En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar o 2 de xuño de 2025, adoptou a seguinte resolución:
Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado De Bouzas, no concello de Maceda, resultan os seguintes feitos:
Primeiro. O 29 de novembro de 2023 tivo entrada no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural un escrito, dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de Francisco Javier Campos González e outra persoa, en que solicitaban a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas De Bouzas.
Segundo. O 16 de decembro de 2024, o Xurado Provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, abrindo un período dun mes para a práctica de alegacións.
Terceiro. No prazo concedido para a práctica de alegacións non consta que se presentara ningunha.
Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación existente no expediente, descríbese así:
Nome do monte: De Bouzas.
Superficie: 886 m2.
Pertenza: veciños/as de Bouzas.
Parroquia: As Chás (San Xoán).
Concello: Maceda.
Descrición dos predios que constitúen o monte:
O monte está formado por unha única parcela catastral de referencia 32044A030000900000UI e cunha superficie de 886 m2, segundo os datos da oficina virtual da Dirección Xeral do Catastro.
|
Parcela obxecto de clasificación |
Parcelas estremeiras |
|
|
Referencia catastral |
Lindeiros |
Referencia catastral |
|
32044A03000090 |
Norte |
32044A03000087 |
|
Leste |
32044A03009003 |
|
|
Sur |
32044A03000089 |
|
|
Oeste |
32044A03000088 |
|
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».
Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, correspondendo constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense.
Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.
En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, que establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e demais normativa legal e regulamentaria, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,
RESOLVE:
Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado De Bouzas, no concello de Maceda, de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 18 de xuño de 2025
Jose Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
