BDNS (Identif.): 829082.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/829082
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Ao abeiro dos artigos 41 e 42 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas, sempre que constitúan o seu domicilio habitual e permanente no momento de solicitar a axuda. Esta circunstancia acreditarase mediante certificación ou volante de empadroamento.
2. As persoas beneficiarias das axudas poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta daquelas. O axente ou xestor da rehabilitación é aquela persoa física ou xurídica, ou entidade pública ou privada, que poida realizar actuacións de impulso, seguimento, xestión e percepción de axudas públicas, mediante mecanismos de cesión do dereito de cobramento ou similares, acceso ao financiamento, elaboración de documentación ou proxectos técnicos ou outras actuacións necesarias para o desenvolvemento das actuacións subvencionables, ao abeiro do artigo 8 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.
3. As persoas beneficiarias e, de ser o caso, o axente ou xestor da rehabilitación que actúe por conta daquelas destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións.
Segundo. Obxecto e réxime de concesión
1. Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coa finalidade de financiar actuacións ou obras de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas, para a anualidade 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI406E).
2. A concesión das subvenciones recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 45.1 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, e no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
1. As subvencións deste programa rexeranse polas súas bases reguladoras contidas no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, modificado polo Real decreto 903/2022, do 25 de outubro, polo que se modifican o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono alugueiro mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, así como o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, e o Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, coas especificacións e limitacións recollidas nesta resolución.
2. En todo o non recollido nas bases reguladoras e nesta resolución será de aplicación a seguinte normativa:
a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
d) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
e) Regulamento (UE) número 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e as demais disposicións relativas á execución e xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (en diante, PRTR) e do Mecanismo de recuperación e resiliencia.
Na falta do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que poidan resultar aplicables.
Cuarto. Crédito orzamentario
1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.780.8 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos importes de 1.548.339,00 euros, para a anualidade 2025, e de 650.000,00 euros, para a anualidade 2026.
O programa de axudas ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas é financiado con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea- NextGenerationEU.
2. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, o cal comeza a contar unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se inicie a presentación de solicitudes. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Non obstante o anterior, se antes da finalización do devandito prazo se esgota o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
