O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ao cal lle corresponde a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia, co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, e a unha utilización do solo de acordo co interese xeral, erradicando a especulación e actuando como elemento de regulación do mercado inmobiliario e de mellora da calidade ambiental, de acordo co establecido na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación.
Entre os obxectivos deste organismo, conforme a súa lei de creación, cómpre salientar a promoción de vivenda protexida e accesible mediante a colaboración público-privada. Non obstante, a situación actual, de falta de vivenda a prezo asequible, constitúe un problema que exixe a adopción polos poderes públicos de cantas medidas sexan necesarias para facerlle fronte, xa sexan de carácter substantivo ou procedemental. Con esta finalidade, estímase conveniente establecer un programa que facilite ás entidades locais a adxudicación de parcelas da súa titularidade, en compravenda ou dereito de superficie, co obxecto de construír vivendas protexidas.
De conformidade co anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,
RESOLVO:
I. Disposicións xerais
Primeiro. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto regular o Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida (en diante, o programa) e dar publicidade ao modelo de convenio que se asinará entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e as entidades locais para tal efecto.
2. A finalidade deste programa é regular o procedemento para a adxudicación polo IGVS, en colaboración coas entidades locais, de parcelas de titularidade local, en réxime de libre concorrencia, para o seu destino á construción de vivendas de protección autonómica.
3. Para a consecución dos obxectivos do programa, esta resolución regula os seguintes procedementos:
a) Participación no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida, que se tramitará co código de procedemento VI420D.
b) Incorporación de parcelas ao Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida, que se tramitará co código de procedemento VI420E.
Segundo. Forma de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de participación no programa e de incorporación de parcelas presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Terceiro. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude, tanto no procedemento de participación no programa como no de incorporación de parcelas, deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Cuarto. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos dos procedementos de participación no programa e de incorporación de parcelas practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as entidades locais interesadas en participar neste programa deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. En todo caso, o IGVS poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Quinto. Actualización dos modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta resolución poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos normalizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Habilitación para o desenvolvemento
Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa.
Sétimo. Recursos contra a presente resolución
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
II. Participación no Programa de oferta de solo de titularidade
das entidades locais para a construción de vivenda protexida
(código de procedemento VI420D)
Oitavo. Solicitudes de participación
1. As entidades locais que queiran participar no programa deberán asinar o correspondente convenio de colaboración co IGVS (anexo I).
2. Para os efectos previstos no número anterior, as entidades locais interesadas en participar no programa deberán presentar, nos termos establecidos no ordinal segundo, unha solicitude en que expresen o seu interese na subscrición do indicado convenio, segundo o modelo que figura como anexo II a esta resolución.
3. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e estará aberto de xeito permanente para facilitar a máxima participación no programa.
Noveno. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa e/ou entidade interesada se opoña:
a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa representante.
b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas e/ou entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario pertinente e achegar o documento.
3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa e/ou entidade interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas e/ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo. Emenda da solicitude
Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
Décimo primeiro. Convenio de colaboración
A participación no programa materializarase mediante a sinatura do correspondente convenio entre o IGVS e a entidade local de que se trate.
III. Incorporación de parcelas ao Programa de oferta de solo de titularidade
das entidades locais para a construción de vivenda protexida
(código de procedemento VI420E)
Décimo segundo. Requisitos das parcelas
As entidades locais que asinasen o correspondente convenio de colaboración co IGVS poderán incorporar ao programa as parcelas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser de plena titularidade da entidade local.
b) Cumprir as condicións exixidas na normativa reguladora dos bens das entidades locais para proceder á súa adxudicación.
c) Cumprir as condicións establecidas no planeamento urbanístico vixente de aplicación no concello, para o seu destino a un uso residencial.
Décimo terceiro. Solicitudes de incorporación de parcelas
1. As solicitudes de incorporación de parcelas presentaranas as entidades locais participantes no programa, nos termos establecidos no ordinal segundo, a través do modelo que figura como anexo III.
2. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto durante toda a vixencia do programa co obxecto de facilitar a incorporación de parcelas.
Décimo cuarto. Documentación complementaria
1. As entidades locais interesadas deberán achegar coa solicitude de incorporación de parcelas a seguinte documentación respecto cada unha das parcelas que queiran incorporar ao programa:
a) Certificado urbanístico en que consten os seguintes aspectos:
– Clasificación e cualificación urbanística do solo, segundo o planeamento urbanístico vixente no termo municipal en que se sitúe a parcela.
– Planos de ordenación urbanística obtidos do planeamento urbanístico vixente.
– Servizos urbanísticos dispoñibles na parcela e dispoñibilidade de acceso por vía pública pavimentada.
– Imaxes recentes do estado da parcela.
b) Certificación do Rexistro da Propiedade sobre as cargas e gravames da parcela.
c) Informe técnico da entidade local sobre o valor da parcela, de conformidade co establecido no artigo 277.1 da Lei 5/1997, do 10 de xullo, de administración local de Galicia.
d) Certificado da persoa titular da secretaría da entidade local que acredite a plena dispoñibilidade da parcela, así como a realización dos trámites previstos nos artigos 109 e seguintes do Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens das entidades locais e demais normativa aplicable, para proceder á adxudicación das parcelas.
e) Coordenadas da parcela, así como a súa información xeorreferenciada en formato shapefile (.shp), no caso de dispoñer dela.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o IGVS poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada neste ordinal. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Décimo quinto. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa e/ou entidade interesada se opoña:
a) DNI ou, de ser o caso, NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Consulta de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro.
2. No caso de que as persoas e/ou entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario pertinente e achegar o documento.
3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa e/ou da entidade interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas e/ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Décimo sexto. Emenda da solicitude
Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.
Décimo sétimo. Proposta de resolución
Logo da análise polos servizos técnicos da solicitude e da documentación complementaria presentada, a persoa titular da Dirección Técnica de Solo Residencial do IGVS adoptará a correspondente proposta de resolución sobre a incorporación de cada unha das parcelas solicitadas.
Décimo oitavo. Resolución sobre a incorporación das parcelas
1. A competencia para ditar a correspondente resolución sobre a incorporación de cada unha das parcelas solicitadas corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
2. O prazo para ditar resolución será de tres meses, transcorrido o cal se entenderá estimada a solicitude, de conformidade co disposto na lexislación do procedemento administrativo común.
3. A incorporación das parcelas ao programa implicará o compromiso do IGVS e da entidade correspondente de tramitar o procedemento correspondente para a súa adxudicación, nos termos establecidos nesta resolución e no convenio asinado para tal efecto.
4. Contra a resolución sobre a incorporación poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
IV. Procedemento para a adxudicación de parcelas incorporadas ao programa
Décimo noveno. Procedemento de adxudicación das parcelas
1. A adxudicación das parcelas incorporadas ao programa realizarase mediante un concurso público en réxime de libre concorrencia.
2. O dito concurso público tramitarao o IGVS en colaboración coa entidade local titular da parcela, nos termos estipulados no convenio de colaboración asinado para tal efecto.
Vixésimo. Participantes no concurso
1. Poderá participar no concurso, nos termos previstos neste ordinal, calquera persoa física ou xurídica, española ou estranxeira, que teña plena capacidade de obrar e desenvolva, no exercicio da súa actividade empresarial, a promoción de vivendas.
Tamén poderán participar, nos termos previstos no artigo 69 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, as unións de empresarios que se constitúan temporalmente para o efecto.
Así mesmo, poderán participar as cooperativas, aínda que non figuren inscritas no correspondente rexistro administrativo, sempre que, nestes casos, acrediten documentalmente tela solicitado antes da presentación da súa oferta.
2. Non poderán participar no concurso as persoas que solicitasen ou estean declaradas en concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme o Real decreto lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da lei concursal. Tampouco poderán participar aquelas persoas e entidades que no momento da presentación da documentación tivesen pendentes obrigas económicas coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa correspondente entidade local, así como aqueloutras incursas en prohibicións e incompatibilidades para contratar co sector público.
Vixésimo primeiro. Formas de adxudicación
A adxudicación das parcelas incorporadas ao programa poderá realizarse mediante compravenda ou mediante a constitución de dereitos de superficie.
Vixésimo segundo. Criterios de preferencia e valoración
1. A adxudicación dos contratos realizarase a favor da oferta que resulte máis vantaxosa, de conformidade cos criterios de preferencia e valoración que se establezan no correspondente prego de bases.
2. Para os efectos previstos no número anterior, a valoración das ofertas poderá realizarse en atención á calidade arquitectónica da proposta, á eficiencia enerxética e a sustentabilidade, á adopción de medidas que poidan supor para as persoas, propietarias ou usuarias, menores custos de utilización, conservación e mantemento do edificio e das vivendas e á viabilidade económico-financeira da proposta.
Vixésimo terceiro. Destino das parcelas
As persoas adxudicatarias deberán destinar obrigatoriamente as parcelas á construción de vivendas de protección autonómica, conforme a normativa vixente, nas seguintes modalidades:
a) No suposto de adxudicación mediante compravenda, as vivendas que se constrúan poderán destinarse á venda ou alugueiro nas modalidades de réxime xeral, especial ou concertado.
b) No suposto de adxudicación mediante a constitución dun dereito de superficie, as vivendas que se constrúan unicamente poderán destinarse a alugueiro nas modalidades de réxime xeral, especial ou concertado.
Vixésimo cuarto. Obrigas das persoas adxudicatarias
Os prazos máximos para edificar, así como as demais obrigas das persoas adxudicatarias, serán establecidos no correspondente prego de bases.
V. Publicidade do programa
Vixésimo quinto. Publicidade do programa
O IGVS publicará na súa páxina web a relación de concellos participantes no programa e das parcelas incorporadas a este e susceptibles de adxudicación.
VI. Eficacia
Vixésimo sexto. Eficacia desta resolución
Esta resolución producirá efectos a partir do día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
ANEXO I
Convenio de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo
e ........................ para a aplicación do Programa de oferta de solo
de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida
Reunidos:
Dunha parte, María Martínez Allegue, conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, actuando na súa condición de presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), en virtude do disposto no artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica deste organismo.
E, doutra parte, ..., en representación de ... de ..., en virtude das atribucións conferidas pola Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
As partes recoñécense mutuamente capacidade legal suficiente para outorgar o presente convenio de colaboración e, para tal efecto,
Expoñen:
Primeiro. O IGVS é un organismo autónomo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ao cal lle corresponde realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia, co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, e a unha utilización do solo de acordo co interese xeral, erradicando a especulación e actuando como elemento de regulación do mercado inmobiliario e de mellora da calidade ambiental, de acordo co establecido na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación. Para o cumprimento destes fins pode establecer convenios con entes públicos ou privados, en virtude do sinalado no artigo 3 da referida lei.
Segundo. De conformidade co establecido, tanto na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, como na Lei 5/1997, do 22 de xullo, da administración local de Galicia, para o cumprimento dos seus fins e no ámbito das súas respectivas competencias, as entidades locais, de acordo coa Constitución e as leis, terán plena capacidade xurídica para allear toda clase de bens e realizar contratos.
O alleamento de bens patrimoniais das entidades locais seguirá os trámites especificados nos artigos 109 e seguintes do Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens das entidades locais.
Terceiro. As relacións de cooperación e colaboración técnica e administrativa entre a Xunta de Galicia e as entidades locais en asuntos de interese común poderá realizarse mediante a subscrición de convenios, ao abeiro do sinalado nos artigos 194 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, e 48 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Cuarto. As partes asinantes do convenio son conscientes de que a situación actual de escaseza de vivenda a prezo asequible constitúe un problema que exixe a adopción polos poderes públicos de todas as medidas que resulten necesarias para facerlle fronte, xa sexan de carácter substantivo ou procedemental.
O Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida ten por obxecto facilitar ás entidades locais a adxudicación de parcelas da súa titularidade, en compravenda ou dereito de superficie, co obxecto de construír vivendas protexidas.
Quinto. O/a ... de ... está interesado na implantación do Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida.
Polo anterior, as partes conviñeron a formalización deste convenio de acordo coas seguintes
Cláusulas
Primeira. Obxecto
O obxecto do convenio é establecer os termos e condicións da colaboración entre o IGVS e ... para o desenvolvemento do Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida.
Segunda. Obrigas do IGVS
O IGVS asume as seguintes obrigas:
a) Elaborar os pregos de bases polos que se rexerá a adxudicación das parcelas e tramitar os correspondentes procedementos.
b) Publicar os anuncios da licitación na páxina web do IGVS.
c) Designar os membros das mesas de licitación, entre os que se incluirá un representante da entidade local no relativo á adxudicación de parcelas da súa titularidade, se esta última o indica expresamente.
d) Efectuar a valoración técnica das ofertas presentadas polas persoas licitadoras.
e) Elaborar as propostas de adxudicacións dos contratos.
Terceira. Obrigas da entidade local
A entidade local asume as seguintes obrigas:
a) Remitir ao IGVS, coa maior celeridade posible, canta información lle sexa requirida polo dito organismo en relación coa adxudicación das parcelas.
b) Ditar a correspondente resolución de adxudicación dos contratos.
c) Remitir ao IGVS os contratos de adxudicación das parcelas asinados no prazo máximo dun mes desde a súa sinatura.
Cuarta. Contido económico
O presente convenio non supón a existencia de gastos para as partes asinantes.
Quinta. Comisión de seguimento
Coa finalidade de garantir a consecución do obxecto descrito e de asegurar unha coordinación efectiva entre as partes, constituirase unha comisión de seguimento, integrada por dous representantes de cada unha das partes asinantes, que se encargará da adecuada coordinación, seguimento, avaliación e cumprimento do presente convenio, así como de resolver as controversias que poidan xurdir na súa interpretación e cumprimento.
Sexta. Vixencia do convenio
O presente convenio estará vixente durante a duración do Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida.
Sétima. Causas de resolución
Son causas de resolución do presente convenio:
1. O mutuo acordo das entidades asinantes.
2. O incumprimento total ou parcial das obrigas asumidas polas partes neste convenio.
A resolución do convenio non implicará a indemnización de danos ou perdas a favor de ningunha das partes.
Oitava. Protección de datos persoais
De conformidade co establecido no artigo 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 29 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas asinantes do convenio manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan no presente convenio e demais especificacións contidas nel poidan ser publicados no Portal de transparencia e goberno aberto.
As partes comprométense a tratar os datos persoais que fosen postos no seu coñecemento unicamente coa finalidade e alcance de executar o establecido no presente convenio, respectando os requisitos establecidos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos, en diante, RXPD) e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante na materia.
Novena. Divulgación da formalización do convenio
As partes poderán participar na promoción, divulgación e difusión das actividades e dos resultados obtidos como consecuencia da execución deste convenio mediante a correspondente publicación nas súas páxinas web e demais medios de comunicación.
En proba de conformidade, as partes subscriben o presente documento.
|
María Martínez Allegue |
O/a ... de ... |
