Na sesión que tivo lugar o 24 de xuño de 2025, o tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñeiros/as, especialidade de enxeñaría agronómica, convocado mediante a Resolución do 25 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 21, do 30 de xaneiro),
ACORDOU:
Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria e en relación co primeiro exercicio do proceso selectivo realizado o día 2 de xuño de 2025, unha vez revisadas as alegacións presentadas, desestimar na súa totalidade as reclamacións e alegacións presentadas.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será preciso obter un mínimo de quince (15) puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio aprobados polo tribunal na sesión do día 20 de maio de 2025, en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocado, sempre que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Non obstante, de darse o caso de que o número de aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas netas sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións, ata acadar a devandita cifra, sempre que obtivesen o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Partindo do anterior, asignarase a valoración de 15 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas). Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.
Realizada a corrección nesta mesma sesión, acadaron a puntuación mínima de 15 puntos un total de 6 persoas aspirantes, fixándose en 56 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria.
Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba realizada o día 2 de xuño de 2025, correspondente ao primeiro exercicio do proceso selectivo , para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñeiros/as, especialidade de enxeñaría agronómica, convocado mediante a Resolución do 25 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 21, do 30.01.2024) no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.
Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través do aplicativo Fides (https://fides.xunta.gal).
Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada perante persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025
Verónica Tellado Barcia
Presidenta do tribunal
