Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Obras Hidráulicas do Ministerio de Obras Públicas do 26 de xullo de 1967, outorgouse a concesión á Empresa Nacional Calvo Sotelo de Combustibles Líquidos y Lubricantes,S.A. (Encaso) dun caudal máximo de 2.560 l/s do río Eume nas Pontes de García Rodríguez para uso de refrixeración, alimentación de caldeiras e demais usos complementarios da central térmica. Esta concesión foi transmitida a favor da Empresa Nacional de Electricidad, S.A., mediante a Resolución da Dirección Xeral de Obras Hidráulicas do 22 de xullo de 1978.
O 15 de novembro de 2024, Augas de Galicia iniciou de oficio o expediente de modificación de características da concesión co fin de adecuar o caudal concedido ás necesidades, así como aos usos e instalacións actuais.
En cumprimento do previsto no artigo 144.3 e 109 do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, faise público que se está a tramitar a modificación desta concesión, cuxas características modificadas serían as seguintes:
Solicitante: Endesa Generación, S.A. (NIF A82434697).
Expediente: E-1262-C.
Volume total anual: 7.500.000 m3/ano.
Caudal máximo instantáneo: 350 l/s.
Orixe: río Eume.
Coord. UTM x= 592236, y= 4810617; (ETRS-89).
Lugar: encoro da central no Eume (dominio público hidráulico) marxe esquerda.
Parroquia: As Pontes de García Rodríguez (Santa María).
Concello: As Pontes de García Rodríguez.
Destino das augas: industrial na central térmica de ciclo combinado e outros usos complementarios.
Descrición do aproveitamento:
As augas cáptanse na marxe esquerda do río Eume, na auga remansada pola presa da central térmica, a través dunha cántara na marxe esquerda, onde están os equipos de bombeo para o seu uso industrial na central térmica de ciclo combinado (refrixeración, planta desmineralización, etc.), así como outros usos complementarios no desmantelamento da planta térmica de carbón e o vertedoiro de residuos non perigosos.
A documentación técnica pode consultarse na sección de participación pública do portal da internet de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), e nas oficinas deste servizo territorial situadas na rúa Vicente Ferrer, 2, 9º andar, 15008 A Coruña, para facilitar esta consulta poderá solicitar cita previa no teléfono 981 18 25 30.
As persoas interesadas poderán presentar alegacións durante o prazo de vinte (20) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, en calquera dos rexistros previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A Coruña, 31 de marzo de 2025
Néstor Rodríguez Arias
Xefe do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Norte
