DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 3 de abril de 2025 Páx. 20409

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ACORDO do 14 de marzo de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, de levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados por unha instalación eléctrica no concello da Laracha (expediente IN407A 2023/456-1).

Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada Renovación do apoio A3OXXNV7//25 da LAMT 15kV LAR706 Carballo-COG. Epifanio Campo 6, por fin da súa vida útil, no concello da Laracha (expediente IN407A 2023/456-1), mediante a Resolución deste departamento territorial, do 14 de novembro de 2024, a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo na avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.

Este departamento territorial, de conformidade co artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e co 56 do seu Regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar o día 5 de maio de 2025 para o levantamento das actas previas á ocupación, en que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con este acordo no taboleiro de edictos do concello da Laracha, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 7.5.2024, no BOP do 17.4.2024 e no xornal La Voz de Galicia do 24.4.2024, acto a que deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectados, ás cales se lles practicará notificación individual sinalándolles os horarios de toma de datos sobre o terreo e do levantamento efectivo das actas nas oficinas da casa consistorial do dito concello.

Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.

A Coruña, 14 de marzo de 2025

Isidoro Martinez Arca
Director territorial da Coruña