O artigo 4 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, establece o procedemento de catalogación e descatalogación de exemplares e formacións.
O Comité das árbores senlleiras en consulta realizada o 26.2.2025 ao seus vogais acordou, con base na información achegada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, informar favorablemente a descatalogación do Cocoteiro de Chile do Pazo de Meirás-55A e do Carballo do Pazo de Vilardefrancos-77A, por morte biolóxica de ambos os exemplares, e das Faias do Pazo de Castrelos-48A pola perda dos valores que motivaron a súa inclusión, de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo.
De acordo co anterior, o día 13.3.2025, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural ditou resolución pola que se acorda o inicio, por propia iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, do procedemento de descatalogación dos exemplares 55A e 77A, por morte biolóxica de ambos os exemplares, e 48A pola perda dos valores que motivaron a súa inclusión, e ademais someter o expediente dos exemplares e a documentación asociada a un período de información pública.
En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 4.4 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, ábrese un período de información pública dos expedientes de descatalogación mencionados neste anuncio, durante un prazo de vinte (20) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes por escrito, ou ben a través do enderezo de correo electrónico: dxpn.medioambiente@xunta.gal, poñendo no asunto «Información pública árbores senlleiras».
Durante o citado prazo, a documentación correspondente poderá ser examinada nos seguintes lugares:
– Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.
– Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña, r/ Vicente Ferrer, nº 2, 15071 A Coruña.
– Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Pontevedra, avenida Victoria Moreno, nº 43, 4º, 36071 Pontevedra.
Durante ese mesmo período poderase consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (https://medioambiente.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&std=expedientes_senlleiras.html&sub=Arbores_senlleiras/) a información dos expedientes que non se correspondan con datos de carácter persoal (Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais).
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2025
María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural
