BDNS (Identif.): 849749.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/849749
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas
• Cooperativas agrarias.
• Cooperativas de utilización de maquinaria en común (CUMA).
• Cooperativas de explotación comunitaria da terra de 5 ou menos anos de antigüidade.
• As sociedades agrarias de transformación procedentes da fusión de polo menos dúas explotacións agrarias, nos últimos 5 anos naturais.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas en réxime de concorrencia competitiva para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia.
Para iso, serán subvencionables os seguintes investimentos:
a) Maquinaria agrícola.
b) Estudos técnico-económicos de viabilidade.
Non se subvencionarán:
a) A mera reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada.
b) O IVE e outros impostos.
c) Os investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais nin as máquinas de pequena significación para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.
d) A maquinaria e os equipamentos de carácter forestal.
e) Colleitadoras de forraxes cun uso previsto menor de 500 horas anuais.
f) A maquinaria de aplicación de xurro mediante sistemas de prato, abanico ou canóns.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 24 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, financiadas co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2022, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR351A).
Cuarto. Contía das axudas
O importe da axuda que se concederá a cada beneficiario será do 35 % dos custos elixibles, que se poderán incrementar ata un máximo do 50 % en función da aplicación dos seguintes criterios:
• 5 % no caso de investimentos en zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas recollidas no artigo 32 do Regulamento (UE) 1305/2013.
• 10 % por investimentos colectivos cando o beneficiario procede dunha fusión.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2025
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
