DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 19 de marzo de 2025 Páx. 18221

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

EXTRACTO da Resolución do 11 de marzo de 2025 pola que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, 20 prazas de formación para o desenvolvemento no ano 2025 en Bruxelas das actividades formativas de especialización en financiamento comunitario, programa TecEuropa, vixésimo segunda edición (código de procedemento PR816A).

BDNS (Identif.): 820351.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das prazas de formación serán o persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades membros do padroado da FGE, na actualidade: Xunta de Galicia (Administración xeral da Comunidade Autónoma ou entidades instrumentais do sector público autonómico), Abanca, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación Provincial da Coruña e Deputación Provincial de Lugo ou outras entidades que poidan formar parte do padroado no futuro; persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades locais galegas (concellos e deputacións); e o persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial en entidades públicas e privadas con ou sen ánimo de lucro que deben ter o seu domicilio social e realizar as súas actividades maioritariamente en Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta convocatoria ten por obxecto convocar 20 prazas para o desenvolvemento de actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, vixésimo segunda edición.

A edición desenvolverase entre os días 23 e 26 de xuño de 2025 en Bruxelas.

As axudas para as actividades formativas da vixésimo segunda edición reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras do procedemento están recollidas no anexo I da Orde do 28 de febreiro de 2025, pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a realizar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e se aproban as bases reguladoras para a súa convocatoria (código de procedemento PR816A).

Cuarto. Importe

O importe destinado ás axudas aos participantes da actividade formativa presencial ascende a un total de quince mil euros (15.000,00 €). A FGE aboará un máximo de 750 € a cada persoa beneficiaria en compensación polos gastos realizados polo desprazamento e estadía en Bruxelas. Estes gastos deberán ser debidamente pagados e xustificados, unha vez que finalice a estadía en Bruxelas e se acredite a participación en todas as actividades. O prazo de xustificación será dun máximo de 15 días desde a finalización da actividade formativa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que se achegan coa correspondente resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025

Jesús Mª Gamallo Aller
Director da Fundación Galicia Europa