DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 9 de maio de 2025 Páx. 26208

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 23 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas ao programa de mobilidade transnacional xuvenil, dirixido ás persoas mozas máis desfavorecidas inscritas e beneficiarias do Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (programa Galicia Moza con Alma) (código de procedemento CT510A).

Mediante o Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da mocidade e desenvolvemento comunitario.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, sinala no seu artigo 7 que constituirán obxectivos prioritarios da planificación xeral dos programas relacionados coa educación o apoio da educación non formal da xuventude como complemento da educación regrada, co obxecto de contribuír á aprendizaxe permanente. Así mesmo, no artigo 8 recolle que a Xunta de Galicia promoverá políticas activas que favorezan o emprego xuvenil, que terán, con carácter xeral, os obxectivos da mellora da empregabilidade da mocidade, a mellora da adaptabilidade e a igualdade de oportunidades da mocidade, en especial, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral. E, por último, no seu artigo 15 dispón que a Xunta de Galicia potenciará a mobilidade entre a mocidade galega, desenvolvendo programas para a realización de estudos, cursos e actividades noutras comunidades autónomas, na Unión Europea e noutros países, co obxectivo de potenciar o coñecemento da diversidade e a riqueza cultural, o que contribuirá á súa formación e posterior inserción laboral.

Segundo o Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de mocidade, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considera prioritario apoiar, deseñar, promover, organizar e coordinar programas, desde o ámbito da educación non formal, destinados ao desenvolvemento de capacidades e competencias na xuventude, así como á mellora da súa empregabilidade e das súas posibilidades de emancipación.

Neste ámbito enmárcase o programa Galicia Moza con Alma, un programa de inclusión social da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dirixido ás persoas máis desfavorecidas que teñen dificultades para acceder ao traballo ou á formación por motivos individuais ou estruturais, e ten por obxecto empoderalas á hora de integrarse no mercado laboral, o sistema educativo ou na sociedade, mediante a implementación dun enfoque personalizado que lles permita mellorar as habilidades, os coñecementos, a experiencia e tamén a confianza en si mesmas.

O obxectivo é axudalas a integrarse na sociedade e, en última instancia, a atopar o seu camiño no mercado laboral combinando o apoio á educación, a formación profesional ou o emprego en Galicia cunha experiencia de aprendizaxe relacionada con prácticas formativas non laborais noutro país da UE.

ALMA, que significa «Aim, Learn, Master, Achieve» (Aspirar, Aprender, Dominar, Lograr), é unha iniciativa da UE destinada a apoiar as persoas mozas que nin traballan, nin estudan, nin reciben formación.

Polo xeral, trátase de persoas vulnerables no que respecta ás súas posibilidades de acceder ao emprego ou á formación, debido a motivos individuais ou estruturais (por exemplo, discapacidade, desemprego de longa duración, risco de exclusión social...).

Esta iniciativa ofrece ás persoas mozas participantes unha formación personalizada no seu país de orixe (fase preparatoria); unha experiencia supervisada relacionada co traballo xunto con servizos de titoría durante un período de entre dous e tres meses noutro país da UE (fase de mobilidade); ao seu regreso, o apoio continuado guiaraas á hora de utilizar as novas capacidades adquiridas para obter emprego ou seguir estudando no seu país de orixe (fase de seguimento).

Estas subvencións serán outorgadas en réxime de concorrencia competitiva con cargo aos créditos especificados na Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e estarán cofinanciadas pola Unión Europea nunha porcentaxe do 95 % no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do Obxectivo político 4. Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; Prioridade 6. Accións sociais innovadoras; Obxectivo específico ESO4.1. Mellorar o acceso ao emprego e a medidas de activación de todos os demandantes de emprego, e, en particular, das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da Garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e os grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social e Medida 6.A.01. Prácticas formativas en países europeos. Iniciativa ALMA.

Esta orde é coherente coa normativa comunitaria, en particular co Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como ás normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados; o Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013; o Regulamento delegado (UE) 2022/2175 da Comisión, do 5 de agosto de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á definición de custos unitarios e ao establecemento de importes de financiamento non vinculado aos custos para determinadas operacións destinadas a facilitar a integración dos mozos no mercado laboral, o sistema educativo e a sociedade no marco da iniciativa ALMA; así como na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados e financiamento non vinculado a custos conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Neste sentido, a Comisión establece, para o programa Alma, e mediante o Regulamento delegado (UE) 2022/2175 da Comisión, do 5 de agosto de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á definición de custos unitarios e ao establecemento de importes de financiamento non vinculado aos custos para determinadas operacións destinadas a facilitar a integración das persoas mozas no mercado laboral, o sistema educativo e a sociedade no marco da iniciativa ALMA.

A orde axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento de concesión de subvencións para o programa de inclusión social xuvenil, Galicia Moza con Alma, co obxectivo de empoderar as persoas mozas vulnerables á hora de integrarse no mercado laboral, o sistema educativo ou na sociedade, mediante a realización de prácticas formativas non laborais nun Estado membro da Unión Europea.

O procedemento de concesión das subvencións será en réxime de concorrencia competitiva e conforme os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. A finalidade deste programa é reforzar a empregabilidade e as habilidades e competencias profesionais das persoas mozas máis desfavorecidas, que teñen dificultades para acceder ao traballo ou á formación por motivos individuais ou estruturais, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional e tamén confianza en si mesmos, para a súa incorporación ao mercado de traballo, cos seguintes obxectivos específicos:

a) Potenciar os programas de educación non formal en que as persoas mozas participantes adquiran os coñecementos e habilidades máis demandados no contexto laboral actual.

b) Mellorar o nivel de aptitudes e competencias clave das persoas mozas participantes.

c) Achegar as persoas mozas participantes á realidade empresarial e mellorar a súa autonomía persoal.

d) Crear un ecosistema favorable á creación de oportunidades de emprego xuvenil.

e) Apoiar a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros que contribúen a aumentar a empregabilidade das persoas mozas participantes.

3. A realización das prácticas formativas non laborais que formen parte das accións destes programas xerará o dereito a solicitar a expedición do certificado de experiencias en educación non formal en materia de mocidade, regulado na Orde do 26 de febreiro de 2015 pola que se regula o certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude.

4. O procedemento de concesión das subvencións no programa Galicia Moza con Alma establecidas nesta orde identificarase co código CT510A.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as entidades privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia no eido da mocidade e/ou do emprego, e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para os efectos de lograr unha mellor e máis ampla distribución do importe da convocatoria, unha mesma entidade non poderá presentar máis dunha solicitude.

3. Serán excluídas as entidades solicitantes que se encontren nalgunha das situacións de prohibición recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións aquelas entidades que non se atopen ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, ou teñan pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 3. Requisitos das persoas mozas participantes no programa Galicia Moza con Alma

As persoas mozas participantes que formen parte do programa Galicia Moza con Alma deberán cumprir os seguintes requisitos na data en que realice a súa selección a entidade beneficiaria da subvención:

a) Ter feitos os 18 anos e non superar a idade máxima que estableza a normativa vixente do SNGX, de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estar inscritas no SNGX e figurar como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Atoparse nalgunha das situacións de vulnerabilidade descritas a continuación, podendo acreditar a pertenza, como mínimo, a un dos seguintes colectivos:

d.1) Persoas mozas con baixo nivel formativo, que teñan a ESO ou o equivalente como máximo.

d.2) Persoas mozas desempregadas de longa duración, ao menos durante 12 meses.

d.3) Estar empadroada nun concello rural. Enténdese por concello rural aquel que non conte con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística. Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

d.4) Persoas mozas que estean en situación ou risco de exclusión social conforme o establecido no artigo 3.1 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

Artigo 4. Incompatibilidade das subvencións

Estas subvencións son incompatibles con calquera outro tipo de subvencións ou bolsas de institucións públicas, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, destinadas a actividades coa mesma finalidade.

Artigo 5. Características e fases do programa Galicia Moza con Alma

5.1. Os programas Galicia Moza con Alma deberán contar cun mínimo de 4 e un máximo de 6 persoas mozas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 3.

5.2. O proxecto de actuación consta de tres fases, que deben ser consecutivas:

a) Fase de organización e planificación en Galicia: inclúe a preparación sociolingüística e intercultural, así como a organización e preparación da mobilidade, en canto á organización da viaxe e o aloxamento das persoas mozas participantes.

As persoas mozas participantes recibirán formación e orientación de forma intensiva e personalizada antes das mobilidades. Esta preparación terá a finalidade de facilitar o coñecemento da contorna en que se desenvolverá a mobilidade, preparando as persoas mozas participantes para a súa integración nun novo contexto cultural e social, así como na aprendizaxe da lingua vehicular do país de destino.

Todas estas actividades poden ser presenciais, virtuais ou mixtas, pero priorizaranse as presenciais.

A fase de preparación prevé a elaboración conxunta entre a entidade e a persoa participante dun itinerario personalizado, que inclúa a descrición detallada de todas as accións adaptadas ás necesidades da persoa, definidas co obxectivo de preparala para realizar a estancia de aprendizaxe práctica e integración laboral noutro país membro da UE. O itinerario personalizado quedará recollido nun documento que asinará a persoa participante, no cal se debe recoller, como mínimo, a seguinte información: os obxectivos e resultados previstos; as accións planificadas e o calendario previsto de duración das actuacións, especificando os días de participación nas diferentes fases do programa.

Poderá comezar a partir do día seguinte á publicación da resolución de concesión das subvencións e unha vez aceptada esta.

Esta fase poderá ter unha duración mínima de 75 horas e unha duración máxima dun mes.

b) Fase de mobilidade nun país membro da UE: realización de prácticas formativas non laborais en empresas, entidades ou institucións de países da Unión Europea e seguimento durante a súa realización; titorización das prácticas e realización de itinerarios personalizados de inserción das persoas mozas participantes.

É preciso que a persoa titora ou acompañante realice a viaxe co grupo de persoas mozas participantes.

O tipo de aloxamento debe ter unhas condicións dignas e debe estar adaptado ás necesidades das persoas mozas participantes.

As prácticas formativas non laborais desenvolveranse de acordo ao seu perfil, formación e capacidades da persoa moza participante.

Poderá comezar unha vez rematada a fase de organización e planificación en Galicia, debendo durar polo menos un 30 % do tempo previsto para a duración total do programa.

A súa duración debe adecuarse ás necesidades da persoa participante, sendo en todo caso de 2 a 3 meses consecutivos, agás causa xustificada motivada por escrito. Os meses non naturais (cando non comezan no primeiro día do mes) contaranse desde o día de inicio das prácticas do mes en curso ata o mesmo día do mes seguinte.

Considéranse causas xustificadas, en todo caso: a entrevista laboral ou a sinatura dun contrato de traballo; a concesión dunha bolsa de traballo ou de estudos; a realización de exames de estudos oficiais; a enfermidade grave da persoa participante ou a enfermidade grave/morte ou hospitalización dun familiar de ata 2º grao; ou outra causa xustificada non imputable á persoa participante.

Esta fase debe finalizar, como data límite, o 31 de outubro de 2025.

c) Fase de avaliación e seguimento posterior á realización das prácticas formativas non laborais unha vez que regresan a Galicia:

Desenvolverase un plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas, que se poderán impartir en modalidade presencial, teleformación ou mixta. O plan formativo será desenvolto e impartido pola entidade beneficiaria da subvención.

Dentro deste plan formativo será obrigatoria a impartición dun módulo formativo de igualdade de xénero co obxectivo de promover unha actitude máis igualitaria entre homes e mulleres. A maiores, poderán escoller outros contidos que amplíen a formación das persoas mozas participantes segundo as súas necesidades e particularidades.

A entidade debe deixar constancia do progreso na avaliación final, axudando á persoa participante a identificar as competencias adquiridas ou desenvolvidas durante o proxecto. É obrigatoria a redacción dunha avaliación final que recolla o resultado da participación de cada persoa destinataria do programa.

Dentro desta fase as persoas mozas participantes recibirán apoio continuado para que poñan en práctica as capacidades adquiridas durante a mobilidade, co obxectivo de encontrar traballo ou seguir formándose. Inclúe a avaliación dos resultados de aprendizaxe obtidos polas persoas mozas participantes durante a actividade.

Estas accións de seguimento poden ser individuais e/o grupais, presenciais, virtuais ou mixtas, pero priorizaranse as sesións presenciais.

A entidade beneficiaria comprométese a acompañar e facilitar a inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia daquelas persoas mozas participantes que non acaden a inserción laboral antes da finalización desta fase.

O Servizo Público de Emprego de Galicia identificará as persoas mozas participantes neste programa que non teñan acadada a inserción laboral e ofrecerá un itinerario personalizado de inserción destinado a incrementar a súa empregabilidade. Mediante entrevista individual, elaborará un perfilado competencial para identificar as ocupacións máis axeitadas para cada participante e as competencias laborais en que a persoa participante require formación que mellore as súas posibilidades de inserción laboral, analizará os datos do mercado laboral de Galicia coa ferramenta Emprego Intelixente e ofrecerá un plan de acción titorizado por unha persoa orientadora do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Esta fase iniciarase, como moi tarde, unha semana despois de que a persoa participante regrese da súa mobilidade e pódese alongar como máximo 1 mes, con data límite o 8 de decembro de 2025.

5.3. As tres fases teñen que estar interrelacionadas e deseñadas para asegurar que cada persoa moza recibe a atención necesaria para maximizar a efectividade de cada programa.

Artigo 6. Recursos humanos mínimos dos programas Galicia Moza con Alma

Ademais dos requisitos anteriores, os programas Galicia Moza con Alma deberán contar cun equipo multidisciplinar, como mínimo, cos seguintes recursos humanos:

a) Unha persoa responsable do programa, que o coordine e xestione durante toda a súa duración en colaboración coa/s persoa/s titora/s. A súa porcentaxe media de dedicación ao programa durante todas as fases non poderá ser inferior ao 100 % da xornada completa (37 horas e media semanais).

b) Unha persoa que exerza a figura de titor/a encargado/a do seguimento da formación das persoas mozas participantes nas prácticas e que titorice, xunto coa persoa responsable de cada empresa, entidade ou institución onde se realicen as prácticas formativas non laborais. A súa porcentaxe media de dedicación ao programa durante todas as fases será o 100 % da xornada completa (37 horas e media semanais). En todo caso, a persoa titora acreditará formación e ou experiencia no ámbito psicosocial e orientación laboral.

Artigo 7. Gastos subvencionables e contía das axudas

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que, de forma inequívoca, respondan á natureza da actividade subvencionada, sexan estritamente necesarios para o desenvolvemento dos programas e se realicen no prazo e nas condicións que se determinen nesta orde.

En todo caso, deberán respectar o disposto na Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

2. A entidade beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do seu regulamento. Queda fóra desta obriga a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade beneficiaria da subvención para realizar por si mesma a actividade subvencionada.

3. O período de subvencionabilidade dos ditos gastos será desde o día seguinte ao da publicación das bases reguladoras ata o 15 de decembro de 2025.

4. Por este programa, son subvencionables os gastos vinculados aos módulos de custos unitarios e de financiamento non vinculado a custos establecidos no Regulamento delegado (UE) 2022/2175 da Comisión, do 5 de agosto de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á definición de custos unitarios e ao establecemento de importes de financiamento non vinculado aos custos para determinadas operacións destinadas a facilitar a integración dos mozos no mercado laboral, o sistema educativo e a sociedade no marco da iniciativa ALMA.

5. A contía da subvención determínase aplicando un módulo por día de participación, por persoa moza participante para calquera das tres fases. A contía está formada polos distintos conceptos:

a) Custo básico. Un importe básico por persoa moza destinataria e día natural de participación no programa, en calquera das tres fases.

O indicador que dá lugar á subvención é o número de días de participación en calquera das tres fases, por persoa moza participante, desde que se inicia a súa participación no proxecto, ata a súa finalización. Considérase inicio da participación o día en que a persoa moza destinataria se incorpora ao proxecto e faga a primeira acción, da que hai que deixar constancia.

Contabilizaranse como subvencionables todos os días naturais de participación no programa de cada unha das persoas destinatarias, independentemente de que finalizasen ou non o itinerario personalizado previsto inicialmente.

O custo unitario diario aplicado ás tres actuacións por igual (preparación, mobilidade e seguimento) é de 109,20 € por persoa por día de participación, cun máximo de días por fase que se establece neste artigo.

b) Suplemento cando as persoas mozas participantes se desprazan a un Estado membro cun maior custo de vida. Os días de participación na fase de mobilidade, este importe básico compleméntase cun suplemento diario polos días de estancia no estranxeiro, cando a persoa destinataria se desprace a un Estado membro cun custo de vida superior ao do Estado onde se desenvolven as outras dúas fases do proxecto.

O suplemento diario adicional aplicado á fase de mobilidade, cando as persoas mozas participantes se despracen a un Estado membro cun custo de vida superior ao de España (Dinamarca, Finlandia, Luxemburgo, Suecia, Irlanda) é de 20,29 € por persoa participante e día.

O importe do módulo diario, tanto do custo base como do suplemento determínanse con base nos módulos de custos unitarios e de financiamento non vinculado a custos previstos no Regulamento delegado (UE) 2022/2175 da Comisión, do 5 de agosto de 2022.

En ningún caso, o importe das subvencións concedidas pode ser dunha contía que supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

6. O número máximo de días subvencionables é de 150 por persoa moza participante, aplicándose para cada día os importes dos módulos especificados no punto 5 deste artigo, e desagregándose da seguinte maneira:

a) Custo unitario diario: máximo 150 días.

b) Suplemento diario adicional aplicado na fase de mobilidade, cando as persoas mozas participantes se despracen a un Estado membro cun custo de vida superior ao de España: máximo 90 días.

Artigo 8. Financiamento

1. Estas axudas estarán cofinanciadas pola Unión Europea nunha porcentaxe do 95 % no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 dentro do Obxectivo político 4. Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; Prioridade 6. Accións sociais innovadoras; Obxectivo específico ESO4.1. Mellorar o acceso ao emprego e a medidas de activación de todos os demandantes de emprego, e, en particular, das persoas mozas, especialmente a través da aplicación da Garantía xuvenil, dos desempregados de longa duración e os grupos desfavorecidos no mercado laboral, e das persoas inactivas, así como mediante a promoción do emprego por conta propia e a economía social e Medida 6.A.01. Prácticas formativas en países europeos. Iniciativa ALMA.

2. Para o financiamento destas subvencións existe crédito suficiente e adecuado na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, cunha contía total de 600.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 2025.13.05.313A.480.0 (código de proxecto 2023 134).

Este importe poderá ser incrementado nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. É necesario informe favorable previo da modificación orzamentaria que corresponda por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos).

Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Para resolver as dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no correo electrónico programas.xuventude@xunta.gal

Artigo 10. Documentación

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

b) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade solicitante mediante copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante, onde conste que dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos.

c) Documentación que acredite que están domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo e que desenvolvan a súa actividade en Galicia no eido da mocidade e/ou do emprego.

d) Certificación da persoa representante da entidade na cal conste a relación de proxectos específicos xestionados cuxas persoas mozas participantes fosen persoas mozas en situación ou risco de exclusión social conforme o establecido no artigo 3.1 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, se procede. A certificación debe indicar o nome do proxecto, o ano ou anos de execución e a entidade/organismo convocante.

2. Documentación complementaria. Ademais, é preciso presentar a documentación que se enumera a continuación:

a) A entidade solicitante debe presentar unha memoria técnica do proxecto que presenta que inclúa, como mínimo, o seguinte:

• Análise e descrición do colectivo a que se dirixe o proxecto e das barreiras/dificultades para acceder ao traballo ou formación.

• Os medios de que dispón para a execución do proxecto.

• As actividades que se van desenvolver en cada unha das tres fases.

• Cronograma de cada unha das tres fases.

• Lugar de realización das actuacións de cada unha das tres fases.

• Obxectivos e resultados previstos.

• Presentación e contextualización da entidade e do equipo multidisciplinar involucrado no proxecto.

• Metodoloxía e ferramentas para elaborar os itinerarios personalizados, orientados á adquisición de competencias profesionais e persoais como a autoconfianza e a autoestima, que permita ás persoas mozas participantes mellorar a súa empregabilidade.

• Información detallada cualitativa que permita valorar o proxecto e que poida ser unha evidencia comprobable a posteriori dos centros ou lugares onde se prevé realizar calquera acción, dos aloxamentos, das empresas de prácticas ou outros (ligazóns, páxinas webs, pre reservas, acordos, compromisos, etc.).

b) A entidade beneficiaria tamén deberá presentar unha memoria económica co orzamento completo e detallado do proxecto de actuación, en que figuren o detalle do cálculo da contía solicitada, a relación das persoas mozas participantes en cada unha das tres fases; o número de días de participación en cada unha das fases do proxecto por cada persoa moza participante e o Estado membro da UE onde cada persoa moza participante realizará a mobilidade.

O indicador que dá lugar á subvención é o número de días de participación en calquera das tres fases, por persoa participante, desde que se inicia a súa participación no proxecto ata a súa finalización. Para os efectos de cómputo dos días de participación é preciso recoller toda a actividade que se realice coas persoas destinatarias e ter evidencias desa actividade.

c) Documentación acreditativa da experiencia previa en deseño e xestión de programas de mobilidade transnacional mínima de 2 anos, xa sexa con proxectos outorgados á entidade solicitante ou ben, coa experiencia transnacional do persoal xestor do proxecto.

d) Proxecto de mobilidade segundo o modelo que se publicará como anexo II.

e) Acordo ou compromiso de colaboración asinado coas empresas, entidades ou institucións de acollida onde as persoas mozas participantes realizarán as prácticas formativas non laborais durante a fase de mobilidade, segundo modelo que se publicará como anexo III.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da entidade solicitante.

f) DNI/NIE da persoa moza participante.

g) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa moza participante.

h) Comprobación de estar inscrito/a e ser beneficiario/a no SNGX da persoa moza participante.

i) Acreditación da situación de persoa moza desempregada de longa duración.

j) Informe acreditativo da situación ou risco de exclusión social emitido polos servizos sociais cando a persoa moza participante faga constar esta circunstancia na solicitude.

k) Consulta de títulos universitarios oficiais e non oficiais, así como os non universitarios da persoa moza participante.

2. No caso de que as persoas mozas participantes se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas mozas participantes a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fai, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 21.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Publicación

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e a correspondente resolución deste procedemento, sen prexuízo do recollido no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Con carácter complementario, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da dirección xeral competente en materia de xuventude (http://xuventude.xunta.es).

Artigo 15. Instrución

A instrución do procedemento regulado nesta orde correspóndelle á subdirección xeral competente en programas e asesoramento para a xuventude da dirección xeral competente en materia de xuventude, e levarase a cabo conforme o estipulado no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Comisión de Avaliación

1. Crearase unha Comisión para a valoración das solicitudes que se presenten neste procedemento que estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: a persoa titular da subdirección xeral competente en programas e asesoramento para a xuventude, ou persoa que a substitúa.

Secretario/a: unha persoa funcionaria da dirección xeral competente en materia de xuventude.

Vogais:

A persoa titular da xefatura do servizo con competencias en materia de programas e mobilidade xuvenil.

A persoa titular da sección con competencias en programas europeos.

Unha persoa empregada pública ao servizo da Administración xeral autonómica adscrita á dirección xeral competente en materia de xuventude.

2. Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela a persoa que exerce a presidencia ou persoa que a substitúa, dous (2) vogais e o secretario ou secretaria. Se, por calquera motivo, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída polo persoa empregada pública que, para o efecto, designe a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude.

3. A Comisión de Avaliación realizará un informe en que constará o resultado da avaliación e a prelación das solicitudes por orde decrecente de puntuación. O dito informe será elevado ao órgano instrutor que formulará a proposta de resolución que elevará ao órgano encargado de resolver o procedemento no prazo de 15 días desde a súa elevación.

Artigo 17. Criterios de avaliación

1. Os criterios de avaliación das solicitudes serán os recollidos neste artigo. Como resultado da aplicación dos criterios de avaliación obterase unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de entidade beneficiaria, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

A valoración das solicitudes realízase con base nunha escala de puntuación de 0 a 100 puntos. A puntuación mínima requirida para optar á subvención é de 50 puntos.

As puntuacións correspondentes a cada ámbito son as seguintes:

a) Descrición do proxecto (máximo 25 puntos).

a.1) Xustificación da necesidade do proxecto (máximo 8 puntos).

Diagnóstico socioeconómico. Debe recoller toda a información que xustifique a necesidade do proxecto: debe concretar o territorio onde se executa o proxecto, describir a situación socioeconómica, identificar e analizar os problemas e necesidades do seu mercado de traballo e describir o perfil das persoas mozas participantes, así como explicar os vínculos lóxicos e a coherencia que interviñeron na definición do proxecto e as súas fases.

a.2) Obxectivos do proxecto (máximo 5 puntos).

É necesario definir obxectivos xerais e específicos, razoar a súa coherencia coa finalidade do proxecto e explicar como contribúen nos obxectivos específicos do FSE+ e nos obxectivos xerais da convocatoria e que valor engadido a nivel da UE representan.

a.3) Metodoloxía aplicada (máximo 6 puntos).

É necesario concretar a metodoloxía para utilizar en cada unha das actuacións, identificando as tres fases, e que sexa coherente cos obxectivos do proxecto e o perfil das persoas mozas participantes.

a.4) Actuacións do proxecto (máximo 6 puntos).

É necesario describir as actuacións do proxecto (as obrigatorias e as opcionais, de ser o caso), e xustificalas tendo en conta os obxectivos e fases do proxecto, o perfil das persoas mozas participantes e o mercado de traballo do territorio. Se é necesario, explicar a complementariedade con outras accións e o valor engadido.

b) Calidade do proxecto (máximo 28 puntos).

b.1) Deseño e desenvolvemento do proxecto (máximo 10 puntos).

É necesario describir o concepto, a metodoloxía para a implementación do proxecto e xustificar a viabilidade do proxecto:

– Adecuación do prazo/calendario: o cronograma debe mostrar a planificación detallada e coherente de forma xustificada, de acordo co que se establece nos artigos 5 e 6 desta orde.

– Adecuación do orzamento para unha correcta implementación: debe detallarse o orzamento de acordo co que se establece no artigo 7 desta orde.

– Detallar os resultados esperados, a súa sustentabilidade despois de finalizar o proxecto e a adecuación dos obxectivos en función dos resultados esperados.

b.2) Recursos humanos e técnicos necesarios para o desenvolvemento do proxecto (máximo 10 puntos).

Detallar os recursos humanos e materiais necesarios para a execución das actuacións do proxecto: o equipo humano (director, coordinador, titor, psicólogo, etc.), a distribución de roles e tarefas, a estrutura e mecanismos de toma de decisións e comunicación; a experiencia de traballo con colectivos desfavorecidos, as habilidades psicopedagóxicas, mentoría e habilidades interculturais.

b.3) Avaliación e seguimento do proxecto (máximo 8 puntos).

É necesario detallar e xustificar a metodoloxía de avaliación das actuacións executadas.

Describir a capacidade operativa da entidade beneficiaria, das empresas, entidades ou institucións onde os participantes realizarán as prácticas formativas non laborais durante a fase de mobilidade, así como do equipo técnico.

Describir os protocolos de acompañamento, as medidas de seguimento e avaliación da calidade do proxecto; transversalidade de xénero e non discriminación; métodos de divulgación e participación das persoas mozas participantes.

c) Calidade da rede transnacional (máximo 16 puntos).

c.1) Xustificación da necesidade (máximo 8 puntos).

É necesario xustificar de maneira coherente a selección das empresas, entidades ou institucións onde os participantes realizarán as prácticas formativas non laborais durante a fase de mobilidade, tendo en conta os obxectivos do proxecto, as actuacións para executar, o perfil das persoas mozas participantes e o mercado de traballo do territorio.

É necesario achegar acordos de colaboración asinados. Se durante a execución do proxecto se produce un cambio das empresas, entidades ou institucións onde as persoas mozas participantes realizarán as prácticas formativas non laborais durante a fase de mobilidade, a persoa beneficiaria debe asegurarse de que outra empresa que cumpra os requisitos establecidos no artigo 2 desta orde o substitúa e asuma os mesmos compromisos.

c.2) Organización e coordinación (máximo 8 puntos).

É necesario describir a organización das entidades e das empresas, entidades ou institucións onde os participantes realizarán as prácticas formativas non laborais durante a fase de mobilidade, os equipos, así como os mecanismos de coordinación entre entidades e empresas para executar o proxecto.

d) Impacto do proxecto. Valórase a descrición detallada dos resultados esperados (máximo 10 puntos).

Concretar os resultados de execución previstos e prever o uso no futuro dos resultados.

e) Grupo obxectivo do proxecto (máximo 15 puntos).

Valórase o compromiso asumido en relación coa porcentaxe de persoas mozas participantes seleccionadas máis vulnerables e coa garantía de manter a proporción durante toda a execución do proxecto. Deben xustificar que instrumentos se utilizarán para seleccionar e manter estas persoas vinculadas ao proxecto, así como explicar como adaptarán as actividades de preparación ás necesidades específicas do grupo.

Puntuarase con 0 puntos os proxectos destinados ata un 25 % ás persoas dos colectivos descritos na epígrafe d.4) do artigo 3 desta orde.

Puntuarase con 5 puntos os proxectos destinados entre un 26 % e un 50 % ás persoas dos colectivos descritos na epígrafe d.4) do artigo 3 desta orde.

Puntuarase con 10 puntos os proxectos destinados entre un 51 % e un 75 % ás persoas dos colectivos descritos na epígrafe d.4) do artigo 3 desta orde.

Puntuarase con 15 puntos os proxectos destinados entre un 76 % e un 100 % ás persoas dos colectivos descritos na epígrafe d.4) do artigo 3 desta orde.

f) Ter xestionado en Galicia nos últimos catro anos programas específicos de mobilidade a países da Unión Europea: 6 puntos.

2. Para o caso de empate na puntuación entre varias entidades solicitantes das subvencións e co fin de determinar a orde de prelación entre programas que obtiveron a mesma puntuación, fíxase como sistema de desempate:

a) A maior valoración que realizase a Comisión de Avaliación en cada un dos criterios que se reflicten no punto 1 deste artigo e seguindo a orde establecida nel.

b) De persistir o empate, a orde de entrada da solicitude.

Artigo 18. Resolución

1. Correspóndelle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, logo da proposta do órgano instrutor e da fiscalización pola Intervención, a competencia para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución. A resolución será notificada de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo de catro meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste orde no Diario Oficial de Galicia. A publicación da resolución terá os efectos de notificación.

2. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 e correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

4. Na resolución tamén se lle informará á entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

5. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. A resolución definitiva coa relación de entidades beneficiarias, excluídas, desestimadas, lista de espera e renuncias será obxecto de publicidade, con carácter complementario, na páxina web da dirección xeral competente en materia de xuventude: https://xuventude.xunta.gal/

Artigo 19. Réxime de recursos

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa. Se non o for, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 20. Lista de espera

1. As entidades solicitantes que cumpran os requisitos exixidos e non sexan propostas como adxudicatarias inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario correspondente pasarán a conformar unha lista de espera por rigorosa orde de puntuación obtida.

2. No caso de producirse renuncias ou revogacións das subvencións concedidas, o órgano instrutor poderá realizar novas propostas de resolución de concesión para as entidades incluídas na antedita lista, con atención rigorosa á orde da puntuación establecida nela, e sempre que exista crédito axeitado e suficiente.

Así mesmo, e nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano instrutor poderá propoñer novas concesións de subvencións á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación.

3. A partir do 1 de xullo de 2025 non se realizarán novas propostas de resolución, co fin de que se poidan realizar as 3 fases e rematar os programas que se van subvencionar a través desta orde no prazo máximo previsto.

Artigo 21. Efectividade da resolución

1. A resolución comprenderá o acto de outorgamento da subvención que será efectiva desde o día seguinte ao da súa publicación.

A efectividade da resolución estará condicionada a que, no prazo de 10 días hábiles contados desde a dita publicación, a entidade beneficiaria a acepte expresamente mediante a presentación por medios electrónicos do anexo IV debidamente cuberto, e no cal se incluirá:

• En caso de aceptar a subvención, o número de conta bancaria co código IBAN da que sexa titular a persoa beneficiaria.

• Se é o caso, a solicitude do anticipo previsto no artigo 24 marcando o recadro previsto para o efecto.

Xunto co mencionado anexo IV achegarase o extracto da convocatoria do proceso selectivo das persoas mozas participantes, nos termos establecidos no artigo seguinte.

2. Para as entidades beneficiarias das subvencións que non presenten en prazo e forma o anexo IV, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude, por delegación da persoa titular da consellería, declarará a perda do dereito á subvención, logo de resolución ditada nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 22. Proceso selectivo das persoas mozas participantes

1. Para garantir os principios de publicidade, igualdade e libre concorrencia, as entidades beneficiarias da subvención deberán publicar a convocatoria para a participación das persoas mozas participantes que cumpran os requisitos do artigo 3 desta orde nos programas subvencionados nalgún dos seguintes medios: na súa páxina web, redes sociais ou radio/prensa local. As publicacións deberán respectar as medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo 26 desta orde, e a convocatoria realizarase seguindo o modelo que se publicará na páxina da dirección xeral competente en materia de xuventude: https://xuventude.xunta.gal/

Non está permitida a publicación de convocatorias de selección con carácter previo á notificación da resolución de concesión.

Así mesmo, os extractos da convocatoria para participar nos programas subvencionados serán publicados na páxina web da dirección xeral competente en materia de xuventude: https://xuventude.xunta.gal/

Para tal efecto, no prazo dos 10 días hábiles seguintes á publicación da resolución de concesión das subvencións, as entidades beneficiarias presentarán, xunto co anexo IV, un extracto da convocatoria á dirección xeral competente en materia de xuventude. Este extracto conterá, como mínimo, a forma e prazo de presentación de solicitudes, que será como mínimo de 1 mes, os destinos das prácticas formativas non laborais, e un teléfono e correo electrónico de contacto.

2. Para o caso de que concorran máis persoas mozas candidatas que prazas ofertadas, no proceso selectivo teranse en conta uns criterios mínimos de avaliación, que son:

a) Persoas que están en situación ou risco de exclusión social, conforme o indicado no artigo 3.d.4): 6 puntos.

b) Puntuarase a antigüidade no ficheiro do SNGX como persoa beneficiaria desde a última data que figure sen interrupción ata a data en que remate o prazo de presentación de solicitudes: ata 1,5 puntos, puntuando 0,10 por cada mes que leve inscrita.

c) A idade da persoa solicitante na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes: ata 1,5 puntos, coa seguinte escala:

Maiores de 28 anos: 1,5 puntos.

De 26 a 27 anos: 1,3 puntos.

De 24 a 25 anos: 1,1 punto.

De 22 a 23 anos: 0,9 puntos.

De 20 a 21 anos: 0,7 puntos.

De 18 a 19 anos: 0,5 puntos.

3. No suposto de que se produzan empates nas puntuacións de dúas ou máis persoas solicitantes, os criterios de desempate serán os seguintes:

a) En primeiro lugar, a puntuación máis alta obtida nos criterios da epígrafe precedente na mesma orde en que están establecidos.

b) En segundo lugar, igualdade de xénero: darase preferencia ás mulleres.

c) Por último, de persistir o empate, terase en conta a orde de entrada da solicitude.

4. Será responsabilidade das entidades beneficiarias durante o proceso de selección das persoas mozas participantes obter da dirección xeral competente en materia de xuventude o cumprimento dos requisitos de cada persoa moza participante de inscrición e beneficiario/a no ficheiro do SNGX e como persoa moza residente na Comunicade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano, logo de envío da listaxe de solicitantes e do anexo V de autorización de comprobación de datos.

Para os efectos desta verificación, as entidades beneficiarias enviarán á Dirección Xeral de Xuventude a lista de persoas candidatas do proceso de selección.

5. Rematado o proceso de selección das persoas mozas participantes, as entidades beneficiarias achegarán a seguinte documentación:

a) Anexo VI, cos resultados do proceso selectivo, onde consten:

1º. A relación de persoas seleccionadas, co seu DNI/NIE e demais datos que acrediten o cumprimento dos criterios de avaliación aplicados.

2º. A relación de empresas/entidades onde realizará as prácticas formativas non laborais cada unha das persoas mozas participantes, con indicación da persoa que os/as titorizará na empresa/entidade.

3º. O calendario de realización das prácticas formativas non laborais de cada persoa participante, no cal se indique claramente a data de comezo e fin, os días laborables da semana e o horario.

b) Copia das actas do proceso selectivo onde figuren as persoas seleccionadas para realizar as prácticas formativas non laborais e, se é caso, as puntuacións obtidas segundo os criterios de avaliación.

c) Copia da póliza de seguro de accidentes e de responsabilidade civil e seguros médicos, necesarios para dar cobertura a todas as persoas mozas participantes no proxecto aprobado e durante todas as actuacións que conforman as tres fases do programa, con carácter previo ao inicio das actuacións e que cubra tamén os gastos de accidente in itinere.

d) No caso de que se adquirise o compromiso de contratar persoal para o programa, certificación da persoa representante da entidade en que conste o nome da persoa ou persoas contratadas, a súa titulación, experiencia e o número de horas ou a xornada dedicada ao programa.

e) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa moza participante, no caso de que a última variación padroal sexa inferior a un ano.

A dirección xeral competente en materia de xuventude revisará a documentación e o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3 por parte das persoas mozas seleccionadas, como requisito previo ao inicio da fase de organización e planificación.

6. De producirse renuncias ou baixas de persoas mozas participantes, unha vez adxudicadas as prazas, e sempre que sexa na fase de organización e planificación, poderán ser substituídas por persoas mozas participantes da lista de espera sempre que poidan realizar un mínimo de dous meses consecutivos de prácticas formativas non laborais.

Artigo 23. Xustificación da subvención

1. A xustificación da subvención realizarase de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a través da modalidade de custos simplificados e financiamento no vinculado a custos segundo o previsto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (concretamente, conforme os artigos 94.4 e 95.1 do devandito regulamento).

2. O método de xustificación empregado será o de módulos de custos unitarios e financiamento non vinculado a custos previstos no Regulamento delegado (UE) 2022/2175 da Comisión, do 5 de agosto de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á definición de custos unitarios e ao establecemento de importes de financiamento non vinculado aos custos para determinadas operacións destinadas a facilitar a integración dos mozos no mercado laboral, o sistema educativo e a sociedade no marco da iniciativa ALMA.

3. Establécese como data límite de xustificación da subvención concedida o 15 de decembro de 2025.

4. Para a xustificación, as entidades beneficiarias deberán achegar a seguinte documentación xunto co anexo X (Memoria descritiva):

a) Memoria económica co seguinte contido:

– Unha declaración da entidade beneficiaria que debe incluír unha relación das persoas mozas participantes en cada unha das tres fases; o número de días de participación en cada unha das fases do proxecto por cada persoa participante e o Estado membro da UE onde cada persoa participante realizou a mobilidade.

– A contía da subvención, calculada conforme o previsto no artigo 7, e das actividades cuantificadas na declaración a que fai referencia a epígrafe anterior multiplicadas polo módulo establecido. A contía aplicada deberá desagregarse de forma que quede identificado o custo base e o suplemento previstos no artigo 7 desta orde.

As actuacións acreditaranse coa comprobación da realización efectiva da acción e cumprimento dos resultados a que están vinculados, e de conformidade co método de custos simplificados e financiamento non vinculado aos custos.

b) Documentación para a fase de preparación:

– Relación de altas, baixas, modificacións ou substitucións das persoas mozas participantes.

– Declaración das persoas mozas participantes de ter recibido información sobre a data de inicio das actividades e o seu compromiso.

– Acordo de cooperación entre a organización de envío e a persoa participante.

– Itinerario personalizado asinado pola persoa participante previsto no artigo 5.2.a).

c) Documentación para a fase de mobilidade nun Estado membro da UE:

– Relación de altas, baixas, modificacións ou substitucións das persoas mozas participantes e dos países de destino.

– Carta de compromiso entre a empresa, entidade ou institución onde se realizaron as prácticas e a persoa moza participante.

– Certificado de prácticas formativas non laborais emitido pola empresa, entidade ou institución onde se realizaron as prácticas, segundo o modelo que se publicará como anexo VII.

– Proba documental de asistencia diaria ás prácticas, asinada pola/s persoa/s da empresa, entidade ou institución que exerceu a titoría das prácticas e a persoa moza participante, no modelo que se publicará como anexo VIII.

– Plan de execución dos acordos de colaboración asinados coa entidade social no país de destino.

d) Documentación para a fase de seguimento:

– Relación de altas, baixas, modificacións ou substitucións das persoas mozas participantes e dos países de destino.

– A ficha de seguimento e avaliación final das persoas mozas participantes.

– Documentación do plan formativo complementario en habilidades e competencias para o emprego realizadas coa persoa moza participante de acordo co establecido no artigo 5.2.c) e segundo o modelo que se publicará como anexo IX. Este documento deberá estar asinado polo profesional da formación e a persoa moza participante.

e) Memoria descritiva das actividades realizadas en que consten:

• Actividades realizadas na preparación e planificación.

• Actividades realizadas na titorización e apoio.

• Plan formativo desenvolvido.

• Aspectos salientables da execución do proxecto: dificultades, apoios, modificacións que se produciron.

• Avaliación e seguimento: breve indicación xeral dos logros das persoas mozas participantes de acordo cos obxectivos do proxecto.

• Declaración complementaria de non ter percibido outras subvencións para a mesma actividade das administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

f) Documentación acreditativa do cumprimento das obrigas en materia de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas nos artigos 47 e 50 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, mediante achegas de copias da documentación utilizada, fotografías dos carteis expostos, indicación da páxina web, etc. Na documentación que se presente terán que verse con claridade os logotipos da UE e da Xunta de Galicia.

g) Documentación acreditativa dos seguros médicos, de accidentes e de responsabilidade civil necesarios para dar cobertura a todas as persoas mozas participantes no proxecto aprobado e durante todas as actuacións que conforman as tres fases do programa, con carácter previo ao inicio das actuacións e que cubra tamén os gastos de accidente in itinere.

Artigo 24. Pagamento da subvención

1. Unha vez recibida e comprobada a documentación xustificativa poderase proceder ao pagamento da subvención concedida. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao orzamento subvencionable e no caso de incumprimento de obrigas, a contía da subvención será minorada de maneira proporcional e seguindo os criterios sinalados no artigo 27.

2. Poderanse realizar pagamentos anticipados de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria, podendo solicitar un anticipo de ata o 80 % do importe da subvención concedida. A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá solicitalo marcando no recadro do anexo IV. Esta solicitude deberase presentar, de acordo co previsto no artigo 10, no prazo de dez días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación da resolución de concesión, a través do anexo IV.

As entidades beneficiarias estarán exoneradas da constitución de garantía ao abeiro do artigo 65.4.f) e h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Non poderán realizarse pagamentos da subvención, de acordo co artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en canto a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor/a por procedencia de reintegro.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais de cumprir as restantes obrigas previstas nesta orde e as establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás subvencións públicas, deberán:

a) Cumprir o obxectivo e a finalidade, executar o proxecto, levar a cabo a actividade e adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante a dirección xeral competente en materia de xuventude na forma e o prazo que establece o artigo 24 desta orde.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinan a concesión ou o beneficio da subvención, mediante os xustificantes e as evidencias que prevé esta orde, que deben cubrir o importe financiado e o cumprimento da finalidade pola que se concedeu a subvención.

c) Conservar os xustificantes orixinais, así como calquera outra documentación relacionada coa subvención outorgada.

d) Propoñer ao órgano competente calquera cambio que, de acordo coa normativa vixente, poida producirse no destino da subvención, sen variar a súa finalidade. Este cambio debe notificarse previamente e por escrito ao órgano instrutor con anterioridade á finalización do prazo de execución, que debe valorar a proposta de modificación e pode aceptala, se non implica cambios substanciais nin representa ningún incumprimento dos requisitos e condicións que establece esta orde. Os cambios non comunicados ou que non fosen aceptados darán lugar ao reintegro total ou parcial da subvención, de acordo co que prevé o artigo 26 desta orde.

e) Acreditar ante o órgano convocante a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

f) Comunicarlle ao órgano convocante calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas mozas participantes e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Difundir a convocatoria do seu programa de prácticas formativas non laborais para a selección de mozos e mozas publicamente e coa adecuada antelación a través da internet (páxinas web e/ou redes sociais, así como na páxina web (http://xuventude.xunta.gal), ou outros medios de difusión complementarios, de xeito que poidan ser coñecidas por todas as persoas potencialmente beneficiarias destas.

h) Dispor dunha ou varias empresas ou entidades colaboradoras para a realización das prácticas formativas non laborais da fase de mobilidade.

i) Dispor dos seguros médicos, de accidentes e de responsabilidade civil necesarios para dar cobertura a todas as persoas mozas participantes no proxecto aprobado e durante todas as actuacións que conforman as tres fases do programa, con carácter previo ao inicio das actuacións e que cubra tamén os gastos de accidente in itinere.

j) Manter o contacto coa dirección xeral competente en materia de xuventude, durante todo o período de execución do programa subvencionado, en todas as súas fases, e ata un ano despois da súa finalización.

k) Asistir ás xornadas formativas, informativas e de networking ás cales sexan convocadas, durante o período de execución do programa subvencionado, e ata un ano despois da súa finalización.

l) Satisfacer, no momento do seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, se as houber, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

m) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa acreditada para cumprir as condicións da subvención.

2. Ademais, por tratarse de axudas cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, as entidades beneficiarias deberán cumprir coas seguintes obrigas:

a) Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas mozas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

b) Así mesmo, as persoas mozas participantes serán informadas de que o programa está cofinanciado pola Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude) e pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027, debendo figurar os emblemas, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás persoas usuarias ou participantes (incluídas as comunicacións).

c) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

d) Conservar todos os documentos acreditativos das actuacións cofinanciadas (en todos os casos, os relativos á execución das actuacións; e, ademais, os documentos xustificativos dos gastos en caso de conta xustificativa con achega de xustificantes de gasto) durante o prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión realice o último pagamento ao beneficiario do fondo.

e) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da dito/a participante coa actuación cofinanciada e deberán intentar recollerse no primeiro día de incorporación da persoa moza contratada á entidade beneficiaria. Pola súa banda, os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, e deberán estar recompilados previamente á presentación da documentación xustificativa da correspondente subvención regulada no artigo 24. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación do/da participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitarase á entidade beneficiaria o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas mozas participantes na aplicación informática Participa 2127.

Artigo 26. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención

1. O incumprimento total ou parcial por parte das entidades beneficiarias das obrigas establecidas nesta orde, así como na demais normativa aplicable e, con carácter xeral, ás subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, orixinará o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de subvencións máis os xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionable.

b) Non realizar a actividade obxecto de subvención, ou adoptar un comportamento contrario a que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionable.

c) Incumprimento do requisito de estar as persoas mozas beneficiarias inscritas no SNGX e coa condición de beneficiario/a e da súa verificación ante o órgano convocante: desconto da contía correspondente ao custo unitario e suplemento establecido para cada persoa participante en proporción aos días que afecta o incumprimento.

d) Incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, dará lugar ao reintegro dun 10 % do total da subvención.

e) Incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas: reintegro do 100 % do importe da subvención percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puideran corresponder.

f) A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 47 e 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas: reintegro das cantidades percibidas.

g) Incumprimento da obriga de presentación de documentación exixida para xustificar os gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación, procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionable. No suposto de presentación de parte da documentación exixida ou de presentación de documentación incorrecta, o importe para reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

h) Incumprimento da obriga de presentar a certificación das prácticas formativas non laborais, así como a proba documental de asistencia diaria ás prácticas: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionable correspondente ao custo unitario e suplemento das persoas mozas participantes que non se certifiquen.

i) Incumprimento da obriga de devolver cubertos ao órgano concedente os cuestionarios cos datos relativos aos indicadores de realización e de resultados que se lles soliciten: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionable correspondente ao custo unitario e suplemento das persoas mozas participantes que non acheguen os ditos datos.

j) Incumprimento da obriga de acreditar a cobertura de seguros de responsabilidade civil e de accidentes, así como a asistencia sanitaria durante as tres fases do programa:

Reintegro do 2 % do gasto subvencionable se o incumprimento afecta algún dos seguros.

Reintegro do 1 % do gasto subvencionable se o incumprimento afecta días de algún dos seguros.

k) Incumprimento das obrigas das entidades beneficiarias de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no artigo anterior: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionable.

l) Incumprimento da obriga das entidades beneficiarias de manter un sistema de contabilidade separada prevista no artigo anterior: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionable.

m) Incumprimento da obriga das entidades beneficiarias de manter unha pista de auditoría suficiente prevista no artigo anterior: reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionable.

n) Falta de asistencia ás prácticas formativas non laborais.

Cando se produza unha falta de asistencia á práctica e cando as persoas mozas participantes nos programas abandonen ou interrompan a súa participación, procederá o reintegro da subvención proporcional ao número de días de prácticas deixados de realizar.

No suposto de que a persoa moza participante que abandona ou interrompe o programa sexa substituída de conformidade co establecido no artigo 22.6 desta orde, non procederá o reintegro.

Así mesmo, serán exceptuados da obriga de reintegro por falta de asistencia ata un máximo de 3 días no caso de enfermidade común acreditada co correspondente informe médico.

Considérase causa xustificada en todo caso a entrevista laboral ou a sinatura dun contrato de traballo, a concesión dunha bolsa de traballo ou de estudos, a realización de exames de estudos oficiais, a enfermidade grave da persoa participante ou a enfermidade grave/morte ou hospitalización dun familiar de ata 2º grao e outra causa xustificada non imputable á persoa beneficiaria.

Estes descontos aplicaranse ao custo unitario e suplemento establecido para cada persoa participante.

ñ) O incumprimento por parte das entidades beneficiarias da obriga de realizar as súas obrigas de orientación laboral e/ou formación das persoas mozas participantes dará lugar ao reintegro dun 10 % do total da subvención.

3. No caso de que as persoas mozas participantes non observen un código ético de conduta, creando durante o desenvolvemento das prácticas formativas non laborais unha situación conflitiva, que prexudica a convivencia e o normal desenvolvemento da actividade do centro de prácticas, a entidade responsable, logo de dar audiencia á persoa interesada e a vista do informe conxunto da persoa que titoriza as prácticas e da entidade beneficiaria, a dirección xeral con competencia en materia de xuventude poderá ordenar a cancelación das prácticas e deberán reintegrar os importes recibidos da súa bolsa en caso de faltas graves reiteradas.

4. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 27. Devolución voluntaria do reintegro da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82 2080 0300 87 3110063172 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante a dirección xeral competente en materia de xuventude un escrito de devolución voluntaria da subvención e unha copia xustificativa da devolución voluntaria realizada na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e a denominación da subvención concedida.

Artigo 28. Asistencia, seguimento e avaliación

1. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da dirección xeral competente en materia de xuventude, a través da subdirección xeral competente en programas e asesoramento para a xuventude, é o órgano encargado de realizar as tarefas de supervisión, coordinación, asistencia técnica, seguimento e control e avaliación da xestión dos programas, así como das subvencións concedidas.

2. Ademais de tramitar e resolver o expediente de solicitude e de transferir os fondos correspondentes, a dirección xeral competente en materia de xuventude, a través da subdirección xeral competente en programas e asesoramento para a xuventude, realizará as seguintes actuacións:

a) Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo ás entidades solicitantes dos programas, tanto na súa preparación como no seu desenvolvemento, para os efectos de conseguir o éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral.

b) Seguimento e avaliación da xestión: obtendo das persoas responsables a información referente aos programas de prácticas formativas non laborais que están a realizar, en canto ás datas de realización, ás persoas que titorizan as prácticas, ao persoal de apoio e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

c) Control das subvencións concedidas e liquidación do expediente.

d) Control dos resultados obtidos, segundo o establecido no artigo seguinte.

Artigo 29. Control dos resultados obtidos

Para os efectos do seguimento dos resultados obtidos nos programas de prácticas formativas non laborais subvencionados, a dirección xeral competente en materia de xuventude realizará as seguintes actuacións:

a) Antes de rematar o período de realización de cada programa poñerase á disposición de cada entidade, a través da aplicación informática Participa 2127 un cuestionario mediante o cal se lles solicitarán os datos relativos aos indicadores de resultados inmediatos que procedan de cada participante. As entidades terán a obriga de colaborar coa dirección xeral competente en materia de xuventude para que, no prazo máximo de 10 días hábiles contados a partir das catro semanas seguintes ao remate do período de realización do programa, os/as participantes envíen debidamente cuberto o mencionado cuestionario.

b) No prazo de 6 meses desde o remate do período de realización das prácticas formativas non laborais, a dirección xeral competente en materia de xuventude poderá requirir a actualización destes datos, coa finalidade de cubrir os indicadores de resultado a longo prazo.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007,do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 31. Normativa de aplicación

1. Esta orde axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. Igualmente, é de aplicación o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e política de visados; o Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) 1296/2013; o Regulamento delegado (UE) 2022/2175 da Comisión, do 5 de agosto de 2022, polo que se completa o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta á definición de custos unitarios e ao establecemento de importes de financiamento non vinculado aos custos para determinadas operacións destinadas a facilitar a integración dos mozos no mercado laboral, o sistema educativo e a sociedade no marco da iniciativa ALMA; así como pola Orde TES/106/2024, do 8 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo Plus durante o período de programación 2021-2027.

Disposición adicional primeira. Información á Base de datos nacional de subvenciones

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude, para resolver a concesión, denegación, modificación, a procedencia de reintegro, total ou parcial, a declaración de perda do dereito da subvención, ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Disposición adicional terceira. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

En canto non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte páxina web: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude para ditar, dentro das súas competencias, os actos e instrucións necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira Mª Casal García
Secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file