DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 2025 Páx. 30311

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2025 pola que se amplía o prazo de presentación de candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial sustentabilidade 2025, previsto na Resolución do 23 de abril de 2025 pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2025 (código de procedemento VI490A).

O 30 de abril de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 23 de abril de 2025 pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2025 (código de procedemento VI490A).

O punto 2 da base reguladora terceira do anexo I da Resolución do 23 de abril de 2025 establece que a presentación de candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2025 se poderá realizar desde o sétimo día natural seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de maio de 2025.

Coa finalidade de promover a máxima participación nestes premios, procede ampliar o prazo inicialmente previsto para a presentación de candidaturas aos premios indicados.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Ampliar o prazo de presentación de candidaturas para concorrer aos premios galegos de arquitectura, rehabilitación e especial de sustentabilidade 2025, previsto no punto 2 da base reguladora terceira do anexo I da Resolución do 23 de abril de 2025 pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2025, ata o 13 de xuño de 2025.

Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo