O artigo 28 da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, dispón que a organización e o funcionamento do Consello Consultivo de Galicia se rexerá polo seu propio regulamento de organización e funcionamento, que será elaborado polo Consello Consultivo e aprobado polo Consello da Xunta.
Actualmente tal regulamento foi aprobado polo Decreto 91/2015, do 18 de xuño, onde o capítulo I do título V daquel regula o seu persoal letrado.
Con esta modificación engádese a este regulamento un artigo, de carácter organizativo, para que o Consello Consultivo conte cun letrado ou cunha letrada maior dentro do persoal letrado regulado no artigo 30 da Lei 3/2014, igual que sucede noutros órganos consultivos autonómicos.
Ademais do precepto único, consistente en engadir un novo precepto ao Regulamento, este decreto recolle unha disposición derradeira única sobre a súa entrada en vigor.
O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia por ser un instrumento necesario e axeitado para servir ao interese xeral reforzando as funcións xurídicas do organismo mediante a posibilidade de contar cun letrado ou letrada maior no Consello Consultivo, e ten como premisas os criterios de racionalización administrativa, con atribución de funcións específicas a tal letrado ou letrada maior ata este momento sen referencia específica no Consello Consultivo. Cumpre co principio de proporcionalidade e é o instrumento normativo necesario para o fin descrito, coa regulación imprescindible para atender esta necesidade. Finalmente, cumpre cos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas, así como cos principios de simplicidade e eficacia.
Na súa virtude, por proposta do Consello Consultivo de Galicia, tramitada por conduto da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xuño de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, aprobado polo Decreto 91/2015, do 18 de xuño
Engádese un artigo 49.bis ao Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, aprobado polo Decreto 91/2015, do 18 de xuño, coa seguinte redacción:
«Artigo 49.bis. Letrado ou letrada maior
1. O Consello Consultivo contará cun letrado ou cunha letrada maior dentro do persoal letrado regulado no artigo 30 da Lei 3/2014, do 24 de abril. O seu sistema de provisión, así como a competencia para a convocatoria e a resolución do correspondente proceso de provisión, serán os previstos no dito precepto legal.
2. O letrado ou a letrada maior, ademais das funcións do artigo 49, desenvolverá, baixo a dirección e a responsabilidade da persoa titular da Presidencia, as seguintes funcións específicas:
a) Coordinar a actividade do persoal letrado relacionada coas funcións de estudo dos asuntos sometidos a consulta do Consello Consultivo e de preparación e redacción de proxectos de ditames, informes e propostas, dentro do necesario respecto á dirección e responsabilidade que, en relación co exercicio de tales funcións do persoal letrado, lles corresponden á persoa titular da Presidencia e aos conselleiros ou conselleiras.
b) Servir de interlocutor ou interlocutora entre a persoa titular da Presidencia e o persoal letrado no que sexa de interese para o desenvolvemento das funcións encomendadas ao dito persoal.
c) As funcións de asistencia técnica e apoio técnico-xurídico á persoa titular da Presidencia e á persoa titular da Secretaría Xeral nas cuestións relacionadas coa actividade do Consello Consultivo que, na súa condición de letrado ou letrada maior, lle sexan encomendadas pola persoa titular da Presidencia».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
