DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 16 de xullo de 2025 Páx. 39817

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Antonio Comba.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Antonio Comba, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 13.1.2025 Silvia Comba Rodríguez, presidenta do padroado da Fundación Antonio Comba, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Antonio Comba foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 3.10.2024, ante o notario Raúl Muñoz Maestre, co número de protocolo 6.758.

Tras requirimento do 25.2.2025, a Fundación Antonio Comba achega outra escritura outorgada o 28.3.2025, no mesmo lugar e ante o mesmo notario da anterior, co número de protocolo 2.597, que emenda a de constitución de conformidade co indicado no citado requirimento.

Terceiro. A Fundación Antonio Comba, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos ten por obxecto: o fomento, o desenvolvemento e/ou a realización de proxectos solidarios vinculados coa erradicación da pobreza enerxética e, en particular, coa protección dos colectivos desfavorecidos e as persoas con discapacidade relativos aos ditos fins.

Cuarto. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación inicial; os estatutos e a composición do padroado.

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, o réxime económico e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Silvia Comba Rodríguez, como presidenta; Mercedes Comba Otero, como vicepresidenta; Javier Cancela Vicente, como secretario; e Carlos José Fernández de Landa Suanzes, como vogal.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do 27.5.2025, elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese social da Fundación Antonio Comba, consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, pola Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 13.6.2025, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 121, do 26 de xuño, clasificouse como de interese social a Fundación Antonio Comba, e adscribiuse á Consellería de Economía e Industria para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73 , do 14 de abril), corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Antonio Comba, así como o exercicio das funcións do protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria, da Fundación Antonio Comba, polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Antonio Comba.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Economía e Industria.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego; así como na demais normativa que resulte de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación de seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Economía e Industria.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2025

José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria