DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 17 de xullo de 2025 Páx. 40313

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se convocan os aspirantes que deberán realizar as probas físicas e visuais exixidas aos integrantes das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas escalas e especialidades do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante a Resolución do 4 de xullo de 2025, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, publicáronse as persoas aspirantes que deberán realizar as probas físicas exixidas aos integrantes das listas reguladas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, correspondentes a determinadas escalas e especialidades do Servizo de Prevención contra Incendios Forestais. O punto segundo da dita resolución establece que as persoas aspirantes que vaian realizar a proba Field test deben remitir un certificado médico oficial ou informe de saúde, asinado por un colexiado en exercicio, en que se faga constar que non presentan enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico.

De acordo cos certificados médicos achegados e á vista das alegacións presentadas en prazo, e co fin de elaborar a lista definitiva para a cobertura dos postos de persoal laboral do SPIF.

Esta secretaria xeral técnica

RESOLVE:

Primeiro

1. Convocar as persoas aspirantes que achegaron o certificado médico para a realización da proba física Field test, que teñen número de orde para ser chamadas para algunha das seguintes especialidades das listas elaboradas polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo:

– Escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal-xefe de brigada.

– Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal-condutor de motobomba.

– Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal.

A proba física Field test realizarase os días 21 e 22 de xullo no Estadio Municipal Vero Boquete, sito na avenida de Fernando de Casas Novoa, 20, San Lazaro, en Santiago de Compostela (A Coruña), 15703.

2. A relación definitiva de persoas exentas e a relación de aspirantes convocados á realización da proba física relaciónase no seguinte enderezo electrónico: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/areas-tematicas/prevencion-incendios

Nesta relación indícanse os días e horas en que cada un dos aspirantes deberá presentarse no lugar indicado no punto anterior para a realización das probas físicas.

3. A proba física Field test consistirá en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos.

Segundo

1. Convocar as persoas admitidas na escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidades emisorista-vixilante/a fixo/a das listas do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para a realización da proba visual que terá lugar en:

– Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

– Rúa Madrid, 2-4 (As Fontiñas), 15781 Santiago de Compostela.

– Data: 23 de xullo de 2025.

2. A relación de aspirantes convocados á realización da proba visual relaciónase no seguinte enderezo electrónico: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/areas-tematicas/prevencion-incendios

3. A proba consiste en superar un exame da agudeza visual de lonxe en ambos os dous ollos, así como a visión cromática, realizado cun aparello para control da visión tipo Visiotest ou equivalente.

Terceiro

Os aspirantes acudirán á realización da proba provistos do DNI.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2025

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural