DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2025 Páx. 27239

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 2 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a consolidación e a estruturación de unidades de investigación competitivas nos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia e se procede á súa convocatoria para os anos 2025 e 2026 (código de procedemento IN845A).

BDNS (Identif.): 831641.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/831641

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das axudas os centros de innovación e tecnoloxía da Comunidade Autónoma que teñan a consideración de consolidados.

Teñen a consideración de centros tecnolóxicos consolidados aqueles que figuran inscritos (ou teñan resolución de recoñecemento como centro tecnolóxico ou centro de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal) no rexistro regulado no Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros.

Segundo. Finalidade

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Galega de Innovación dirixidas aos centros tecnolóxicos consolidados de Galicia para financiar gastos estruturais e de funcionamento coa finalidade de incentivar a transferencia de resultados da investigación, do coñecemento e das capacidades tecnolóxicas dos centros ao mercado.

Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para os anos 2025 e 2026 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia non competitiva (código procedemento IN845A).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Importe

Importe total da convocatoria: 6.200.000 euros coa seguinte distribución por anos:

2025

2026

Total

3.100.000 €

3.100.000 €

6.200.000 €

O importe das axudas determínase en función da valoración dunha serie de indicadores que miden, de forma obxectiva, a perspectiva financeira, de resultados e excelencia, e de persoal dos centros tecnolóxicos (indicadores que figuran no anexo II da convocatoria).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes. O dito prazo comezará a contar a partir dunha semana da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2025

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación