Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Peticionaria: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida América, 38, 28028 Madrid.
Denominación: Substitución CT Polígono-Monforte-27C383 (Monforte de Lemos).
Situación: concello de Monforte de Lemos.
Características técnicas principais:
• Substitución do CTC existente 27C383 Polígono-Monforte (expediente 193/2016-REG) consistente na retirada do CT prefabricado de manobra exterior con transformador de 630 kVA e instalación dun novo CTC compacto de superficie de manobra interior de 630 kVA, no cal se instalan dúas celas de liña e unha de protección, relación de transformación 20.000/400-230V.
• LMT soterrada a 20 kV, con orixe nun PAS situado no apoio existente número 27-13 e final no CTC proxectado, cunha lonxitude de 25 metros en condutor RHZ1-240.
Finalidade da instalación: mellora da instalación.
Orzamento: 64.952,41 €.
Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Monforte de Lemos.
Este departamento territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, supeditada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
En relación coa instalación de baixa tensión, deberase seguir o disposto no artigo 18 do Real decreto 842/2002 para a súa posta en servizo, así como na súa instrución ITC-BT-04, e deberase achegar, no seu momento, a documentación exixida con carácter previo á posta en servizo da instalación, para a súa revisión por esta Administración e posterior inscrición da instalación no correspondente rexistro.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dous anos, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) nº 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 29 de abril de 2025
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
