DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 30 de xuño de 2025 Páx. 36126

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 18 de xuño de 2025 pola que se clasifica de interese educativo a Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila, con domicilio na avenida de Coímbra, número 1, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 5 de abril de 2025, Arturo Maneiro Vila, presidente da entidade fundadora da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila constituíuna a Fundación Montecelo, representada polo seu presidente Arturo Maneiro Vila, mediante escritura pública outorgada o 4 de marzo de 2025, ante o notario de Teo (A Coruña) Carlos Sebastián Lapido Alonso, co número de protocolo 353.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «favorecer o acceso ao ensino, facilitando residencia e alimentación aos estudantes universitarios nun contexto en que se promova a formación humana, cultural e científica das persoas, e proxectar a súa actividade ao servizo da comunidade universitaria.

No desenvolvemento da súa función educativa, a Fundación propón os seguintes fins:

a) Fomentar o sentido comunitario da convivencia para a súa formación integral.

b) Formarse con espírito de responsabilidade, especialmente a través do estudo e do logro académico profesional.

c) Proporcionar os medios para unha mellor e máis plena formación humana, social, ética e relixiosa.

d) Participar activamente na promoción e integración social das persoas no ámbito universitario.

e) Fomentar o espírito de liberdade, disciplina, austeridade, amor ao traballo e servizo á sociedade.

f) Facilitar unha formación académica complementaria aos estudos propios da universidade, así como impartir outras ensinanzas de acordo coa lexislación vixente.

g) Proporcionar aos estudantes un aloxamento e un ambiente adecuado para lograr o pleno desenvolvemento da súa personalidade.

h) Proporcionar orientacións que faciliten a elección da especialidade e o exercicio da profesión».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Gonzalo Eduardo Cortizo Ameal, como presidente; Luís Trincado Boville, como vicepresidente; Juan Vicente González Boo, como secretario, e Gerardo Jesús Gándara Moure, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese educativo e a súa adscrición á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 3 de xuño de 2025,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo a Fundación Colegio Mayor Universitario La Estila, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pode interpoñerse no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes