DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 2025 Páx. 27930

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se somete a información pública a aprobación inicial do Plan básico municipal do concello de Samos (Lugo).

De conformidade co disposto nos artigos 63 e 64 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e concordantes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a dita lei, os plans básicos municipais son os instrumentos de planeamento urbanístico que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non conten cun instrumento de planeamento xeral, e cuxa formulación, tramitación e aprobación corresponde á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

Atendendo a este mandato normativo, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acordou, mediante a Resolución do 30 de abril de 2025, aprobar inicialmente o Plan básico municipal do concello de Samos, sometelo a información pública e suspender o outorgamento de licenzas por un prazo de dous anos contados desde a aprobación inicial naqueles ámbitos en que a nova ordenación do Plan básico municipal altera a ordenación vixente, segundo o recollido no resumo executivo que se integra no expediente. En todo caso, a suspensión do outorgamento de licenzas extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

En cumprimento do disposto nos artigos 64.3 da Lei 2/2016, do 10 febreiro, e 156.3 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, sométese a información pública o Plan básico municipal do concello de Samos, polo prazo de dous meses contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o referido prazo, calquera persoa poderá examinar o documento en horario de oficina, nas seguintes dependencias:

– Servizo Provincial de Urbanismo do Departamento Territorial de Lugo (avenida Ramón Ferreiro, nº 28, 27071 Lugo. Tel.: 982 29 48 82).

– Concello de Samos (praza de España, nº 1, 27620 Samos, Lugo. Tel.: 982 54 60 02).

Así mesmo, poderá consultarse o documento a través do seguinte enderezo electrónico:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion-publica/urbanismo-territorio

Durante o referido prazo, calquera persoa poderá achegar alegacións no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos rexistros e oficinas sinalados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo