións de información a outros departamentos, entes ou organismos da Administración autonómica, así como a outras entidades públicas ou privadas.
e) A promoción e a difusión dos estudos, informes e análises levados a cabo pola Oficina de Coordinación Económica da Presidencia.
f) Calquera outro asunto que lle poida ser encomendado pola persoa titular da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia no exercicio das súas competencias».
Disposición adicional única. Provisión de postos de traballo de libre designación da Axencia de Turismo de Galicia
Correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia a provisión, logo de convocatoria pública, dos postos de traballo clasificados como de libre designación que non teñan a consideración de persoal directivo, cuxo nomeamento e separación lle corresponde ao Consello Reitor consonte o establecido no artigo 17. p) dos Estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro.
Disposición transitoria única
A asunción da Dirección Xeral do Instituto Galego de Estatística por parte da persoa titular da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia non se producirá ata o cesamento da actual persoa titular por decreto do Consello da Xunta de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 48/2024, do 22 de abril, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia
Modifícase o artigo único, que queda redactado como segue:
«Artigo único. Órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia
a) Dependerán da Presidencia da Xunta de Galicia os seguintes órganos superiores e de dirección:
1. Secretaría Xeral da Presidencia:
1.1. Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.
2. Secretaría Xeral de Medios:
2.1. Dirección Xeral de Comunicación.
3. Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, con rango de secretaría xeral.
4. Asesoría Xurídica Xeral, con rango de secretaría xeral.
4.1. Dirección Xeral de Asuntos Constitucionais e Desenvolvemento Lexislativo.
5. As delegacións territoriais da Xunta de Galicia.
b) Queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia de Turismo de Galicia, que se axustará nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia; no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e nas demais normas de aplicación.
c) Queda adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia o Instituto Galego de Estatística, organismo autónomo que se axustará, en canto aos seus fins, estrutura e funcionamento, ao previsto na Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia e nas normas que a desenvolvan».
Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia
Un. Modifícase a letra b) do artigo 6, que queda redactada como segue:
«b) Quedan adscritos a esta consellería:
1. O organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública.
2. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
3. A Axencia Tributaria de Galicia.
4. O Consello Económico e Social, ente institucional de dereito público, órgano consultivo creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.
5. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, creado pola disposición derradeira segunda da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración».
Dous. Engádese unha disposición adicional décimo quinta, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional décimo quinta. Persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Estatística
A persoa titular da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, con rango de secretaría xeral, asumirá tamén a Dirección Xeral do Instituto Galego de Estatística».
Disposición derradeira terceira. Modificación do Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública
Un. Modifícase o número 2 do artigo 2, que queda redactado como segue:
«2. Adscríbense á Consellería de Facenda e Administración Pública as seguintes entidades:
a) A Escola Galega de Administración Pública, organismo autónomo que se axustará nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e nas demais normas de aplicación.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, axencia pública autonómica creada polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro.
c) A Axencia Tributaria de Galicia, axencia pública autonómica creada polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro.
d) O Consello Económico e Social de Galicia, ente institucional de dereito público, órgano consultivo da Xunta de Galicia en materia socioeconómica, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño».
Dous. Modifícase o número 3 do artigo 2, que queda redactado como segue:
«3. Adscritos á Consellería existirán os órganos colexiados seguintes:
a) A Xunta Superior de Facenda, creada coa denominación de Tribunal Económico- Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia pola Lei 13/1991, do 9 de decembro, e regulada polo Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, que modificou a súa denominación en virtude do exposto na disposición adicional primeira da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) O Comité Técnico de Coordinación dos Fondos Europeos, regulado no Decreto 127/2023, do 31 de agosto.
c) A Comisión de Nóminas, regulada polo Decreto 93/2016, do 21 de xullo.
d) A Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, creada pola Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e regulada no artigo 18 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no Decreto 156/1988, do 9 de xuño.
e) O Consello Asesor para a Integración da Discapacidade na Función Pública Galega, creado polo Decreto 143/2008, do 3 de xullo.
f) O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, que modifica a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
g) A Comisión interdepartamental de información e avaliación da calidade dos servizos públicos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevista na Lei 1/2015, de 1 de abril, e creada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 9 de xullo de 2015.
h) A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, creada polo Decreto 237/2007, do 5 de decembro.
i) A Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión, creada polo Decreto 11/2024, do 11 de xaneiro.
j) A Comisión do Xogo de Galicia, creada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro».
Disposición derradeira cuarta. Modificación do Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo
Engádense os números 3 e 4 ao artigo 7 do Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, coa seguinte redacción:
«3. A adscrición dos postos de letrado/a aos correspondentes órganos nas relacións de postos de traballo entenderase, en todo caso, sen prexuízo dos desprazamentos e presenza física que sexan necesarios para asegurar a adecuada realización das funcións contenciosas ou consultivas noutras localidades diferentes da sede do órgano.
4. Atendendo á natureza das funcións contenciosas e consultivas de asistencia xurídica, coa finalidade de acadar a máxima eficacia na prestación dos servizos e eficiencia na utilización dos recursos dispoñibles, nas relacións de postos de traballo poderán determinarse aqueles postos de traballo que se consideren susceptibles de deslocalización polas características da súa prestación e medios dispoñibles. A deslocalización implicará que a prestación presencial dos servizos por parte das persoas que ocupen os referidos postos de traballo se poida desenvolver nas dependencias físicas doutra localidade diferente á da sede do correspondente órgano.
Nestes casos, a deslocalización do posto de traballo acordarase mediante resolución do órgano competente en materia de persoal da Asesoría Xurídica Xeral, logo de informe, se é o caso, do órgano en que estea integrado organicamente o posto de traballo, e logo de solicitude da persoa que ocupe o indicado posto, atendendo en todo caso á garantía das necesidades do servizo e aos espazos efectivamente dispoñibles. A dita resolución expresará as condicións da deslocalización, que se entenderá sen prexuízo da presenza física que sexa necesaria na sede do correspondente órgano para asegurar a indicada prestación do servizo, incluíndo as reunións cos órganos asistidos e coa Asesoría Xurídica Xeral para os efectos de coordinación, así como, se é o caso, sen prexuízo dos desprazamentos a outras localidades que veñan exixidos pola realización das correspondentes funcións contenciosas ou consultivas».
Disposición derradeira quinta. Habilitación para a execución
Autorízase a Secretaría Xeral da Presidencia para ditar as resolucións necesarias para a execución deste decreto.
Disposición derradeira sexta. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil vinte e cinco
O presidente
P.S. (artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,
da Xunta e da súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

