DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 28 de maio de 2025 Páx. 30303

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2025 sobre delegación de competencias da Presidencia na Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural.

O Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, modificados a través do Decreto 107/2019, do 5 de setembro, establece a distribución competencial dos órganos de goberno e dos órganos executivos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria de Galicia.

A persoa titular da Presidencia, máximo órgano unipersoal executivo da Axencia, é, por razón do seu cargo, a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura, polo que, tendo en conta a complexidade e a variedade de funcións propias, resulta conveniente acudir á delegación de competencias que permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como das persoas administradas, dentro do debido respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Por esta razón, de acordo co disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos,

RESOLVO:

Primeiro. Delegación na Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural as competencias para resolver os recursos administrativos de alzada, e mesmo suspender a execución dos actos impugnados que se presenten contra resolucións ditadas pola Dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Segundo. Réxime xurídico da delegación de competencia

1. O exercicio da competencia que se delega nesta resolución axustarase ao disposto no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. En calquera momento, a persoa titular da Presidencia poderá revogar o exercicio da competencia que se delega ou avocar para si o coñecemento dun asunto concreto relativo á dita competencia.

3. Os actos e resolucións administrativas ditados por delegación farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Terceiro. Eficacia da delegación de competencias

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025

María José Gómez Rodríguez
Presidenta da Axencia Galega da Calidade Alimentaria