DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Luns, 14 de abril de 2025 Páx. 22208

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 3 de abril de 2025 pola que se modifica a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

Mediante a Resolución do 14 de xuño de 2021 (DOG do 25 de xuño) fíxose pública a composición do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, establece que o consello social estará integrado por un máximo de trinta e unha persoas membros.

O artigo 77.2 da citada Lei 6/2013 establece que son membros natos do consello social o/a reitor/a da universidade, o/a secretario/a xeral e o ou a xerente da universidade. Así mesmo, serán membros un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal da administración de servizos, elixidos/as polo consello de goberno das universidades. A duración do mandato dos membros do consello social sinalados neste punto será establecida polos estatutos da universidade.

O Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela comunica á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que o Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, na sesión do 11 de marzo de 2025, acordou aprobar a designación de Aitor Capeáns Caramés como representante do alumnado no consello social, en substitución de María Creo Rodríguez. Xúntase declaración xurada de compatibilidade do novo membro do consello social.

O artigo 77.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, establece que os acordos de designación de membros do consello social serán comunicados á persoa titular da consellería competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería.

A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Nomear a Aitor Capeáns Caramés como representante do alumnado no Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, en substitución de María Creo Rodríguez.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional