A Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), mediante escrito do 21.3.2025, presentado por María Elisa Otero López, achegou certificación da acta da asemblea xeral do día 22 de xuño de 2024, en que se recolle o cambio de denominación da entidade, que pasa a ser a que figura no enunciado, e solicita o seu depósito nesta oficina de depósitos de estatutos de asociacións sindicais e empresariais.
(https://expinterweb.mites.gob.es/deose/publico/copiaEstatutos)
Consideracións legais e técnicas: son de aplicación a Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, e o Real decreto 416/2015, do 29 de maio, sobre depósito de estatutos das organizacións sindicais e empresariais.
A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é competente para resolver en materia de depósito de estatutos de asociacións sindicais e empresariais, en virtude do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
RESOLVE:
Depositar o acordo de modificación dos estatutos da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor) que, en virtude da dita modificación, pasa a denominarse Asociación Empresarial de Transporte de Galicia (Apetamcor), nesta oficina pública de depósito de estatutos de asociacións sindicais e empresariais, así como publicalo no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción desta resolución, de acordo co establecido no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2025
Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais
