Mediante a Resolución do 13 de febreiro de 2025, publicada no Diario Oficial de Galicia número 37, do 24 de febreiro, o tribunal nomeado por Resolución do 26 de setembro de 2024 (DOG núm. 191, do 3 de outubro), para cualificar este proceso selectivo, acordou publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes no primeiro exercicio, e outorgar un prazo para presentar alegacións de dez días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación da resolución.
Unha vez recibidas as alegacións ao respecto das puntuacións publicadas, procedeuse á revisión da corrección do exercicio das peticións recibidas, na sesión do 25 de marzo de 2025, e, na mesma sesión,
ACORDOU:
Primeiro. Rectificar a resolución deste tribunal do 13 de febreiro de 2025 (DOG núm. 37, do 24 de febreiro) no referente ás puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que superaron o exercicio da fase de oposición, realizado o 16 de novembro de 2024, das que acadaron a puntuación mínima de cincuenta (50) puntos un total de 169 persoas aspirantes no seu conxunto, deste xeito fixouse en 37,5 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1. da convocatoria.
Segundo. Publicar as puntuacións rectificadas de acordo coa revisión feita na sesión do 25 de marzo de 2025, obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 16 de novembro de 2024, correspondente ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de recursos naturais e forestais (DOG núm. 221, do 21 de novembro de 2023), no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal
Terceiro. De conformidade co disposto na base III.13 da Resolución do 16 de novembro de 2023 pola que se convoca o proceso selectivo contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025
Bran Casal Pereira
Presidente do tribunal
