DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Xoves, 20 de marzo de 2025 Páx. 18234

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 20/2025, do 10 de marzo, polo que se regula a sinalización, a identificación, a información, a publicidade e as actividades de promoción das oficinas de farmacia e boticas anexas de Galicia.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 27 ordena que as administracións públicas, no ámbito das súas competencias, realicen «un control da publicidade e propaganda comerciais para que se axusten a criterios de veracidade no que atinxe á saúde e para limitar todo aquilo que pode constituír un prexuízo para esta». Así mesmo, prevé a inspección e o control da promoción e da publicidade dos centros e dos establecementos sanitarios, e a autorización previa da publicidade dos medicamentos e dos produtos sanitarios.

Tamén a Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, permite regular a publicidade dos produtos, bens, actividades e servizos susceptibles de xeraren riscos para a saúde ou seguridade das persoas e, concretamente, «a forma e condicións de difusión das mensaxes publicitarias».

Pola súa banda, o Real decreto 1907/1996, do 2 de agosto, sobre a publicidade e a promoción comercial de produtos, actividades ou servizos con pretendida finalidade sanitaria, dispón no seu artigo 6 que a publicidade e a información dos centros ou establecementos sanitarios, entre outros, así como dos servizos e prestacións que realizan, deberá axustarse ao contido da autorización sanitaria de tales centros ou establecementos. Calquera outro tipo de publicidade de tales centros, servizos ou establecementos requirirá a autorización previa e expresa das autoridades sanitarias.

O artigo 44 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, permite facer publicidade dos servizos e das prestacións ofrecidos ao público por parte dos/das profesionais sanitarios/as, sempre que a dita publicidade e información respecte as actividades e prescricións, e que sexa obxectiva, prudente, veraz, discreta e cunha linguaxe comprensible para o público a que vai dirixida.

Contamos tamén, no eido estatal, co Real decreto 870/2013, do 8 de novembro, polo que se regula a venda a distancia ao público, a través de sitios web, de medicamentos de uso humano non suxeitos a prescrición médica, o cal ten por obxecto regular a venda legal ao público, realizada a distancia, de medicamentos de uso humano elaborados industrialmente e non suxeitos a prescrición médica, a través de sitios web de oficinas de farmacia. No tocante á materia que aquí nos ocupa, o citado real decreto dispón que «non poderán realizarse agasallos, premios, obsequios, concursos, bonificacións ou actividades similares como medios vinculados á promoción ou venda ao público de medicamentos mediante sitios web, sen prexuízo dos descontos sobre o prezo de venda que se recollan na normativa vixente». Así mesmo, dispón que «a promoción e publicidade da farmacia e o seu sitio web, en calquera medio ou soporte, incluíndo a realizada en buscadores ou redes sociais, estará sometida á inspección e ao control polas autoridades competentes, e deberá axustarse á normativa vixente aplicable. En ningún caso os nomes utilizados poderán inducir a erro ou crear falsas expectativas sobre posibles beneficios do estado de saúde».

Tamén o Real decreto 666/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a distribución, a prescrición, a dispensación e o uso de medicamentos veterinarios, de aplicación aos casos de venda a distancia de medicamentos de fabricación industrial non suxeitos a prescrición veterinaria a persoas físicas ou xurídicas establecidas na Unión Europea, por parte das oficinas de farmacia e as comerciais polo miúdo autorizadas consonte o seu artigo 20.

Pola súa banda, o Real decreto lexislativo 1/2015, do 24 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, indica que non se poden ofrecer primas, obsequios, premios, concursos, bonificacións ou similares como métodos vinculados á promoción ou venda ao público de medicamentos e produtos sanitarios, e tipifica no artigo 111.2.b).26ª como infracción grave coartar a liberdade do usuario na elección da oficina de farmacia mediante calquera acto ou omisión.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 97/1998, do 20 de marzo, que regula a publicidade sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece uns principios mínimos a que debe someterse a publicidade sanitaria que se desenvolva no ámbito da Comunidade Autónoma, promovendo que as mensaxes publicitarias con repercusión para a saúde da cidadanía sexan ordenadas e correctas. Para ese efecto, enténdese por publicidade sanitaria, de acordo co artigo 1 do dito decreto, á parte da contida no Real decreto 1907/1996, do 2 de agosto, «calquera outra que na Comunidade Autónoma de Galicia e no ámbito da súa actividade realicen os centros, os servizos e os establecementos sanitario-asistenciais, os profesionais da sanidade e, en xeral, a desenvolvida por calquera persoa pública ou privada no exercicio dunha actividade comercial, industrial, profesional ou doutra índole que, por calquera medio, teña como finalidade promover, de forma directa ou indirecta, a contratación de bens, actividades ou servizos susceptibles de repercutiren positiva ou negativamente sobre a saúde das persoas».

No que se refire á regulación da publicidade e información das oficinas de farmacia de Galicia, ata a publicación do Decreto 107/2008, do 15 de maio, polo que se regula a sinalización, a información e a publicidade das oficinas de farmacia, existía unha gran diversidade no relativo á sinalización, identificación e información nas oficinas de farmacia en Galicia, dado que non existía unha normativa específica sobre a súa publicidade.

Coa publicación deste decreto ordénase a publicidade e a información que poden ofrecer as oficinas de farmacias e introdúcese unha serie de prescricións, co fin de que as prácticas que se realicen neste ámbito respondan á condición destas de establecementos sanitarios, co cal se contribúe a que as persoas as perciban como tales e se garante a súa liberdade de elección.

A publicación da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, recolle un novo marco regulador da ordenación das farmacias na Comunidade Autónoma que fai necesario actualizar as directrices existentes ata o de agora en materia de publicidade e información das oficinas de farmacia, de modo que se regule o uso que estas realizan das tecnoloxías da información, sen distorsionaren a súa condición de establecementos sanitarios, co cal se contribúe a que as persoas usuarias as perciban como tales e se garante a súa liberdade de elección.

En concreto, a devandita lei regula no seu artigo 28 a sinalización, a publicidade e a promoción das oficinas de farmacia, e establece un marco normativo restritivo, coa finalidade de que as actividades promocionais non interfiran no dereito de libre elección de oficina de farmacia por parte da cidadanía, e prohíbe toda forma de publicidade ou actividade promocional daquelas, salvo nos casos que se determinen regulamentariamente, así como a organización de eventos ou actividades e a utilización de ferramentas que poidan implicar unha promoción da oficina de farmacia.

Así mesmo, no artigo 49.4 da citada lei establécese a sinalización das boticas anexas cunha cruz verde, idéntica á exixida para as oficinas de farmacia.

Finalmente, cómpre indicar que queda fóra deste decreto a regulación da publicidade e da venda de medicamentos, produtos sanitarios e outros produtos propios da canle farmacéutica, que se rexerán pola normativa específica que resulte de aplicación.

Desde a publicación do Decreto 107/2008, do 15 de maio, desenvolvéronse novas tecnoloxías e formas de comunicación, e publicouse unha normativa estatal que posibilita que as farmacias poidan solicitar unha autorización para a venda a distancia de medicamentos de uso humano e veterinario non suxeitos a prescrición, que fan necesaria unha actualización da regulación desta materia para adaptala á nova realidade.

Este decreto ten o seu fundamento competencial no artigo 28.8 do Estatuto de autonomía de Galicia, o cal establece como competencia da Comunidade Autónoma galega o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado nos termos que esta estableza en materia de establecementos farmacéuticos, así como no seu artigo 33, que lle atribúe a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, e a execución da lexislación do Estado sobre produtos farmacéuticos, en virtude da cal foi aprobada a Lei 3/2019, do 2 de xullo, cuxo desenvolvemento se acomete aquí respecto da regulación da sinalización, da publicidade e das actividades de promoción das oficinas de farmacia establecidas na nosa comunidade, de conformidade co sinalado na disposición derradeira primeira.

En canto ao seu contido, o decreto conta con oito (8) artigos nos cales, en síntese, se regulan o seu obxecto e o seu ámbito de aplicación, as disposicións relativas á sinalización e á identificación das oficinas de farmacia, a información que poden ofrecer as oficinas de farmacia, a publicidade, as actividades de promoción e as prohibicións xerais en materia de publicidade e promoción, as actividades e as formas de publicidade e promoción que poden levar a cabo as oficinas de farmacia, a internet e as redes sociais, a información e a publicidade relativa ás campañas sanitarias que poden levarse a cabo nelas, e as infraccións e sancións.

Completa o texto unha disposición transitoria, na cal se lles conceden seis meses ás persoas titulares ou cotitulares de oficinas de farmacia para adaptaren as súas oficinas de farmacia ao disposto neste decreto. Engádense tamén unha disposición derrogatoria na cal se derroga expresamente o Decreto 107/2008, do 15 de maio, polo que se regula a sinalización, a información e a publicidade das oficinas de farmacia, e dúas disposicións derradeiras dedicadas, respectivamente, á autorización para o desenvolvemento do decreto e á súa entrada en vigor, que terá lugar aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, en aplicación do prazo xeral de vacatio legis previsto no artigo 2.1 do Código civil e no artigo 44 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Este decreto tramitouse de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e coa Lei 16/2010, do 17 de decembro. Realizouse un trámite de consulta pública previa e o proxecto de decreto foi exposto a información pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e sometido a audiencia dos grupos ou sectores con dereitos e intereses lexítimos na materia; ao mesmo tempo, foi sometido a informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, a informe de impacto demográfico, a informe sobre impacto de xénero e a informe da Asesoría Xurídica Xeral.

Finalmente, no exercicio desta potestade regulamentaria, e para a mellora da calidade normativa, esta administración actuou de conformidade cos principios de boa regulación, a saber, os de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade e simplicidade, descritos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Deste xeito, cúmprense os principios de necesidade e eficacia, ao considerarse que a aprobación deste decreto é o instrumento necesario para acadar o obxectivo de levar a cabo unha regulación completa e actualizada, consonte coa aparición das novas tecnoloxías, das condicións en que as oficinas de farmacia realicen a súa publicidade ou leven a cabo actividades de tipo promocional. Asemade, pretende ser unha regulación garantista respecto da salvagarda do dereito da cidadanía á libre elección de oficina de farmacia, consagrado no artigo 9.1.a) da Lei 3/2019, do 2 de xullo.

O principio de proporcionalidade considérase tamén cumprido, xa que o decreto contén a regulación imprescindible para atender a súa finalidade, pois optouse por un sistema que lles permite ás oficinas de farmacia levaren a cabo actividades publicitarias e promocionais sempre e cando estas cumpran determinados requisitos. En todo caso, non se prevén cargas administrativas para estes establecementos de cara á realización deste tipo de actividades.

Préstase tamén especial atención á efectividade do principio de seguridade xurídica e de simplicidade, de maneira que todas as medidas e condicións recollidas neste decreto están debidamente coordinadas coa normativa de aplicación á materia concernida, tanto autonómica como estatal.

O principio de transparencia e accesibilidade cúmprese tamén, xa que no procedemento de elaboración deste decreto se promoveu a máis ampla participación da cidadanía, en xeral, e das oficinas de farmacia e dos seus colexios profesionais, en particular.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dez de marzo de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O obxecto deste decreto é regular a sinalización e a identificación das oficinas de farmacia e boticas anexas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a información, a publicidade e as actividades de promoción que realicen estes establecementos sanitarios.

2. Queda excluída do ámbito de aplicación deste decreto a regulación da publicidade e a venda de medicamentos, produtos sanitarios e outros produtos propios da canle farmacéutica, que se rexerán pola súa normativa específica que resulte de aplicación.

Artigo 2. Sinalización das oficinas de farmacia e boticas anexas

1. Todas as oficinas de farmacia deberán estar sinalizadas mediante un rótulo colocado na fachada, onde figuren de forma visible as palabras en galego Farmacia ou Botica anexa, segundo sexa o caso, ou os termos equivalentes en castelán de Farmacia ou Botiquín, respectivamente.

O emprego destes termos afectará tamén calquera outro medio ou soporte e será de uso exclusivo para estes establecementos, e queda prohibido o seu uso por parte de persoas físicas ou xurídicas distintas da persoa titular ou cotitulares da oficina de farmacia ou botica anexa.

2. Así mesmo, as oficinas de farmacia e as boticas anexas deberán sinalizarse mediante a colocación na súa fachada dunha cruz grega ou de Malta, cun tamaño máximo de 100 x 100 cm e dotada dun dispositivo que permita a súa iluminación só en cor verde.

Esta cruz manterase acesa durante o horario ordinario de atención ao público e durante o servizo de garda, e apagada fóra destes horarios e servizos, durante os que tampouco poderán permanecer iluminadas a temperatura, a data e a hora, o horario da farmacia ou botica anexa ou as referencias ás actividades sanitarias autorizadas para o seu exercicio no local da oficina de farmacia. A dita limitación afectará tamén as pantallas dixitais ou calquera outro dispositivo luminoso instalado na oficina de farmacia ou botica anexa que proxecten a palabra Farmacia ou a cruz verde.

Na fachada da oficina de farmacia poderán figurar tamén as palabras Óptica, Ortopedia, Análises clínicas, Audioprótese, Nutrición ou a denominación de calquera outra actividade sanitaria, no caso de que a persoa titular ou cotitular/es conte/n coa correspondente autorización de funcionamento para estas actividades sanitarias nos locais da oficina de farmacia.

3. Poderán instalarse tantas cruces como número de fachadas teña a oficina de farmacia ou botica anexa cando estas dean a diferentes rúas.

No caso de que existan especiais dificultades para a localización ou a visibilidade da oficina de farmacia ou botica anexa, o correspondente departamento territorial da consellería competente en materia de sanidade poderá autorizar, sen prexuízo das demais autorizacións exixibles, e por solicitude da persoa titular ou cotitulares daquela, a colocación da dita cruz nun lugar diferente á fachada.

4. Permitirase a colocación de carteis indicadores da localización da oficina de farmacia ou botica anexa naqueles casos en que, por razóns de visibilidade destas, resulte difícil a súa localización por parte da cidadanía. A colocación destes carteis requirirá da autorización previa do departamento territorial da consellería competente en materia de sanidade e deberá limitarse, agás en casos excepcionais xustificados, ao ámbito territorial da zona farmacéutica de que forme parte a oficina de farmacia ou botica anexa.

5. A cruz de sinalización das oficinas de farmacia e boticas anexas será de uso exclusivo para este tipo de establecementos, e queda prohibido o uso destas cruces, ou da cor verde nunha parte ou no fondo en que se insiran as cruces, para outros establecementos distintos daqueles.

Artigo 3. Identificación das oficinas de farmacia e boticas anexas

1. Cada oficina de farmacia estará sempre identificada, calquera que sexa o medio ou o soporte empregado para tal fin, pola sigla de control de sanidade e o nome e apelidos do/da farmacéutico/a titular ou dos/das farmacéuticos/as cotitulares, se é o caso. Estes datos deberán figurar nun sitio visible da súa fachada e, se é o caso, na súa páxina web.

No caso das boticas anexas, deberá figurar o nome dos/das farmacéuticos/as titular/es ou cotitular/es da oficina de farmacia a que estean vinculadas e a sigla de control correspondente.

Nos casos en que se autorizase o nomeamento dun/dunha farmacéutico/a rexente, o nome deste/a último/a deberá figurar en todos aqueles medios ou soportes empregados para identificar a oficina de farmacia, así como tamén, se é o caso, no sitio web daquela.

2. Os nomes comerciais empregados polas oficinas de farmacia ou boticas anexas non poderán incluír palabras que fagan referencia ao horario de atención ao público, nin inducir a erro ou crear falsas expectativas sobre os posibles beneficios do estado de saúde.

3. As ferramentas, os medios ou os mecanismos de comunicación empregados por unha oficina de farmacia deberán identificar claramente o tipo de establecemento sanitario de que se trata e incluír, sempre que sexa posible, os datos da persoa titular ou cotitular/es desta, a sigla de control de sanidade, o domicilio e os datos de contacto. Non poderán constar como propietarios/as das citadas ferramentas, medios ou mecanismos de comunicación da oficina de farmacia persoas físicas ou xurídicas distintas da persoa titular ou cotitular/es.

Artigo 4. Información nas oficinas de farmacia e boticas anexas

1. Na zona de atención ás persoas usuarias, nos escaparates das oficinas de farmacia e das boticas anexas e nas pantallas instaladas dentro do local, así como nos carteis exteriores, poderá figurar información relativa a produtos, servizos ou actividades dirixidas á prevención da enfermidade, á promoción da saúde e ao uso racional do medicamento, ás campañas sanitarias ou aos programas de saúde pública organizados polos colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas ou outras entidades, institucións ou organismos oficiais.

2. A información relativa aos horarios de atención ao público e ao servizo de garda das oficinas de farmacia e boticas anexas estará suxeita ao establecido na normativa que os regula.

3. As oficinas de farmacia que teñan autorizado o servizo de garda localizada deberán indicalo de forma visible e clara, e informar sobre o modo de acceder ao devandito servizo na fachada ou no exterior da propia oficina de farmacia. Así mesmo, todas as oficinas de farmacia que estean de garda sinalizarán claramente a localización do timbre para acceder ao dito servizo.

4. As oficinas de farmacia deberán facilitarlles ás persoas usuarias que o soliciten información relativa ás acreditacións, certificacións ou catalogacións que lles fosen outorgadas pola Administración sanitaria.

5. As oficinas de farmacia poderán informar nos seus locais ou nas súas redes sociais e páxinas web sobre as actividades sanitarias ou os servizos autorizados ou acreditados polas administracións sanitarias ou, se é o caso, polo colexio oficial de farmacéuticos e farmacéuticas correspondente.

Os colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas da Comunidade Autónoma de Galicia e a consellería competente en materia de sanidade tamén poderán facilitar información sobre as actividades e os servizos propios das oficinas de farmacia; así mesmo, poderá constar a información respecto do servizo farmacéutico de garda noutros medios con fins informativos.

Artigo 5. Publicidade, actividades de promoción e prohibicións xerais en materia de publicidade e información das oficinas de farmacia

1. Co fin de limitar todo aquilo que poida favorecer o consumo de medicamentos ou produtos sanitarios, constituír un prexuízo ou xerar riscos para a saúde ou a seguridade das persoas, ou interferir no dereito da cidadanía á libre elección de oficina de farmacia, queda expresamente prohibida a realización de todo tipo de publicidade ou actividade promocional das oficinas de farmacia, xa sexa directamente ou a través da colaboración de persoas de relevancia ou con impacto mediático, salvo nos casos recollidos no punto seguinte.

2. As oficinas de farmacia poderán publicitarse a través dos envoltorios, bolsas ou papel utilizados para os produtos dispensados, fundas para tarxetas sanitarias e para outra documentación de servizos farmacéuticos, tíckets de venda, así como a través de buscadores da internet, páxinas web, redes sociais, números de mensaxaría instantánea ou similares, sempre e cando en todos eles consten, unicamente, os seus datos xerais de identificación, o enderezo físico da farmacia, número de teléfono, o enderezo de correo electrónico, a URL de páxina web e redes sociais propias, así como o seu horario de atención ao público, o calendario de gardas, as vacacións ou os períodos de peche.

Se no local da oficina de farmacia se realizan actividades sanitarias ou servizos autorizados ou acreditados polas administracións sanitarias, poderase facilitar tamén esta información exclusivamente a través dos medios citados.

3. O envío de boletíns informativos por parte das oficinas de farmacia, o uso de tarxetas de fidelización ou ferramentas similares, así como a participación en campañas promocionais de calquera tipo, unicamente estarán permitidos para as oficinas de farmacia cando non se refiran a medicamentos nin a produtos sanitarios e así se faga constar expresamente.

4. As oficinas de farmacia non poderán ofrecer incentivos, agasallos, premios ou obsequios, agás os permitidos na normativa básica que resulte de aplicación, así como tampouco organizar concursos, sorteos ou actividades similares como medios vinculados á promoción da farmacia, agás os descontos sobre o prezo de venda que se recollan na normativa ou nas promocións propias dos fabricantes ou distribuidores.

Artigo 6. Internet, redes sociais e ferramentas de software

1. As oficinas de farmacia poderán dispoñer de páxinas web e redes sociais propias, as cales deberán estar rexistradas a nome da persoa titular ou de calquera das cotitulares; deberán constar tamén nelas, se é o caso, os datos do/da farmacéutico/a rexente e estarán suxeitas á regulación prevista neste decreto, no Real decreto 870/2013, do 8 de novembro, polo que se regula a venda a distancia ao público, a través de sitios web, de medicamentos de uso humano non suxeitos a prescrición médica, así como na restante normativa que sexa de aplicación.

2. A información e a publicidade que a oficina de farmacia realice, calquera que sexa o seu medio ou soporte, incluíndo a realizada en buscadores da internet, páxinas web ou redes sociais, estará sometida á inspección e ao control das autoridades competentes, e deberá axustarse á normativa vixente aplicable, así como cumprir cos mesmos requisitos que a que se leve a cabo no local da oficina de farmacia.

3. Nas páxinas web e nas redes sociais das oficinas de farmacia poderase proporcionar información xeral sobre o uso racional do medicamento, a promoción da saúde, a prevención da enfermidade e a educación sanitaria, así como información sobre as funcións e os servizos da farmacia e as campañas sanitarias en que participe.

Esta información deberá responder a criterios de veracidade, licitude e obxectividade, así como resultar clara, comprensible e de fácil acceso para as persoas usuarias. A información que se ofreza deberá estar, ademais, baseada na evidencia científica actualizada e en ningún caso poderá facer promoción da oficina de farmacia.

4. As páxinas web e redes sociais das oficinas de farmacia non poderán ofrecer ou ter unha ligazón a ferramentas de autodiagnóstico ou de automedicación.

5. As páxinas web de venda a distancia de medicamentos non suxeitos a prescrición que posúan as oficinas de farmacia estarán reguladas, no concernente á actividade de venda, pola súa normativa específica.

6. O emprego de calquera outra ferramenta de software ou programa por parte dunha oficina de farmacia estará suxeito ás mesmas limitacións, condicións e requisitos que os previstos para as páxinas web e redes sociais.

Artigo 7. Información e publicidade relativa ás campañas sanitarias

1. De acordo co establecido nos artigos 8 e 13 da Lei 3/2019, do 2 de xullo, as oficinas de farmacia poderán participar nas campañas públicas de educación sobre o correcto uso dos medicamentos e produtos sanitarios dispoñibles nos establecementos farmacéuticos, así como colaborar en programas de saúde pública e drogodependencias.

As oficinas de farmacia poderán colaborar tamén na difusión de campañas sanitarias relativas ao uso racional dos medicamentos e á protección e promoción da saúde, promovidas pola Administración sanitaria, polos colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas, por asociacións de pacientes ou por outras entidades relacionadas co ámbito sanitario.

2. Ademais da información relacionada no artigo 5, os envoltorios, as bolsas ou o papel utilizados para os produtos dispensados poderán incluír mensaxes relacionadas co uso racional do medicamento ou con campañas sanitarias propostas polos colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas ou mensaxes solidarias.

3. As campañas sanitarias organizadas polos colexios oficiais de farmacéuticos e farmacéuticas deberán ser acordes cos criterios sanitarios vixentes e coa evidencia científica dispoñible, e ser previamente comunicadas á consellería competente en materia de sanidade a través do seu correspondente departamento territorial.

Artigo 8. Infraccións e sancións

O incumprimento do disposto neste decreto quedará sometido ao réxime de infraccións e sancións que establecen a Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, o Real decreto lexislativo 1/2015, do 24 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios, a Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, e o Decreto 97/1998, do 20 de marzo, polo que se regula a publicidade sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria única. Mantemento temporal da sinalización, información e publicidade das oficinas de farmacia e boticas anexas

As persoas titulares ou cotitulares de oficinas de farmacia e boticas anexas dispoñerán de seis meses, contados a partir da entrada en vigor deste decreto, para adaptaren as súas oficinas de farmacia e boticas anexas ao establecido nel.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 107/2008, do 15 de maio, polo que se regula a sinalización, a información e a publicidade das oficinas de farmacia, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para aprobar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil vinte e cinco

O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade