A Sociedade Anónima e Xestión do Plan Xacobeo prevé, no seu obxecto social, as relacións coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago. Considérase clave a colaboración, a distintos niveis, coas devanditas entidades, pois son historicamente o máis relevante factor de dinamización desde a sociedade civil do Camiño e das súas rutas, tanto en Galicia como no resto de España e noutros países do mundo.
No marco das distintas liñas de actuación que promove a Axencia de Turismo de Galicia –ente que exerce a tutela da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo–, é a difusión e a colaboración coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, da cultura xacobea e a recuperación, o mantemento e a difusión do Camiño de Santiago.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) para o que se habilita unha ligazón na Guía de procedementos e servizos co código CT300A.
Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
As bases poderanse consultar na sede da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, na web https://www.turismo.gal/espazo-institucional/xacobeo/convocatorias ou nos teléfonos 881 99 62 65/881 99 62 64.
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2025
Ildefonso de la Campa Montenegro
Director de Administración e Relacións coas Asociacións
de Amigos do Camiño de Santiago Sociedade Anónima
de Xestión do Plan Xacobeo
