En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar o 7 de abril de 2025, adoptou a seguinte resolución:
Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Comunal de Xuio, Dornela e Valfrío, no concello do Carballiño, resultan os seguintes feitos:
Primeiro. Con data do 29 de agosto de 2023 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Hilario Gulías Marta, en que solicitaba a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas Comunal de Xuio, Dornela e Valfrío, no concello do Carballiño.
Segundo. Con data do 9 de setembro de 2024, o xurado provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, abrindo un período dun mes para a práctica de alegacións.
Terceiro. No prazo concedido para a práctica de alegacións non consta que se presentase ningunha.
Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que figura no expediente, descríbese así:
Nome do monte: Comunal de Xuio, Dornela e Valfrío.
Superficie: 3,34 ha.
Pertenza: veciños/as de Xuio, Dornela e Valfrío.
Parroquia: Lobás (Santa Ouxea) e A Piteira (San Miguel).
Concello: O Carballiño.
Descrición dos predios que constitúen o monte:
Predio 1:
Os terreos incluídos neste predio constitúen un único couto redondo, segundo a definición que figura no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ben que están atravesados polo camiño correspondente á R.C. 32020A01709003.
|
Parcelas obxecto de clasificación |
Parcelas estremeiras |
|
|
Referencia catastral |
Lindes |
Referencia catastral |
|
32020A01702445 32020A01702521 |
Norte |
32020A01700035 |
|
Leste |
32020A01702446 32020A01709013 32020A0170393 32020A01701391 32020A01701386 |
|
|
Sur |
32020A01701386 32020A01702487 |
|
|
Oeste |
32020A01702487 32020A01709013 32020A01702444 |
|
Predio 2:
|
Parcelas obxecto de clasificación |
Parcelas estremeiras |
|
|
Referencia catastral |
Lindes |
Referencia catastral |
|
32020A01801865 (parte) |
Norte |
32020A01809005 |
|
Leste |
32020A01809005 |
|
|
Sur |
32020A01801404 32020A01801403 32020A01802064 |
|
|
Oeste |
32020A01802064 32020A01801865 (resto) 32020A01801412 32020A01801415 32020A01809005 |
|
Os terreos correspondentes co predio 2, así como a extensión do predio 1 situada ao sur do camiño coa R.C. 32020A01709003, están poboados por unha masa adulta de piñeiro do país procedente de rexeneración, en estado de fustal alto (predio 2) e latizal alto-fustal baixo (predio 1). O resto dos terreos, situados ao norte do antedito camiño, atópanse maiormente a raso, con algunha mancha localizada de carballos e acacias.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».
Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, correspondendo constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense.
Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común acredita mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.
En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e demais normativa legal e regulamentaria, o xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,
RESOLVE:
Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado Comunal de Xuio, Dornela e Valfrío, no concello do Carballiño, de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 7 de maio de 2025
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
