DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 2 de xuño de 2025 Páx. 30998

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autoriza e se publica o acordo adoptado pola Comisión Central de Seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

De conformidade coas competencias previstas nas normas I.6.1 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, asinado o 13 de xuño de 2016, no seo da Comisión Central de Seguimento do devandito pacto, na reunión mantida o 20 de maio de 2025, adoptouse o acordo que se recolle nesta resolución.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos

ACORDO

Modificación da data de valoración de requisitos e méritos para a actualización das listas de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria:

De modo excepcional –con motivo da finalización no mes de setembro de 2025 do colectivo de residentes que, polo atraso xerado durante a pandemia do coronavirus SARS-CoV-2, iniciou nese mesmo mes do ano 2020 a formación nas especialidades de cinco anos– na actualización de todas as listas de licenciados/as sanitarios/as de atención hospitalaria que se leve a cabo ao longo do ano 2026 teranse en conta todas as inscricións rexistradas ata o 31 de outubro de 2025 e valoraranse todos os méritos causados ata o 15 de outubro de 2025.