Visto o expediente para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica que se describe a seguir, tal e como se recollen no proxecto asinado o 24.4.2025 polo enxeñeiro técnico industrial Emilio Gómez Ramos, colexiado núm. 3637 do COETI Vigo, e visado polo citado colexio profesional o día 24.4.2025 co número 22500594.
Solicitante: Electra Alto Miño Distribuidora de Energía, S.L.
Enderezo: polígono Chan da Ponte, 19, 36450 Salvaterra de Miño (Pontevedra).
Denominación: reforma e ampliación potencia CTA 160 kVA Reza.
Situación: lugar de Reza, concello da Arnoia.
Orzamento: 21.021,00 €.
Características técnicas:
• Aumento de potencia do transformador CT Reza, situado sobre un apoio de formigón do tipo HV 1600/15, coa substitución do transformador aéreo existente por un novo transformador aéreo de 160 kVA de potencia aparente e r/t 20.000/400 V.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contado a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 25 de xuño de 2025
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense
