O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 4.2, sinala que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.
A Comunidade Autónoma, en virtude do artigo 148.1.20 da Constitución española e do artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, sinala no seu artigo 1 que constitúe o obxecto desta lei reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia coa eliminación da discriminación das mulleres e coa promoción da igualdade entre mulleres e homes, atribuíndo o máis alto grao de efectividade ao dereito constitucional á igualdade entre mulleres e homes no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma. En particular, este lei ten por obxecto promover a sustentabilidade social empresarial, o benestar laboral e o dereito á igualdade entre mulleres e homes nas políticas activas de emprego, na formación profesional para o emprego e na negociación colectiva.
A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Política Social e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.
No dito Decreto 139/2024, do 20 de maio, establécese que lle corresponde á Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero como órgano de dirección da Consellería de Política Social e Igualdade, entre outras funcións, a de impulsar as actuacións conducentes á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.
A Lei 11/2007, do 27 de xullo, sinala no seu artigo 1 que constitúe o obxecto da lei a adopción en Galicia de medidas integrais para a sensibilización, prevención e tratamento da violencia de xénero, así como a protección e o apoio ás mulleres que a sofren. Así mesmo, establece medidas específicas no ámbito da formación e emprego, como son o establecemento dun réxime de axudas e subvencións para o fomento do emprego de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración con distintas entidades, entre elas as entidades sen ánimo de lucro.
Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, esta orde configúrase como un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás entidades sen ánimo de lucro para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario.
Esta convocatoria está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.8: Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos, e medida 2.H.01: Apoio á inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.
Neste sentido, é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados; no Regulamento (UE) núm. 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.
Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño.
Esta orde, que se tramita en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Consecuentemente con todo o anterior, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.
Por medio desta convocatoria, as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).
2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario, coas garantías previstas no seu artigo 31.4.
4. As subvencións recollidas nesta orde concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.
Artigo 2. Financiamento
1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de 600.000 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.2 (código do proxecto 2023 00097) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2025.
2. Esta convocatoria está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, no obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: Inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.8: Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos, e medida 2.H.01: Apoio á inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.
3. Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.
4. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo de informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027, actualmente a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos.
A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
5. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinarase á concesión daqueloutras solicitudes que por insuficiencia de crédito non chegaron a obter subvención.
Artigo 3. Contía da subvención
1. A contía da subvención que se lles concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller que sofre violencia de xénero contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados elaborado consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a).i) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
2. O método de concesión e xustificación empregado será o de custos simplificados consonte o disposto no Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados.
3. Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario mensual, en función do grupo profesional en que se encontren as traballadoras en cuestión, elaborado segundo o disposto no Convenio colectivo de acción e intervención social 2022-2024 máis a cotización empresarial á Seguridade Social, no caso de que non estea bonificada, segundo o seguinte cadro:
|
Custo salarial mensual |
Seguridade Social (31,77%) |
Custo unitario mensual |
|
|
Custo unitario 1: grupo profesional 1 |
2.126,57 |
675,61 |
2.802,18 |
|
Custo unitario 2: grupo profesional 2 |
1.919,15 |
609,71 |
2.528,86 |
|
Custo unitario 3: grupo profesional 3 |
1.682,40 |
534,50 |
2.216,90 |
|
Custo unitario 4: grupo profesional 4 |
1.466,60 |
465,94 |
1.932,54 |
4. Conforme o disposto na Orde TES/106/2024 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE+ para o período de programación 2021-2027, será preciso acreditar, mediante un informe ou documento equivalente, que as persoas traballadoras contratadas non teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. No caso de ter bonificada a cota correspondente á Seguridade Social, para o cálculo do importe elixible descontarase do custo unitario mensual a parte proporcional correspondente ás ditas bonificacións ou reducións.
5. Para o caso de contratos de remuda das traballadoras inicialmente contratadas, sempre que se cumpran as condicións da disposición adicional novena do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas, os custos unitarios serán unicamente os custos salariais mensuais, sen ter en conta a cotización á Seguridade Social.
6. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.
7. Como criterios xerais, e para os efectos de poder asignar correctamente o custo unitario que corresponda en cada caso, indícanse as características de titulación e postos para ocupar dos distintos grupos profesionais.
a) Grupo profesional 1:
1º. Formación: titulación universitaria.
2º. Os postos, a título orientativo, poderían comprender: economista, educadora social, graduada social, psicóloga, traballadora social ou calquera que sexa a denominación que en cada organización se utilice, sempre e cando se corresponda coa titulación solicitada ou calquera similar dentro das titulacións universitarias.
b) Grupo profesional 2:
1º. Formación: formación profesional superior ou de grao medio.
2º. Neste grupo inclúense actividades profesionais análogas ás referidas a continuación a título orientativo: técnica en integración social, técnica en animación sociocultural, programadora informática, técnica de administración e finanzas, cociñeira titulada, técnica administrativa ou calquera que sexa a denominación que en cada organización se utilice, sempre e cando se corresponda coa titulación solicitada ou calquera similar dentro das titulacións universitarias.
c) Grupo profesional 3:
1º. Formación: requírese competencia derivada da formación académica e/ou profesional de grao medio ou equivalente.
2º. Neste grupo inclúense actividades profesionais análogas ás referidas a continuación a título orientativo: monitora de programa ou obradoiro, auxiliar de servizo de axuda a domicilio, auxiliar sociosanitaria, traballadora familiar, axudante de cociña, persoal de mantemento, auxiliar administrativa ou calquera que sexa a denominación que en cada organización se utilice, sempre e cando se corresponda coa titulación solicitada.
d) Grupo profesional 4:
1º. Formación: a formación básica exixible é a educación secundaria obrigatoria.
2º. Neste grupo inclúense actividades profesionais análogas ás seguintes: portaría, ordenanza, conserxe, persoal de limpeza, persoal de almacén e repartidor, telefonista ou calquera que sexa a denominación que en cada organización se utilice, sempre e cando se corresponda coa titulación solicitada.
8. O número máximo de contratacións que se van subvencionar por cada entidade solicitante establécese en dúas contratacións.
Artigo 4. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde:
a) As entidades sen ánimo de lucro.
b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
2. Para seren beneficiarias, as entidades e as cooperativas relacionadas no punto anterior deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
b) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Todos os requisitos exixidos se deberán cumprir na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e se deberán manter durante todo o período de execución dos programas subvencionados.
4. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
5. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as empresas privadas, as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.
6. As entidades sen ánimo de lucro que resulten beneficiarias non poderán contratar novamente as mulleres que xa se contratasen con cargo ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 1 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI461B).
Artigo 5. Compatibilidade das axudas
As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación e contratación outorgada por calquera Administración pública, coa excepción das bonificacións ou reducións de cotas nas cotizacións á Seguridade Social legalmente establecidas.
Artigo 6. Persoas destinatarias da actividade subvencionable
1. As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta orde serán as mulleres que sofren violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.
2. Para os efectos desta orde, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor e que acrediten a situación de violencia mediante algún dos documentos seguintes:
a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar.
b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero, ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou vítima de explotación sexual.
c) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.
d) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.
e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata con fins de explotación sexual e/ou vítima de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.
f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.
g) Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata con fins de explotación sexual e/ou vitima de explotación sexual.
En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de presentación da correspondente oferta por parte da entidade contratante na oficina de emprego, ou á data de contratación.
Artigo 7. Requisitos da contratación
1. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan executadas polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.
b) Que a duración dos contratos sexa, como mínimo, de seis (6) meses.
c) Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 por 100.
d) Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta orde, se for o caso.
e) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.
f) Que a súa execución ou prestación se realice nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Con independencia da duración do contrato ou, de ser caso, do contrato para a substitución da traballadora que cause baixa, o período subvencionable non poderá exceder os doce meses.
Artigo 8. Profesional de referencia
A entidade beneficiaria designará unha persoa de apoio para a traballadora ou traballadoras contratada/s, que actúe como profesional de referencia no tempo que dure a contratación das ditas traballadoras.
Artigo 9. Selección das candidatas
1. Para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde poderán contactar coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta e solicitarán a relación de candidatas segundo os requisitos de perfil profesional que determine a entidade e/ou cooperativa sen ánimo de lucro, tendo en conta que todas as candidatas deben posuír a condición de vítimas da violencia de xénero, mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual. Poderán presentarse ofertas nominativas sempre que se cumpran os requisitos fixados nesta orde.
2. Para a selección de candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións poderán contactar cos centros de información á muller, os centros da Rede galega de acollemento, o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, os servizos sociais e calquera outro servizo que traballe no eido da violencia de xénero, para os efectos de propoñer participantes para a súa contratación, sempre e cando estas reúnan os requisitos recollidos no artigo 6.
3. Para os efectos de facilitar a selección de candidatas, a Consellería de Política Social e Igualdade e o Servizo Público de Emprego de Galicia elaborarán unha instrución conxunta que se fará pública na páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade.
4. A entidade beneficiaria non poderá realizar a contratación sen ter remitido antes a selección das candidatas á Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Consellería de Política Social e Igualdade, no anexo que figura na instrución antes mencionada, para a comprobación dos seus requisitos, e a notificación posterior á entidade, por parte do dito órgano directivo, do correcto resultado da selección.
Se a entidade non comunica a selección da/das candidata/s á Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e realiza a contratación directamente, minorarase a subvención concedida polo tempo que medie desde a realización do contrato e ata que a dita dirección xeral notifique que as candidatas seleccionadas cumpren os requisitos desta orde.
Artigo 10. Contratación das traballadoras
1. Efectuada a selección das traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación, utilizando a modalidade de contrato temporal con cláusulas específicas de contrato vinculado a programas de activación para o emprego, segundo o disposto na disposición adicional novena da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego.
2. En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos que se contratan.
3. A entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ás traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir a normativa laboral.
Así mesmo, deberalles facilitar ás traballadoras os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo, e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, e será responsable das tarefas técnicas que desenvolvan.
A concesión e o uso destas axudas non supoñerán, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.
4. As entidades beneficiarias darán de alta na Seguridade Social as mulleres contratadas no código de conta de cotización que corresponda.
5. A data límite para o inicio dos contratos será o 1 de outubro de 2025.
Artigo 11. Substitución de traballadoras
1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.
2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de longa duración, superior a trinta (30) días, a substitución só será posible despois de autorización expresa da Consellería de Política Social e Igualdade logo de solicitude fundamentada da entidade beneficiaria contratante.
3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos nesta orde e deberá ser notificada á Consellería de Política Social e Igualdade nun prazo máximo de quince (15) días hábiles desde a correspondente contratación, indicando a causa da baixa. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:
a) Parte de baixa na Seguridade Social da traballadora substituída.
b) Parte de alta na Seguridade Social e do contrato de traballo da traballadora substituta.
c) Documento de información da subvención á traballadora, debidamente asinado, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. Tanto no caso de extinción como no de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo de acordo co disposto nos artigos 6 e 9 desta orde.
5. De non se producir a substitución ou cando, mesmo producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo for inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución ou ao reintegro da subvención concedida polo importe correspondente. Non se poderá producir en ningún caso un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten, de ser o caso.
Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 13. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada destas bases reguladoras.
Artigo 14. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:
a) Acreditación da persoa que asina a solicitude en nome e representación da entidade, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria da entidade, ou acta onde se determine a dita representación.
b) Anexo II: certificado da persoa representante da entidade sen ánimo de lucro, no cal consten os seguintes aspectos:
1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.
2º. A disposición de orzamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.
3º. Grupo profesional e número de meses da contratación ou contratacións que se van realizar.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Tributaria de Galicia.
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada en realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 16 Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 17. Instrución
1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.
2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.
3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na orde de convocatoria, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero requirirá a interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, indicándolle que, se non o fixese, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.
5. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión ou da desestimación, de ser o caso, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria. Así mesmo, será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.
Artigo 18. Reformulación da solicitude
Cando o importe da subvención, por esgotamento de crédito, sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar a entidade beneficiaria á reformulación da súa solicitude para axustala aos compromisos e ás condicións da subvención outorgable.
En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención.
Artigo 19. Resolución
1. As resolucións de concesión das subvencións, tras a fiscalización das propostas do órgano instrutor, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, que resolverá por delegación da persoa titula da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres (3) meses, contados a partir do día seguinte ao da data de entrada da solicitude no Rexistro do órgano competente para tramitar. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Na resolución de outorgamento da subvención constarán a información sobre o cofinanciamento polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurarán a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento por que se establecen as condicións da axuda (DECA).
Cando proceda, tamén se informará a entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
4. A resolución pola que se conceda a subvención indicará o método de custos simplificados utilizado, as contratacións subvencionables e determinará a súa duración, así como a contía da subvención que se vai outorgar, que deberán ser xustificadas na forma sinalada no artigo 24.
5. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar, no prazo de dez (10) días, a súa aceptación e comprometerse a executar a actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada, segundo o disposto no artigo 21.5, parágrafo 2º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
6. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.
7. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 2.
Artigo 20. Notificacións
1. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, entenderanse rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 21. Réxime de recursos
1. Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, ante a Consellería de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.
2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.
Artigo 22. Modificación da resolución de concesión
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
3. Estas bases, habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.
Artigo 23. Pagamento
1. Realizarase un pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación das resolucións de concesión e, en todo caso, na anualidade 2025. As entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constituír garantías.
2. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas (tributarias, estatais e autonómicas) e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Artigo 24. Xustificación: prazo e documentación
1. O período temporal da xustificación comprenderá desde a data de inicio de cada contrato ata o período máximo subvencionable dun ano, tendo en conta a data límite do 1 de outubro de 2025 para o inicio dos contratos.
2. O prazo límite para a presentación da documentación xustificativa remata o 30 de outubro de 2026.
3. A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados segundo o previsto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e concretamente conforme os artigos 53.1.b) e 53.3.a).i) do dito regulamento.
4. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:
a) Solicitude de pagamento (anexo III) debidamente asinada pola persoa que exerza a representación da entidade.
b) Anexo IV: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.
c) Contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.
d) Partes de alta na Seguridade Social, xunto co informe de datos de cotización (IDC).
e) Titulación académica que acredite a pertenza a un ou outro grupo profesional segundo o importe do custo unitario concedido.
f) Documentos de información da subvención ás traballadoras, debidamente asinados, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
g) Memoria final, asinada pola persoa responsable competente da entidade, que recolla o perfil das traballadoras contratadas ao abeiro desta subvención, así como as actividades desenvolvidas e a perspectiva de inserción laboral, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
h) Certificado de fin de actuación asinado pola persoa responsable competente da entidade, segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.
i) Informe de vida laboral do/dos código/s de conta de cotización da entidade beneficiaria en que estea/n incluída/s a/as muller/es contratada/s no período subvencionable.
j) Informe ou declaración responsable sobre se as persoas traballadoras contratadas teñen bonificada a cota correspondente á Seguridade Social. En caso afirmativo, deberán indicar cal/es son esas persoas traballadoras e achegar o documento que reflicta as ditas bonificacións.
5. Transcorrido o prazo establecido sen ter presentado a documentación xustificativa, o órgano instrutor requirirá a entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez (10) días, a presente. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, poñerao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa emenda. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, de conformidade co disposto nos artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
6. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder á súa liquidación, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.
Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias
As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e coas obrigas establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular as seguintes:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.
b) Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo perante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta orde e na resolución de concesión.
c) Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión.
d) Aboarlles ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación segundo o convenio colectivo de aplicación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais de Seguridade Social totais, de ser o caso.
e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que poida efectuar a Consellería de Política Social e Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas, e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
f) Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.
g) Comunicarlle á Consellería de Política Social e Igualdade, nun prazo de cinco (5) días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
h) Comunicarlle á Consellería de Política Social e Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
i) Reintegrar, total ou parcialmente, a subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta orde e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
j) Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están cofinanciadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Igualdade), e pola Unión Europea. Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen e entreguen ás usuarias ou participantes, así como utilizar os documentos de información da subvención ás traballadoras, no modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
k) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permitan seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario do fondo, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.
l) Facilitar a información necesaria, relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+), polo que deberán realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos ditos requisitos.
Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da persoa participante coa actuación cofinanciada, e deberán intentar recollerse no primeiro día de incorporación da muller contratada á entidade beneficiaria. Pola súa banda, os indicadores de resultado inmediato deberanse referir ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, e deberán estar recompilados previamente á presentación da documentación xustificativa da correspondente subvención regulada no artigo 24.
Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.
Para estes efectos, facilitaránselle á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa 2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.
Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na aplicación informática Participa 2127.
Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán custodiar a ficha individualizada de seguimento e os cuestionarios de indicadores de realización e de resultados de cada unha das persoas participantes, asinada pola participante, segundo o modelo dispoñible na aplicación informática creada para a recollida de tales indicadores.
m) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do dito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.
Artigo 26. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigas e condicións contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución indicada, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, na súa normativa de desenvolvemento.
2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe que se deberá reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) Procederá o reintegro total da subvención percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións que financien as actuacións subvencionadas.
b) Procederá o reintegro do 2 % do importe da axuda concedida no caso de incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 24.
c) Procederá o reintegro do 10 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.
d) Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 24 e, así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro de dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.
e) Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 25 e, así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.
f) Naqueles casos en que, realizados todos os trámites sinalados no artigo 9 para a substitución da traballadora contratada, sexa imposible a realización da dita substitución, procederá o reintegro proporcional da subvención percibida no importe correspondente ao tempo durante o cal non se consiga cubrir ese posto de traballo cunha nova traballadora.
3. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
4. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
5. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar, ante o órgano concedente, copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.
Artigo 27. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 28. Publicación na Base de datos nacional de subvencións
En cumprimento do previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 29. Información ás entidades interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI461B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, nas unidades administrativas de igualdade dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada, ou da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal
Artigo 30. Loita contra a fraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017 do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx
Mentres non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os ditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través do seguinte enderezo:
http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf
Disposición adicional única. Delegación de competencias
Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero para actuar, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento
A Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
