O 21 de outubro de 2024 publícase no Diario Oficial de Galicia número 203 o Anuncio do 7 de outubro de 2024 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado do itinerario peonil e pasarela peonil no treito do Camiño de Santiago (Camiño Inglés) en Abegondo, de clave 2024/118, así como a relación individual dos bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.
RESOLVO:
Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de marzo de 2025, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do itinerario e pasarela peonil no treito do Camiño de Santiago (Camiño Inglés) en Abegondo, de clave 2024/118, que se recolle como anexo a esta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025
José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 10 de marzo de 2025, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado do itinerario e pasarela peonil no treito do Camiño de Santiago (Camiño Inglés) en Abegondo, de clave 2024/118
Aprobar definitivamente o proxecto de trazado do itinerario e pasarela peonil no treito do Camiño de Santiago (Camiño Inglés) en Abegondo, de clave 2024/118, coas seguintes modificacións respecto ao trazado sometido a información pública.
Modifícanse as pendentes lonxitudinais e, en todo o caso, o perfil lonxitudinal adaptarase ao Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo cal se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
Consonte establece o artigo 24 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o Concello de Abegondo, no que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.
A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
