Mediante a Orde do 22 de maio de 2025, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 101, do 28 de maio de 2025, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na Consellería de Economía e Industria.
De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 27 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei,
DISPOÑO:
Primeiro. Resolver a convocatoria e adxudicarlle destino á persoa cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, seleccionada conforme o establecido nas bases da convocatoria realizada por Orde desta consellería de 22 de maio de 2025, no posto de traballo que se indica no mesmo anexo.
Segundo. O cesamento no actual destino da persoa que obtivo a praza producirase, segundo o previsto no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, no prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou segundo o establecido na normativa da súa Administración de orixe.
O prazo para a toma de posesión do novo destino será de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte ao do cesamento, se non implica cambio de residencia, ou de sete (7) días hábiles, se comporta cambio de residencia.
Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.
O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licenzas que, de ser o caso, fosen concedidos ás persoas designadas. Nos supostos de incapacidade temporal, o cómputo do prazo iniciarase a partir da data de alta.
Terceiro. A xefatura de persoal do centro en que cause baixa o persoal funcionario, así como a daquel en que obteña destino efectuarán, dentro dos prazos sinalados no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e de toma de posesión.
Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
ANEXO
Apelidos e nome: Sánchez López, Fernando Manuel.
DNI: ***6357**.
Grupo/subgrupo: A1.
Corpo/escala: corpo facultativo superior, escala de enxeñeiros, especialidade enxeñaría industrial da Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Código do posto: EC.302.00.002.15770.001.
Denominación: subdirector/a xeral de Administración e Seguridade Industrial.
Nivel: 30.
Dependencia: Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.
Localidade: Santiago de Compostela.
* O DNI amósase cifrado co fin de protexer os datos de carácter persoal.
