DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 8 de agosto de 2025 Páx. 43247

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 28 de xullo de 2025 pola que se fixa o prezo privado para a venda ao público dunha publicación editada pola Escola Galega de Administración Pública.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 240, do 11 de decembro), dispón que «son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos aos cales se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados».

Así mesmo, o artigo 51 da dita lei establece que «os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da de Economía e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente se poidan aplicar subvencións reguladoras». Para estes efectos, o proxecto normativo, xunto coa memoria económica en que se xustifican os aspectos anteriores, remitiuse á dirección xeral competente en materia de orzamentos. Así mesmo, a orde deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, despois de ver a proposta formulada pola Escola Galega de Administración Pública, e logo de informe favorable da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico,

ACORDO:

Artigo único

1. Queda aprobado o prezo de venda ao público da publicación editada pola Escola Galega de Administración Pública que se relaciona no anexo.

2. Este prezo entenderase co imposto sobre o valor engadido (IVE) incluído.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

As políticas rexionais de innovación empresarial en Galiza: análise de resultados no tecido produtivo a través do Fondo Tecnolóxico: 29,00 €.